viana do bolo androlla

Viana do Bolo culmina o seu Entroido este domingo coa Festa da Androlla

O concello de Viana do Bolo celebra durante estes días o seu Entroido, festa declarada de Interese Turístico de Galicia, que ten como figura característica ao Boteiro. O día grande chegará este fin de semana co Domingo Gordo, onde ademais de celebrarse o tradicional Desfile de Folións e Boteiros ten lugar a celebración da Festa da Androlla.

Nas xornadas deste venres e de mañá sábado sábado, veciños e visitantes poderán gozar cos fulións, os disfraces e a fariña.

-Programa do Domingo Gordo:

Ás 12.00 horas dará comezo o Desfile de Fulións, Boteiros e Carrozas ata a praza Maior.

Ás 14.30 horas os presentes poderán gozar no Pavillón cunha nova edición da Festa da Androlla, festa gastronómica dedicada a este produto tradicional, elaborado en forma de embutido e recheo de distintos produtos de porco. O menú da festa estará composto de consomé, androlla, chourizo, lacón, grelos e patacas, bica, café e queimada, e o seu prezo será de 17 euros.

Pola tarde-noite os asistentes poderán deleitarse coa actuación dun grupo musical na praza Maior.

-Luns 12: os máis pequenos poderán gozar a partir das 16.00 horas con o Día dos Nenos, onde haberá fulión infantil, disfraces, música, xogos tradicionais e chocolatada. Ás 20.00 horas comezará o “fulión trapalleiro”.

-Martes 13: Martes de Entroido. Pola mañá levará a cabo o desfile de fulións ata Cabo da Vila e terá lugar a sesión vermú.

A partir das 16.00 horas comezará a gran fariñada e o desfile de fulións.

Ás 22.00 horas o Pavillón acollerá a cea de fulións e ás 00.00 horas procederase á queima dos lardeiros. Ás 00.30 horas dará inicio o concurso de disfraces que dará paso ao baile amenizado por unha discoteca móbil.

Mércores 14 (festivo local): Enterro da Sardiña. Nesta xornada terá lugar o tradicional Enterro da Sardiña. A comitiva fúnebre percorrerá as rúas da vila ata Cabo da Vila, lugar onde todos os asistentes poderán degustar sardiñas e torrexas.

O Entroido de Viana e a figura do Boteiro

O Entroido de Viana do Bolo goza de recoñecida fama e é un dos eventos máis antigo e con máis tradición da zona.

O Boteiro é a figura máis representativa desta festa, en parte pola súa rechamante máscara pintada de negro. A misión deste personaxe é a de manter afastados aos espectadores, dando grandes brincos sobre unha pértega curta de cores chamada “monca”. O traxe do Boteiro está composto por outra tres pezas: uns pantalóns de raso vermello, unhas polainas de coiro denominadas “leguis” e unha vistosa camisa feita a partir dunha camiseta de felpa, sobre a cal se cosen cintas rizadas de seda ou de raso que forman vistosos debuxos de cores. O cinto está feito de coiro forrado de tea e sobre este colgan doce cencerros que soan cando o Boteiro salta.

Máis información
Tfno. Concello: 988 340 120