Charla informativa este venres en Vilagarcía de Arousa sobre a Vespa Velutina

Charla informativa este venres en Vilagarcía de Arousa sobre a Vespa Velutina

A Asociación Galega de Apicultura organiza a charla “Vespa velutina, un perigo á porta da casa” este venres 29 de xuño ás oito da tarde na Casa da Cultura de Galáns (Rúa Galáns, 16) en Vilagarcía de Arousa. Será impartida polo voceiro de AGA, Xesús Asorey, e ten como obxectivo informar sobre os danos que está causando a praga do tártago asiático (Vespa velutina) e os actuais métodos de control para reducir os seus efectos.  A entrada é de balde e aberta a tódalas persoas interesadas.

A charla aborda un tema de actualidade e dunha grande repercusión ambiental e socioeconómica: a invasión da Vespa velutina no territorio galego. A chegada desta especie exótica invasora representa actualmente unha das maiores ameazas para a nosa biodiversidade.

Desde que aparecera en Galicia, fai apenas 8 anos, a súa expansión semella imparable e hoxe está xa presente en máis de 250 concellos galegos. O tártago asiático constitúe en primeiro lugar un importante problema ambiental, pois a súa alimentación está principalmente constituída por insectos polinizadores, dos cales as abellas constitúen un 40%.

Cada colonia de Velutina consume medio quilo de insectos ao día

Calcúlase que unha colonia de Vespa velutina consume medio quilo de biomasa animal ao día. Polo tanto, o dano na apicultura é indiscutible, con todas as consecuencias tanto a nivel medioambiental como económico que se derivan dela. Tamén o sector frutícola vese afectado, pois outra parte da súa alimentación baséase na froita madura. E outro dos perigos que representa esta praga son os problemas de seguridade cidadá, por picaduras e procesos alérxicos, sufridos en moitos casos na realización de tarefas agrícolas que irán en aumento coa chegada do verán. Do mesmo xeito, ao colonizar tamén zonas urbanas, constitúe un grave problema nas cidades, localizando os seus niños en árbores de parques, colexios, etc.

Malia as dificultades no control desta praga e posible erradicación, existen medidas que poden axudar a paliar os seus efectos adversos. “A administración ten a obriga de poñer os recursos para afrontala, pero deter esta invasión é unha responsabilidade de toda a sociedade. Todas as persoas podemos colaborar, pero é necesario ter información”, destacan dende a Asociación Galega de Apicultura.

Ó rematar á charla terá lugar a constitución da Delegación de AGA no Salnés, que terá como unha das súas misións traballar para o control da Vespa velutina. Desde AGA animan a todos os apicultores e apicultoras a asistir a esta reunión e participar na creación e desenvovemento desta nova delegación de AGA, que aportará moitos beneficios ó sector apícola desta comarca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información