“A selección xenética das abellas será o camiño para combater a varroa, que cada vez é máis agresiva”

A varroa evolucionou e agora é máis resistente aos tratamentos e desenvolveu mecanismos máis eficaces para pasar desapercibida na colmea. O veterinario Joaquín Lozano apunta algunhas das claves para actuar contra estes ácaros cuxa erradicación resulta complexa

“A selección xenética das abellas será o camiño para combater a varroa, que cada vez é máis agresiva”

O experto en varroa Joaquín Lozano.

O veterinario Joaquín Lozano, especialista en apicultura, ten claro que a varroa é unha das principais ameazas da colmea a pesar dos esforzos realizados durante anos contra estes ácaros. O experto en varroasis afondou sobre esta afección nunhas xornadas recentes na Asociación Galega de Apicultura (AGA). Abordamos con el algunhas das claves para afrontar e controlar a varroa na colmea.

Segue sendo a varroa un dos inimigos máis temidos para a colmea?
A varroa é aínda a ‘estrela’ de todos os inimigos que ten a colmea. Varroa é algo que aínda non superamos e está aí. Van xurdindo outro tipo de pragas que fan que pareza que non hai varroa pero segue existindo e é, ademais, a que realmente mata a colmea.

Nos últimos anos, co ataque que os apiarios sofren coa vespa velutina, descoidouse a detección da varroa?
Non é que se descoidase senón o que sucedeu é que a velutina é algo novo que a xente non sabía o alcance que podía chegar a ter. Hai que ter en conta que coa varroa levamos combatendo 20 anos. A velutina tamén está a influír na incidencia da varroa xa que está a debilitar a colmea o que provoca que non estean a responder tan ben aos tratamentos.

VARROA__

Varroa localizada no abdome dunha abella.

Evolucionou a varroa nos últimos anos?
Dende logo, a varroa volveuse moito máis agresiva, evolucionou moito. Abonda con ver como hai anos coñecíaselle como varroa jacobsoni e agora coñéceselle como varroa destructor, só iso xa dá unha idea do cambio que experimentou. A varroa volveuse moito máis agresiva, máis resistente aos tratamentos convencionais e practicamente non temos un tratamento contra ela totalmente efectivo.

Ademais, a varroa desenvolveu unhas novas técnicas para ocultarse do apicultor e para ser máis efectiva dentro da colmea. Perseguimos moito á varroa nestes anos e, en definitiva, é un animal que tamén está a buscar a súa supervivencia e procura novos métodos para poder sobrevivir.

“A varroa escóndese no abdome das abellas e na cría e ao apicultor resúltalle máis difícil localizala”

É máis difícil detectala agora nunha colmea?
É unha cuestión de experiencia e moitos apicultores confirmarano. Antes cando abrías a colmea e sacabas os cadros era moi fácil detectar a presenza de varroa, víala encima das abellas, víala funcionando e era unha maneira de diagnosticala. Agora iso xa non serve. Abres a colmea e parece que non hai varroa. Xa non está á vista do apicultor, escóndese debaixo das abellas, no seu abdome, para que sexa máis difícil localizala. Tamén se desenvolven moitísimo máis na cría. Non se ve tanta varroa fóra senón que vai seleccionando a protección da cría para non morrer.

Concéntrase na cría?
Dende logo. Antes na cría podía atoparse un 60% da varroa e agora estamos a nos topar con que o 85% da varroa localízase dentro da cría.

A varroa reprodúcese no interior dos opérculos da cría.

A varroa reprodúcese no interior dos opérculos da cría.

Como detectar a tempo a presenza de varroa?
Xa non podemos ir á colmea só a catar e a pór o tratamento no outono e nada máis. Agora é preciso monitorizar as colmeas, habería que inspeccionalas cada 4 meses e utilizar fondos sanitarios para ver como están a funcionar os produtos que lles puxemos á colmea para tratar a varroa e comprobar se están a ser realmente efectivos. É preciso ver a cantidade de varroa que cae nestes fondos sanitarios. É fundamental facer diagnósticos.

Cando é preocupante a cantidade de varroa que se localiza nestes fondos sanitarios?
Hai unhas táboas que nos ofrecen uns valores de referencia pero cunha presenza de varroa dun 5% o apicultor xa ten que tomar medidas respecto diso. Quizais cando hai unha caída diaria de 60 varroas iso xa é bastante preocupante e hai que actuar inmediatamente, non hai que chegar a iso. A Varroa é algo que non se vai a eliminar nunca por iso o que temos é que convivir con ela, manter niveis moi baixos de varroa, é dicir a un 1 ou un 2% de afectación (4 ou 6 varroas por día), que é unha cifra coa que a colmea pode vivir perfectamente pero habería que pensar en realizar un tratamento.

É dicir, unha vez que a colmea está afectada, nunca se recupera da varroa?
Non, a varroa veu para quedar e non se vai a terminar moi facilmente porque está a adoptar mecanismos de adaptación ás nosas abellas, á apis mellifera, e non se vai a erradicar. Imos ter a varroa ata que as nosas abellas empecen a establecer mecanismos como fan as apis cerana, que é de onde procede a varroa, coas que establece un equilibrio polo que non chega a matalas.

“A selección xenética será o camiño para eliminar a varroa”

Xa non quedan apiarios sen varroa?
Xa non creo que queden apiarios sen estar afectados. Pode haber algunhas cepas de abellas que sexan máis tolerantes á varroa, estean a desenvolver algún tipo de defensa ou sexan máis limpadoras… A selección xenética será o camiño para eliminar a varroa. Ás veces pensamos que xa non temos varroa ou que temos unha colmea que non morre, pero o máis probable é que si morrese e que aí se metese un enxame novo e que non nos désemos conta, é o máis común.

Máis que conseguir eliminar a varroa, creo que chegaremos a un momento no que as nosas abellas poidan lograr unha convivencia con ela en lugar dun parasitismo como agora mesmo, ou un parasitismo perfecto, no que a varroa non mate á súa hospedeira, a abella.

A que se debe que as abellas sexan menos resistentes ao ataque da varroa?
A varroa o que fai é transmitir moitísimas enfermidades, é unha xiringa cargada con moitos microorganismos que transmite cada vez que pica á abella adulta. A varroa debilita a cría e fai que moita naza xa morta. A nosa abella está nunha tensión inmunitaria importante co que fai que sexa máis susceptible de contraer outras enfermidades que as matan.

“A varroa reprodúcese dentro dos opérculos, coa cría, polo que os tratamentos non son efectivos cando hai cría”

Que estamos a facer mal?
Hai que pensar que a varroa era un parásito externo que ao principio non sabiamos como manexalo. Utilizáronse todo tipo de inventos para controlalo e houbo un pouco de descontrol á hora de tratala. Se cadra a clave está en investigar un pouco máis e seleccionar abellas tolerantes, aínda que isto ten uns custos. Á hora dos tratamentos é fundamental facer actuacións conxuntas por zonas cun consenso por parte dos apicultores.

E mentres ese consenso non se alcanza, como debemos controlar a varroa?
A única maneira que temos é monitorizar as colmeas e, por suposto, asesorarnos sobre que produtos debemos utilizar e en que momento. Moitas veces os produtos son válidos pero a clave está en que se utilizan cando non debemos. A maioría dos produtos que se usan teñen unha efectividade do 95% pero moitas veces empréganse cando hai cría. A cría está operculada, é dicir protexida para calquera ataque exterior, e aí non entrará o produto químico ou orgánico que utilicemos para loitar contra a varroa, non traspasará esa barreira. A varroa onde se reproduce é precisamente dentro dese opérculo, coa cría, polo que os tratamentos non son efectivos porque o efecto non chega á varroa. Por iso é fundamental esperar a que non haxa cría. O ideal é agardar a que a cría salga. Agora nesta época na que xa empezará a facer frío, a pouca cría que haxa vai nacer, esa varroa vai parasitar a esas adultas para poder sobrevivir, aí é o momento.

“Calquera tratamento pode ser efectivo a condición de que se use no momento axeitado”

En canto aos tratamentos, hai tamén un pouco de debate con respecto ás propostas químicas e orgánicas, até que punto os tratamentos químicos poden resultar contraproducentes para a colmea?
Realmente todos os tratamentos son estresantes para as abellas e cando é químico máis aínda. A contrapartida dos tratamentos químicos é que cada vez son máis proclives a que apareza resistencia, xa que se usan doses máis arriscadas que poden mesmo provocar a morte da propia colmea. Por desgraza temos un arsenal moi limitado xa que a abella é moi sensible a calquera tipo de tratamento posto que é un indicador biolóxico.

Os químicos tamén poden comunicar residuos ao mel que tampouco son desexables mentres que os orgánicos teñen outra mecánica de aplicación pero creo que ao final vai haber que decantarse por este tipo de produtos orgánicos, que se utilizan en ecolóxico, que tamén son efectivos pero que igual necesitan máis doses ou outras pautas de tratamento.

Son aínda descoñecidos para os apicultores estes tratamentos orgánicos?
Están a empezar a aceptalos porque as novas formulacións que están a saír son máis fáciles de aplicar.

Cales son os tratamentos orgánicos máis utilizados?
Vai depender moito de factores como a temperatura exterior e o momento de aplicación na colmea. Os máis utilizados son o timol e o ácido oxálico pola súa efectividade sobre a varroa. Tamén se está usando o ácido fórmico.

Que tratamentos recomenda?
Os tratamentos creo que teñen que axustarse a como está esa colmea, a zona na que se asenta e á experiencia que tivese xa o apicultor. Calquera tratamento é efectivo a condición de que se use no momento adecuado, cando non hai cría, cando o produto pode acceder á varroa, sexa químico ou orgánico. Eu prefiro os orgánicos ao non deixar residuos e ser menos agresivos.

Á marxe dos tratamentos químicos ou orgánicos, hai algún outro procedemento eficaz que os apicultores poidan pór en práctica para reducir a incidencia da varroa?
Todos os tratamentos requiren medidas coadxuvantes, medidas cuxas claves están no manexo da colmea, que ben poderían resumirse en manter as colonias nun nivel aceptable de fortaleza. Entre a multitude delas que poderiamos sinalar está a renovación de raíñas, a vixilancia da alimentación, a eficiencia enerxética da colmea, o control doutras enfermidades así como a observación e selección de colmeas tolerantes…

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información