AVESPAS_vespa_velutina1_estandar

Armas galegas contra a vespa asiática

Un investigador galego, Xesús Feás, sintetiza un atraente dos machos de vespa asiática, pero o descubrimento dorme nun caixón, á espera de apoios para lanzalo ó mercado

O investigador galego Xesús Feás acaba de dar un novo paso na loita contra a expansión da vespa velutina, ó conseguir sintetizar un atraente dos machos desta especie. Trátase dun produto elaborado a base de feromonas sexuais co que se logra atraer ós machos. Así impídese ou limítase a fecundación, o que condiciona a expansión e supervivencia da velutina.

“As feromonas sexuais en control de insectos téñense empregado para controlar outras especies polo eficientes que resultan, ademais de non ser tóxicas”, concreta Feás, que é membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia (ACVG). Esta é a primera vez que se logra un dispensador que contén a feromona sexual liberada polas femias reprodutoras virxes da vespa velutina, como indica o experto.

É a primeira vez que se logra empregar feromonas para atraer ós machos de vespa velutina

Diferentes estratexias de uso

Os dispensadores de feromonas poden empregarse para controlar diferentes fases da vida da vespa velutina co fin de evitar a reprodución. Para iso, Feás propón unha serie de estratexias coas que obter tanto resultados directos como máis información sobre a vespa velutina, de cara a empregar outras ferramentas de captura de xeito máis eficaz.

Monitorizar a especie.
Colocalos dispensadores no campo é unha vía para averiguar cando comeza a época de reprodución da especie. Isto permite colocar, nese momento e zonas, trampas para limitar a reprodución.

Capturas en masa.
O atraente serve como un método de captura masivo dos reprodutores, neste caso dos machos, co que se consegue reducir ou eliminar a posibilidade de fecundación. Ademais, como indica Feás, as vespas velutinas adoitan aparearse con 3 ou 4 machos.

Interromper o apareamento.
Estas trampas con feromonas poden empregarse tamén para impedir o encontro do macho e a femia, creando unha atmosfera saturada. “As feromonas sexuais funcionan a modo de mensaxeiros para atraer ós adultos do sexo oposto, se existen moitos mensaxes o macho non consegue identificar á femia e non se chega a producir a fecundación”, explica Feás.

Os dispensadores de feromonas deben empregarse a finais do verán, cando comeza a fase reprodutiva da vespa velutina

En base ó ciclo biolóxico da vespa velutina, o uso dos dispensadores de feromonas podería empregarse no comezo da fase reprodutiva, xusto antes de que aparezan os primeiros reprodutores. “A finais do verán, a raíña comeza a producir machos e novas raíñas, ese é o momento de empregar as feromonas sexuais”, concreta o investigador.

Resultados favorables gardados nun caixón

A obtención destes dispensadores de feromonas é o resultado dunha longa investigación que se desenvolveu na Universidade de Santiago (USC, Campus Terra de Lugo) e froito dun convenio coa Deputación de A Coruña e a USC. De feito, foi nun traballo no que tamén participou o grupo de Novas Metodoloxías Sintéticas dos profesores Julio Seijas e Pilar Vázquez, do departamento de Química Orgánica, onde conseguiron sintetizar os compostos para desenvolver os dispensadores.

“Todo o conseguido ata agora leva meses sen empregarse. Nin sequera se están a utilizar os dispensadores que temos xa dispoñibles”

Agora, co convenio finalizado dende novembro do pasado ano, e os resultados favorables da investigación, Feás atópase sen poder aplicar no campo o traballo. “Todo o conseguido ata agora leva meses sen empregarse pese a que se comprobou a súa eficacia para controlar a expansión da vespa velutina. Nin sequera se están a utilizar os dispensadores que temos xa dispoñibles”, reivindica o investigador.

Feás denuncia que logo de anos de investigación e de conseguir un produto efectivo na loita contra a vespa velutina se limite a súa aplicación no campo ó non atopar continuidade.

Unha ferramenta de control a longo prazo

O investigador incide en que este sistema é unha ferramenta a longo prazo e que é necesaria unha implicación da administración para garantir unha maior eficacia. Así, é preciso que a súa aplicación non se limite a áreas concretas reducidas, posto que este control de pragas mediante sistemas biolóxicos vese condicionada. “Se aplicas feromonas nunha zona moi reducida, os machos poden non chegar a detectala e continuar a reproducirse”, concreta Feás.

dispensadores-feromonas--vespa-velutina-machos-

Dispensadores de feromonas de vespa velutina.

É preciso tamén que o tratamento se prolongue no tempo posto que se trata dun método de control a longo prazo. De maneira que, se se alterna ou interrompe, os resultados poden verse condicionados.

Interese internacional

Ante a falta de resposta da Administración, Feás tentou poñer a disposición dos apicultores galegos alomenos os dispensadores de feromonas que ten dispoñibles. “A miña intención é que se poida poñer en marcha esta ferramenta, pero é certo que os apicultores xa fixeron un gran esforzo na loita contra a velutina no emprego de trampeo e de incorporar novos métodos para frear o seu avance, polo que o uso dunha ferramenta biolóxica ten que implicar ás administracións”, recoñece.

Aínda así, xa contactou coa Asociación Galega de Apicultores para exporlle os resultados da investigación. “Dende AGA estamos interesados en colaborar con propostas como o uso das feromonas ou outras, como o emprego do falcón abelleiro, porque poden ser ferramentas a longo prazo. Polo de agora, so temos métodos que ofrecen resultados de control a curto prazo, como é o trampeo, as arpas eléctricas ou a destrución dos niños”, indica Xesús Asorey, portavoz de AGA.

Tamén dende a Agrupación Apícola de Galicia seguen con atención a investigación de Feás, ó valorar a loita biolóxica como unha alternativa para combater a vespa velutina. De feito, o colectivo participa tamén no proxecto internacional consorcio Atlantic-Positive, que implica a universidades e centros de investigación de varios países europeos.

Nestes meses, a investigación e os resultados obtidos por Feás suscitaron o interese de varias empresas, tanto galegas como inglesas que están interesadas en comercializar os dispensadores. Aínda que polo momento non hai nada cerrado ó respecto, Feás mesmo recibiu propostas para levar a cabo probas cos dispensadores en espazos acotados, como algunhas illas do Canal de Inglaterra, que poderían ser susceptibles de obter resultados concluíntes. “Ó igual que se pode facer nesas illas, en Galicia hai zonas con presenza de velutina nas que se podería comezar a avaliar e frear o avance da praga”, conclúe.

Capturas de velutina nesta campaña

Entre tanto, nesta campaña a evolución da vespa velutina en Galicia está a ser moi dispar dunhas zonas a outras, segundo indican dende distintos colectivos apícolas. “O comportamento da vespa asiática está moi vinculado ós diferentes microclimas que se identifican en Galicia e dunhas zonas a outras está habendo moita diferencia”, comenta Xesús Asorey, portavoz de Aga.

Deste xeito, nunhas zonas de Galicia parece que o ciclo biolóxico da vespa se tivese retrasado e aínda comecen agora a facer os niños secundarios. Porén, noutras áreas, como o sur de Pontevedra, xa se están a constatar ataques ós apiarios, como apuntan dende a Agrupación Apícola de Galicia.

Tamén se está a notar unha posible redución da presenza de vespa velutina nalgunhas áreas. Pero, mentres algúns colectivos de apicultores se amosan esperanzados en que se produza unha merma da especie pola incidencia dos trampeos, dende outros sectores amósanse máis cautos, xa que constataran reducións no 2017 nalgunhas áreas e ese mesmo verán resultou ser unha campaña con moita presenza de velutina nesas zonas.