Os concellos galegos máis afectados pola expansión da vespa asiática comezan a tomar medidas para facerlle fronte. O pasado 14 de xaneiro reuníronse en Ortigueira representantes dos voncellos da costa norte de Galicia, a zona máis afectada de Galicia, con representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e outros colectivos para artellar un plan de control sobre a praga da Vespa Velutina.
A Asociación Galega de Apicultura convocou esta reunión co obxecto de implicar á administración e outros colectivos afectados pola presenza da Vespa Velutina. A convocatoria tivo unha elevada participación con representantes dos concellos de O Vicedo, Alfoz, Xove, Cedeira, Ares, As Pontes, A Capela, Narón, Cariño, Valdoviño, Ortigueira e San Sadurniño, AGA Asociación Galega de Apicultura, Delegacións de AGA Eume, Ferrolterra e Ortegal, Asociación de Fruta Autóctona, Fruticultores de Galicia, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, GES de Ortigueira, GES de Ourol.
O motivo da reunión era tratar de vixiar e controlar esta enorme praga de vespas asiáticas que se desatou este ano en toda a costa norte de Galicia, provocando alarma social entre os apicultores, fruticultores e madeireiros, pero tamén con episodios perigrosos para o público en xeral.
Acordos da reunión:
Despois dun fructífero debate, acadáronse os seguintes acordos:
1.- Esixirlle á Xunta unha dotación suficiente ao servizo 012 para a retirada dos niños avistados de vespa velutina, que segundo a maioría dos asistentes resultou altamente insatisfactorio este ano, tanto en medios coma en eficacia.
2.- Os concellos presentes comprometéronse en aquirir un equipo mínimo de intervención inmediata, pértega con suministro dun insecticida para eliminar niños, sobre todo para lugares onde haxa risco para a poboación.
3.- Realizar unha campaña intensiva de información sobre colocación de trampas tanto no outono coma na primavera para capturar raíñas e así evitar niños. Nesta campaña poderían colaborar distintos estamentos: Xunta, concellos, asociacións de todo tipo, colexios etc.
4.- Tamén se elaborará un convenio tipo de colaboración para asinar entre AGA e os concellos con motivo de realizar distintas actividades para a vixianza e control desta praga.
AGA considera altamente satisfactoria esta reunión e móstrase optimista cara o futuro. Sobre todo porque en Francia hai distintos centros de investigación que están realizado os traballos básicos para elaborar unha feromona que permita capturar raiñas en outubro, novembro e de febreiro a abril co obxecto de minimizar os efectos desta praga.