A Xunta destinará 1,14 millóns de euros para fomentar o comercio de alimentos de proximidade

O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe o Mercado do Xurés, en Bande (Ourense). Unha parte destas axudas serán para fomentar a cooperación entre axentes da cadea de distribución e o resto para fomentar a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais

A Xunta destinará 1,14 millóns de euros para fomentar o comercio de alimentos de proximidade

José González durante a súa visita ao Mercado do Xurés

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), destinará un total de 1.140.000 euros na próxima convocatoria de 2019-2020 ás axudas para fomentar as canles curtas de comercialización e a actividade dos mercados de proximidade.

O obxectivo é facilitar a saída dos produtos agroalimentarios a través desta vía, favorecendo a súa posta en valor e, xa que logo, mellorando as rendas dos agricultores e gandeiros, así como a súa vinculación máis directa co consumidor final.

Dúas liñas de axudas

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou este domingo esta iniciativa durante a súa visita ao Mercado do Xurés, no concello ourensán de Bande. Explicou que unha parte destas achegas (540.000 euros) serán para fomentar a cooperación entre axentes da cadea de distribución, para o establecemento de canles curtas e mercados locais. Así, apoiaranse os proxectos de colaboración en eidos coma os mercados de produtores, venda directa na explotacións, envíos a enderezo, tendas de venda directa, plataformas on line e calquera outra forma de comercialización que supoña novas técnicas de venda e promoción do produto de proximidade.

Por outra banda, o conselleiro sinalou que haberá outra liña de axudas, dotada cun total de 600.000 euros, para fomentar a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais, orientada cara os mercados de proximidade e infraestruturas complementarias. Con estes fondos apoiarase a adecuación de áreas, espazos ou terreos, as instalacións fixas ou desmontables e as dotacións comúns tales como equipamentos e mobiliario.

José González, que estivo acompañado nesta visita polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, destacou a importancia deste tipo de mercados para potenciar as producións agroalimentarias locais, facilitando a súa promoción e comercialización.

En concreto, o mercado do Xurés celébrase o primeiro domingo de cada mes e sitúase na praza de abastos de Bande. Conta con cinco postos para produtos agroalimentarios, envasados ou elaborados na Baixa Limia e dous para servizos turísticos, ademais dunha área gastronómica de case 60 metros cadrados e cun espazo audiovisual informativo.

Bande 2_mercado_conselleiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información