Claves prácticas para o trampeo de raíñas de vespa asiática na primavera

A chegada da primavera activa ás raíñas de Vespa Velutina e é o momento de comenzar a colocar trampas para intentar frear a súa expansión.

Claves prácticas para o trampeo de raíñas de vespa asiática na primavera

Gráfico para a elaboración dunha trampa caseira de Vespa velutina cunha botella de plástico. Á dereita, especies que non hai que confundir coa vespa asiática.

Coa chegada da primavera está a piques de comezar tamén a tempada de colocación de novas trampas para capturar as raíñas de Vespa Velutina e tentar frear así a ameaza que supoñen estes exemplares asiáticos para as abellas. Coincidindo coa celebración da XXX Feira Apícola Rías Baixas, que terá mañá sábado o groso da súa programación, a Agrupación Apícola de Galicia imparte hoxe un obradoiro de trampas artesanais para atrapar ás raíñas de Vespa Velutina.

Nesta época as raíñas de Vespa Velutina saen na procura de alimento para elas, buscan azucre para sobrevivir e poder comezar logo a elaborar os niños primarios. Nas zonas da costa de Galicia é tempo xa para comezar a colocar as trampas. Tras un inverno duro, a saída das raíñas retrasouse case un mes con respecto a outros anos, tal e como apuntan dende a Agrupación. No interior de Galicia, nas zonas máis frías, aínda se retrasará preto de 15 días o comezo da colocación das trampas. A chegada do bo tempo e a subida das temperaturas será o indicador para iniciar o trampeo.

As trampas

As recomendación ofrecidas polo colectivo contemplan a elaboración de sinxelas trampas caseiras fabricadas a partir de botellas de plástico que serven de trampa para a raíña da ‘Vespa Velutina’, de modo que non consiga levar a cabo un novo niño, que implicará arredor de 20.000 obreiras.

Para as trampas caseiras, emprégase unha botella de plástico transparente de 1,5 litros, á que se lle corta a parte superior, que se coloca invertida no propio corpo da botella. No tapón realízase un burato duns 9 milímetros que permita a entrada da vespa velutina e que evita que entren outros insectos de maior tamaño coma mariposas. A uns centímetros do fondo da botella realízanse outros buratos cun punzón de menos de 5 milímetros de diámetro, de xeito que poidan sair outros insectos que acaben na trampa por erro. Por último fáiselle un pequeno tellado á trampa para evitar que entre a choiva.

Outra trampa sinxela consiste en optar por non cortar a botella e realizar buratos na parte superior tamén de 9 milímetros de diámetro. Neste caso é preciso facer unha especie de plataforma para que a velutina poida apoiarse e entrar. “Unha vez dentro, ó tratarse dunha botella transparente non consegue atopar a saída” explica Javier Seijo, técnico da Agrupación Apícola de Galicia, encargado de impartir o obradoiro. Neste caso, de novo, é preciso facer no fondo os buratos de 5 milímetros para que sí poidan escapar outros insectos de menor tamaño.

Líquido para as trampas

Ó ideal e que no fondo destas trampas se coloque unha esponxa empapada dun líquido atraínte para evitar que afoguen tanto as Vespas Velutinas como o resto dos insectos que poidan acceder. Exísten varias fórmulas para elaborar un cebo que resulte atraínte e estas son algunhas das máis empregadas:

-Dúas partes de viño, dúas partes de cervexa e unha parte de zume de arándos.

-Viño branco, cervexa negra e unha culler de mel.

Desde a Agrupación Apícola de Galicia son partidarios, non obstante, de empregar atraíntes comerciais, que xa inclúen os olores que resultan máis atraíntes para a vespa velutina. “Resultan máis selectivos e eficaces, aínda que supoñen un custo”, matiza Seijo.

Niño de vespa asiática.

Niño de vespa asiática.

Colocación das trampas

En canto á colocación das trampas, existen distintos puntos onde poden resutar efectivas:

-A carón de árbores con flor e de cores vivos como as camelias. Puntos que sexan fonte natural de aporte de hidratos para a Vespa Velutina e que unha vez alí acuda á trampa.

-Nas proximidades de antigos niños de Vespa Velutina. Tanto se foron retirados como se aínda se conservan, é unha zona na que adoita haber aínda raíñas.

Nesta época do ano é preferible a colocación nestas zonas no canto de situalas nos apiarios.

En canto á altura á que deben colocarse as trampas, “arredor de 1,5 metros pode ser unha boa altura, pero non está demostrado que sexan máis eficaces a unha altura que a outra. O importante é que queden cómodos tamén para a persoa e que se poidan revisar habitualmente para evitar que morran outros insectos”.

Procurar trampas cada vez máis selectivas

O gran inconvinte que presentan estas trampas é que á par de capturar as raíñas de Vespa Velutina, acaban accedendo, e boa parte das veces morrendo, outros moitos insectos, coma moscas, mosquitos ou incluso abellas. “Máis do 90% do que entra na trampa son outros insectos. O interesante é eliminar á Vespa Velutina pero non ó resto” recoñece Seijo. Por iso é fundamental activar mecanismos para evitar mortes innecesarias. Un das claves para evitalo é revisar con frecuencia as trampas para liberar o resto de insectos.

Existen tamén outros métodos para reducir o impacto noutras especies, como a colocación de pequenas rampas nos buratos inferiores e de menor tamaño das trampas para permitir que poidan saír por eles mesmos. Aínda que moitas veces xa só se coloca no interior das trampas o líquido, a colocación dunha esponxa tamén evita que afoguen todos os insectos que caian na trampa. Asimesmo, a utilización de atraíntes específicos para a Vespa Velutina tamén reduce o número de mortes.

XXX Feira Apícola Rías Baixas

A XXX Feira Apícola Rías Baixas celébrase no Centro Cultural de Porriño a partir das 10 h. da mañá do sábado. O evento inclúe unha xornada técnica e unha feira con mel, material apícola e artesanía. Detállase a continuación o programa da xornada técnica da Feira:

10.15 h. – Própole: métodos de recolección (Félix Adanero Jorge, doutor en Farmacia pola Universidade de León).

11.15 h. – Control da mortalidade e produción intensiva (David Sousa Alonso · Técnico apícola en Eco Abella S.L.).

12.30 h. – Inauguración das xornadas por parte das autoridades.

12.45 h. – Boas prácticas na alimentación apícola (Fina Gonell Galindo · Pajuelo Consultores Apícolas S.L.).

14:30 h. – Almorzo (só para socios da Agrupación Apícola de Galicia). Prezo 20€. – Reservas en info@naranjalimon.es

17 h. – Taller de nutrición e alimentación das abellas (Fina Gonell Galindo· Pajuelo Consultores Apícolas S.L). Este taller ten as prazas limitadas a socios/as da AAPP e Agrupación Apícola de Galicia. Inscripción previa en apicultoresvigo@yahoo.es

20 h. – Asemblea e actividades do ano 2018 da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra (AAPP).

21 h. – Peche da feira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información