Xianas, unha iniciativa que valoriza as galletas tradicionais

Hai un ano que Neli e Ana decidiron emprender recuperando unha tradición da zona de Taboada case perdida e aportándolle un plus persoal nas formas e un punto innovador nos sabores. Agora, tralo éxito acadado co negocio, pensan xa en ampliar

Xianas, unha iniciativa que valoriza as galletas tradicionais

Neli Sobrado, no obrador, cos seus fillos Uxío e Mara.

“Viñemos para o rural porque queriamos criar a nosa filla e o noso fillo no rural”, comeza contando Neli Sobrado. Unha vez tomada esa decisión, veu a seguinte: “pensei nunha actividade que fose compatible coa conciliación”. Ademais de Mara e Uxío, Neli ten unha nai con alzheimer. Así que pensou en facer galletas ao modo tradicional da zona nos baixos da súa propia casa.

Para iso creou Silváns SC xunto á súa cuñada, Ana Ledo, aparelladora vítima dun ERE, e investiron 50.000 euros nun obrador que, un ano despois, xa se lles queda pequeno. “Buscabamos arriscar pouco porque non sabiamos como ía saír, así que optamos por facer un investimento pequeno”, admite. Mercaron unha amasadora, unha envasadora ao baleiro e idearon unha prancha eléctrica que fai 18 galletas á vez.

Distintas variedades das Xianas.

Distintas variedades das Xianas.

Ese é o verdadeiro sinal de identidade das galletas Xianas, que reciben ese nome por ser tradicionais da parroquia taboadesa de Xián. Facíanse historicamente nas casas entre dúas pranchas de ferro enriba da cociña de leña. Despois chegou a modernidade e os emigrantes en Suíza trouxeron unhas máquinas tipo sandwicheira, nas que se baseou Silváns para o seu prototipo.

“Tivemos que facer unha máquina á medida, porque o que non iamos era facer as galletas de 2 en 2 enriba da cociña de leña, así que tivemos que discurrir unha máquina eléctrica que fixese iso”, explica Neli. Grazas ao invento, no canto de 2 en 2, fan 18 galletas á vez nun proceso que leva un minuto pero que require aínda de moita man de obra previa. “Hai que amasar, facer anacos duns 10 gramos e poñer 18 na máquina, un en cada burato do molde”, conta.

A necesidade de máis produción fai que ese primeiro prototipo teña os días contados. Neli fai Xianas todos os días durante unhas 8 horas, nas que pode chegar a facer unhas 3.000 galletas. “Son 3.000 galletas que me pasan varias veces pola man, nalgún dos procesos de unha en unha”, explica.

O proceso ten aínda moito de artesán e a receita é a tradicional (manteiga de vaca, fariña de trigo, ovos e azucre). Os produtos empregados son todos de calidade, como os ovos de galiñas en liberdade ou o azucre, que é integral de caña. “Nós non usamos aceite de palma”, di convencida Neli. “Neste momento hai demanda de produtos naturais e artesáns; hai certa febre no consumidor e penso que esa tendencia vai ir a máis no futuro”, opina.

Neli, no proceso de empaquetado.

Neli, no proceso de empaquetado.

As Mariñeiras, que se fan na veciña Chantada, ou as Maruxas, que naceron a menos de dez quilómetros, en Monterroso, abriron o camiño pero hai mercado para todos. “Cada unha delas é distinta, así que non nos facemos competencia. Non hai nada parecido ás Xianas no mercado. O que non sei é como non lle deu a ninguén antes por meterse a facelas”, pregúntase Neli.

18 debuxos diferentes
A forma orixinal das galletas era redonda e con puntiños da prancha de ferro onde se facía. Pero ademais de conservar esa forma, en Silváns decidiron innovar e personalizar as galletas con 18 debuxos diferentes. Todos teñen que ver coa tradición e símbolos galegos, desde a cuncha de peregrino, o botafumeiro ou a Catedral de Santiago á Torre de Hércules, a Muralla de Lugo, as burgas de Ourense ou as Illas Cíes e as Ons, pasando por catro símbolos celtas, máscaras do entroido, a folla de carballo, un racimo de uvas e a árbore centenaria símbolo de Taboada. Pola outra cara todas elas levan o mapa de Galicia.

“Xurdiu a posibilidade de variar os troqueis e aproveitámolo para aumentar as posibilidades comerciais do produto”, explica Neli, que recoñece que grazas aos seus motivos galegos “son un produto moi intetesante para o turismo”. De feito, os dous apuros na produción están en agosto, pola xente que vén de vacacións a Galicia e lévaas de souvenir, e no Nadal, para cestas e agasallos. É un produto que non precisa de conservante e que envasadas ao baleiro duran 6 meses en perfectas condicións. “A caducidade permítenos ter stock para momentos de moita demanda”, explica.

Con queixo ou con xeado
Silváns decidiu innovar tamén nos sabores e, ademais das orixinais, ten unha variedade de coco e outra de améndoa. Están pensando xa en novos sabores e formatos. Por exemplo, xa ofrecen a posibilidade para agasallos en celebracións tipo vodas ou bautizos de caixas de 50 gramos que ademais se poden personalizar.

En canto ás combinacións con outros produtos, Neli recomenda probalas con queixo, con marlelo, con xeado ou mesmo con viño ou licor. No facebook convidan a experimentar e dan consellos. “Son moi viciosas e o produto está asentado e véndese ben, pero non son galletas María”, recoñece. Sen embargo, están entrando moi ben nun mercado no que é difícil entrar, o dos produtos delicatesen.

A primeira fornada fixo un ano en Semana Santa e neste tempo as Xianas teñen xa máis de 200 puntos de venda por toda Galicia e tamén en Madrid e Barcelona en tendas delicatesen, xeladerías, froitarías, carnicerías e tendas de proximidade. A cooperativa fai todo o proceso, desde a elaboración á distribución. Tamén venden a través da internet na súa páxina web.

Sexa como for, se os alimentos cociñados á prancha son máis sans, estas han ser as galletas máis sans do mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información