Baleira acolle esta fin de semana a II Feira do Mel da montaña lucense

O sábado haberá encontro de apicultores e charlas formativas sobre como combater as enfermidades das colmeas de xeito máis ecolóxico e eficaz e o domingo terán lugar distintos obradoiros e concursos para todas as idades

Baleira acolle esta fin de semana a II Feira do Mel da montaña lucense

Edición anterior da Feira do Mel de Baleira.

O Cádavo acolle esta fin de semana a segunda edición da Feira do Mel, na que se darán cita produtores da montaña lucense cun completo programa de actividades tanto formativas como lúdicas destinadas a apicultores e ao público en xeral.

Organizada pola Asociación Montes e Vales Orientais, que xestiona o Programa Leader no ámbito do GDR 3, ao que pertencen 13 concellos da provincia de Lugo (A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro), esta nova cita pretende ser un punto de encontro para os produtores destes concellos e un elemento máis de dinamización social para esta zona.

A xornada do sábado 10 está pensada como un encontro de apicultores e estará centrada na saúde das colmeas, con catro horas de formación a cargo de Alberto Uría Moreno, apicultor e docente experto en pragas e tratamentos ecolóxicos, que dará consellos para a mellora da sanidade apícola, non só como un elemento clave para unha produción rendible, senón como xeito de evitar a propagación de pragas e enfermidades por contaxio dunhas colmeas a outras.

O programa do sábado rematará cun magosto popular organizado polo Concello de Baleira a partir das sete e media da tarde con castañas, empanadas, roscón e viño e animación musical a cargo dun acordeonista. Será nunha carpa situada diante da casa do Concello, onde tamén terá lugar ao día seguinte a feira propiamente dita.

O domingo 11 os postos de venda abrirán as súas portas ás 10 da mañá. Acudirán produtores de toda a montaña e tamén de comunidades limítrofes como a asturiana. O pasado ano, na primeira edición da feira, acudiron co seu mel 28 apicultores. Nesta segunda edición agárdase menor afluencia dada a escasa produción deste ano en moitos lugares.

Ademais da venda de mel, durante toda a mañán haberá distintas actividades para todos os públicos, coma unha exposición didáctica, obradoiros de fabricación de trampas para velutinas ou de elaboracións con cera, pensados para os máis pequenos, e un concurso, Sabe coma o mel, de platos gastronómicos con este produto. Ás dúas da tarde será a entrega de premios aos gañadores e tamén dos premios de debuxo para a elaboración do cartel anunciador da edición deste ano, obra de Sofía Carrete García, do CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro.

Novos tratamentos que deixan menos residuos no mel

Alberto Uría fai fincapé en que é necesario “maior concienciación” tanto por parte dos apicultores profesionais como dos simples afeccionados que teñen colmeas para autoconsumo. “De nada serve que eu teña as miñas abellas moi controladas e libres de enfermidades se o veciño ten as súas sen atender. Unha colmea que morre infecta á do veciño e estamos tendo un problema moi grande de contaxios e reinfeccions”, explica.

Por iso considera que “hai que dar claves para que todo o mundo aprenda a identificar as enfermidades da colmea e consellos prácticos para atallalas a tempo”. Destaca a “prevención” e a “rápida identificación” como medida máis efectiva para loitar contra enfermidades como a varroa, o loque ou a micosis.

As enfermidades están avanzando e o seu control require un seguemento moito máis frecuente das colmeas, pero hai xente que aínda segue indo só tres veces ao ano a velas

“As enfermidades están avanzando pero moita xente coida as abellas como fixo toda a vida e iso xa non serve. Hai moita xente que ten as colmeas como simple afección e vai velas un día en Semana Santa, outro no verán para ver se teñen mel e e outro para sacalo en setembro. Así é como se facía tradicionalmente, pero iso acabouse, agora hai que estar pendentes das enfermidades e require que a xente vaia máis ás colmeas”, argumenta.

Vantaxes dos produtos orgánicos fronte aos de síntese química

A segunda das claves nas que incidirá Alberto ten que ver con concienciar tamén aos apicultores na utilización de produtos máis naturais para o tratamento de enfermidades. “Moita xente segue usando tratamentos de síntese química para tratar enfermidades como a varroa e hai pouca conciencia sobre os residuos que moitos deses produtos deixan nas colmeas e no mel, cando hai novos tratamentos orgánicos, como o timol, o ácido axálico ou o ácido fórmico, que funcionan moi ben e son moito máis inocuos e deixan moitos menos residuos”, explica.

“Os tratamentos de síntese química son cada vez menos efectivos e deixan moitos residuos no mel. Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas”

Nas charlas formativas que impartirá o sábado en Baleira, explicará por exemplo como tratar a varroa con ácido fórmico. “Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas. Os ensaios con ácido fórmico están funcionando moi ben, pero a xente non os coñece”, asegura.

 Pero ademais de explicar aos apicultores o funcionamento destes novos tratamentos, máis efectivos e menos contaminantes que os convencionais pero que ao mesmo tempo requiren de máis aplicacións, Alberto incide na importancia do seguemento e a vixiancia tanto pretratamento coma postratamento. “Hai que comprobar que os tratamentos están funcionando. A xente ten que coñecer todas as armas que ten ao seu alcance. A tira non pode ser un acto de fé e non pode ser meterllas á colmea dúas veces ao ano por simple rutina”, di.

A velutina está comezando xa a asentarse na montaña

Alberto ten 160 colmeas repartidas entre o municipio asturiano de Ibias e o galego de Negueira de Muñiz e comercializa a súa produción baixo a marca Outurelos. Traballa ademais noutros proxectos de recuperación etnográfica e patrimonial, e dá cursos de apicultura ou de horta ecolóxica.

A presenza da vespa asiática afecta xa a colmeas e viñedos na zona da montaña

E afirma que “a presenza da vespa velutina está comezando a ser un problema tamén na montaña”. A dureza do inverno ralentiza a súa propagación e axuda ao seu control pero Alberto asegura que “temos que tomar conciencia de que é un problema real que nos afecta a todos, non só aos apicultores, porque nesta zona tamén hai viñedos”, recalca.

Por iso, o domingo pola mañá explicará como facer trampas caseiras coas que facer trampeos en primavera para capturar raiñas e en varán para reducir a carga de velutinas en zonas de alta afectación. “Na montaña está arrincando a praga, é o momento de loitar contra ela para tela controlada”, conclúe.

[/box]

PROGRAMA COMPLETO DA II FEIRA DO MEL DE BALEIRA:

propostafinal - Microsoft Publisher

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información