“A abella ibérica é a máis adaptada ao noso medio, non ten sentido importar raíñas doutros países”

Entrevista a Alberto Castro Sotos, presidente da recentemente creada Asociación Española de Criadores de Abejas Reinas (AECRIA).

“A abella ibérica é a máis adaptada ao noso medio, non ten sentido importar raíñas doutros países”

Alberto Castro, presidente de AECRIA, durante una visita a los apicultores del Himalaya

Recentemente constituíuse a Asociación Española de Criadores de Abejas Reinas (AECRIA), un sector en crecemento que busca mellorar a produtividade das colmeas a través da selección e inseminación artificial das raíñas.

Falamos con Alberto Castro Sotos, presidente da asociación, que nos comenta os retos aos que se enfrontan e a necesidade de preservar e seleccionar a Apis melífera iberiensis, a nosa abella autóctona.

Como nace AECRIA e con que obxectivo?
A Asociación Española de Criadores de Abejas Reinas constituíuse en setembro do pasado ano cos obxectivos de difundir, potenciar e formar sobre a selección e cría de abellas raiñas no sector apícola, promover a conservación e cría da raza Apis melífera iberiensis e colaborar con organismos públicos do sector apícola para a regularización lexislativa sobre material vivo apícola.

Neste momento contamos cuns 50 socios, criadores de raíñas, principalmente.

Está en perigo a abella ibérica pola importación de abellas reinas doutros países?
Máis que en perigo, o que creo é que moitos apicultores experimentan con razas doutros países, o que vai provocar que haxa moitos mais híbridos e que logo ter abella negra ibérica seleccionada sexa máis difícil. Desgraciadamente, non se está a apostar como se debería polo noso e están a entrar moitas abellas raíñas italianas, caucásicas ou ligústicas..

Está todo por facer na selección e mellora xenética da nosa abella autóctona?
Efectivamente, está todo por facer. Soamente existen uns estudos da profesora Pilar de la Rúa Tarín, da Universidade de Murcia, sobre razas e subrazas existentes en España, no que ven que existen catro subrazas na Península Ibérica. Porén, non hai ningunha preocupación por parte da Administración por preservar, seleccionar e mellorar a abella ibérica, igual que se realizou con outras razas autóctonas como o porco ibérico.

Realizar ese traballo de selección require anos de traballo que non pode soportar un criador pola súa conta, polo que o lóxico é que a administración puxese en marcha un centro de selección de raíñas de Apis melífera iberiensis , para posteriormente venderllas aos apicultores. Pero a un criador pola súa conta non lle compensa, porque no canto de vender unha raíña a 20 euros teríaa que vender a 200. Pedimos unha reunión co Ministerio de Agricultura para trasladarlle esta demanda pero ata agora non tivemos resposta.

Que vantaxes ten a Apis melífera iberiensis respecto das razas foráneas que se están importando?
Todas as razas teñen vantaxes e inconvenientes, polo que é imposible que unha abella teña soamente cualidades positivas, porque iso suporía un proceso de selección moi intenso que dispararía a consanguinidade e reduciría a variabilidade xenética.

Así, a Apis melífera iberiensis é unha raza moi ben adaptada á nosa xeografía, é moi boa pecoreadora, resistente a enfermidades e enxameadora pero non moito. Sen embargo, se importamos unha abella ligustica é certo que é moi mansa e produtiva, pero é máis sensible a loque, peor invernadora e presenta máis enxameazón. Por tanto, non hai unha raza perfecta, e o lóxico sería que en España apostásemos pola nosa raza ibérica seleccionada.

“A abella ibérica é a máis adaptada á nosa contorna, non ten sentido importar raíñas”

A xenética dunha raza pode ser óptima, pero o que máis nos interesa é o fenotipo, e non hai abella mellor en España que a Apis melífera iberiensis, porque leva vivindo aquí máis de 300.000 anos e está moi adaptada ao medio. Experimentar con razas foráneas leva a híbridos indesexables e a problemas.

Ademais, a nosa abella autóctona presenta variacións segundo a rexión e o clima, con maior ou menor tamaño. Así, no Norte de España está máis adaptada ao frío e empezan a traballar antes.

En que aspectos vedes máis posibilidades de mellora en canto á cría de raíñas en España?
A selección de nosa apis mellifera iberiensis pódese realizar para mellorar en produción, resistencia a enfermidades e mansedume. O que si é clave para os apicultores é que cambien as raíñas cada 2 ou 3 anos porque redunda nunha maior produtividade: máis cría, menor enxameazón…etc.

Non debería haber problemas de consanguinidade a non ser que se faga a inseminación nas mesmas colmeas durante varios anos seguidos.

En Galicia e na Cornixa Cantábrica a avespa asiática está a provocar importantes danos na apicultura e hai quen suxire que a selección que se fixo das abellas, para que cada vez sexan máis mansas, vai en detrimento da súa capacidade de facerlle fronte á Vespa Velutina. Que opinas?
Se seleccionamos as abellas para que sexan máis agresivas é certo que se defenderá mellor da Vespa Velutina pero será moito máis difícil para o apicultor traballar con elas. Creo que hai que solucionar o problema da avespa asiática por separado, e non criar raíñas máis agresivas.

Que actividades de formación tedes previsto ofrecer este ano en canto a cría de raíñas?
Durante o mes de outubro AECRIA organiza en Cáceres un Curso de Cría de Abellas Reinas e outro de inseminación, en nivel básico e avanzado. Os relatores serán Susan Cobey, de Estados Unidos; Harildo Dávila, de Uruguai, e eu mesmo. Tamén realizaremos en Cáceres e en Madrid unhas xornadas sobre selección en apicultura. As persoas interesadas en recibir información poden enviar un correo electrónico a [email protected]

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información