Vigo acollerá a I Xornada sobre riscos emerxentes en seguridade alimentaria

Vigo acollerá a I Xornada sobre riscos emerxentes en seguridade alimentaria

A saúde e o consumo de alimentos están intimamente relacionados, polo que a identificación de riscos emerxentes e dos seus factores desencadenantes é un reto para a industria alimentaria, xa que permitiría adoptar medidas específicas de prevención e de control. Este é o contexto no que naceu a finais de 2017 a Rede Galega de Riscos en Seguridade Alimentaria, Risegal. No marco desta iniciativa, coordinada polo CSIC e da que forman parte grupos de investigación das tres universidades galegas, celebrarase a vindeira semana a I Xornada de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria.

Como explica Marta López Cabo, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) e coordinadora de Risegal, “o obxectivo deste evento é analizar e contextualizar en Galicia os cambios sociais, ambientais e relativos ás novas tendencias de produción e consumo na industria alimentaria que poidan supoñer a aparición de novos riscos para a saúde humana asociados ao consumo de alimentos”.

A xornada, en dous bloques

A xornada, que terá lugar o día 20 no Hotel NH de Vigo, dividirase en dúas partes, abordando por unha banda os riscos emerxentes e por outra os factores impulsores deses riscos. Desenvolverase en horario de mañá e está dirixida tanto ao sector industrial como ao eido académico e mesmo á sociedade en xeral. A inscrición é balde ata completar o aforamento do local de 70 persoas.

O primeiro bloque, que arrancará ás 09.30 horas, comezará cunha presentación de Risegal a cargo da propia Marta López Cabo, coordinadora da rede e responsable do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños. Tras esta introdución, terán lugar tres ponencias. A primeira delas correrá a cargo de Ana Canals, representante da European Food Safety Authority (EFSA) en España, que explicará a coordinación das actividades da EFSA no estado. O segundo relatorio será o de Celia M. Manaia, investigadora no Centro de Biotecnoloxía e Química Fina da Universidade Catôlica Portuguesa, que disertará sobre a resistencia a antibióticos en relación co medio ambiente. Este primeiro bloque pecharao a profesora da Universidade de Vigo Ana Gago, directora do Laboratorio de Referencia da Unión Europea para Biotoxinas Mariñas, que afondará nas estratexias analíticas para a caracterización de biotoxinas mariñas emerxentes nas costas europeas.

O segundo bloque, que comezará ás 11.45 horas, contará de cinco ponencias. Carlos G. Hernández, profesor da Universidad Politécnica de Madrid, Ceigram e itdUPM, centrará a súa intervención no impacto do cambio climático sobre os recursos agrarios; Antonio Manuel Barros, investigador na Division of Aquaculture and Upgrading, disertará sobre o cambio climático e os recursos pesqueiros; María L. Loureiro, investigadora do Departamento Fundamentos de Análises Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, explicará as novas tendencias de consumo nos mercados alimentarios; Isabel del Río, do Instituto Galego de Estatística, centrarase na socio-demografía da poboación galega e Roberto Ortuño, director de servizos do AINIA Centro Tecnolóxico, abordará os novos desenvolvemento tecnolóxicos para garantir a seguridade alimentaria.

risegal_progama

Risegal

Risegal naceu en decembro de 2017 baixo a coordinación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a través do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas. A rede está financiada pola Axencia Galega de Innovación no marco do programa de Axudas de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas 2017. O obxectivo final de Risegal, que se estenderá ata finais de 2019, é emitir unha serie de recomendacións e accións para previr a aparición de riscos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia.

Entre os seus cometidos está identificar e explorar riscos químicos e microbiolóxicos en seguridade alimentaria en Galicia, atendendo a factores ambientais e socioeconómicos impulsores como o cambio climático, os novos hábitos de consumo, o envellecemento da poboación, a crise económica ou a globalización.

Para iso aliáronse arredor desta premisa investigadores e investigadores de boa parte dos organismos públicos galegos. Así, ademais do grupo coordinador, están involucrados o grupo do CSIC de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña e tres grupos máis da Universidade de Vigo: Investigacións Agroambientais e Alimentarias, Tecnoloxía dos Alimentos e Análise Química e Toxicolóxica de contaminantes naturais e antropoxénicos presentes no medio ambiente e alimentos. Completan a rede o grupo de Patoloxía na Acuicultura, da Universidade de Santiago e o Grupo de Xenética de Organismos Mariños, da Universidade da Coruña, coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia e a Rede Galega de Saúde Pública.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información