Verdades e falsidades da alerta que liga a carne co cancro

Dous médicos de oncoloxía e de medicina preventiva analizan a alarma “pouco xustificada” sobre a relación entre cancro e carnes vermellas e procesadas

Verdades e falsidades da alerta que liga a carne co cancro

A dieta mediterránea recomenda o consumo de carnes procesadas non máis dunha vez á semana. / Imaxe: Wikipedia.

A conclusión da Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC, polas súas siglas en inglés) sobre a relación entre o consumo de carne vermella e de carne procesada e un maior risco de cancro xerou unha alarma que desde sectores médicos se entende como “pouco xustificada”. Para clarificar o asunto, botamos man das valoracións de Esteve Fernández, médico epidemiólogo do Institut Català de Oncologia e profesor titular de saúde pública da Universitat de Barcelona, e de Elisa Calle, profesora do departamento de Medicina Preventiva e de Saúde Pública da Universidad Complutense de Madrid.

O estudo da IARC, dependente da Organización Mundial da Saúde, sobre a carne vermella e sobre a carne procesada conclúe dúas cuestións principais: a carne procesada (embutidos, salchichas, hamburguesas, etc.) considérase “canceríxena para os humanos” (grupo 1 da súa clasificación) e a carne vermella (porcino, vacún, etc.) como “probablemente canceríxena para os humanos” (grupo 2A). A clasificación elabórase tendo en conta tanto estudios epidemiolóxicos en humanos como traballos experimentais en animais.

Agora ben, a clave da cuestión é como interpretar esta clasificación. Ao entender dos médicos, titulares xornalísticos como “As salchichas e o bacon provocan cancro” son sensacionalistas e faltan á verdade. Repasamos catro puntos clave do asunto:

1) A clasificación non mide a potencia canceríxena da carne

Para Esteve Fernández, do Institut Català de Oncologia, unha cuestión a resaltar é que a clasificación só reflicte a forza da evidencia, é dicir, como de seguros estamos de que un axente sexa canceríxeno, sen medir a súa potencia ou grao de actividade canceríxena, nin o impacto do cancro.

“O tabaco aumenta o risco de cancro de pulmón nun 1.000%, en tanto a carne procesada sobe o risco de cancro de colon un 18%” (Esteve Fernández)

“Dous factores de risco poden estar na mesma categoría, por exemplo o tabaco e a carne procesada, ambos no grupo 1, “canceríxeno para os humanos”, con independencia da magnitude do risco: o tabaco aumenta o risco de cancro de pulmón un 1.000 % (fumando 10 cigarrillos ó día, poñamos por caso) e a carne procesada aumenta un 18% o risco de cancro colorrectal (nos consumidores habituais de 50 gramos ó día)”, compara Esteve Fernández.

“Tabaco e carne procesada están ademais no mesmo grupo con independencia de con cantos cancros están relacionados: o tabaco causa 15 tipos de cancro, a carne procesada só se asocia co cancro colorrectal”, valora Esteve. (Nota: a carne vermella, clasificada noutro grupo como probablemente canceríxena, tamén se relaciona co cancro de próstata e de páncreas). “Tampouco a poboación exposta é a mesma: en España un 30% dos adultos fuma a diario, pero só un 10% come carne a diario; ou a magnitude da enfermidade causada: en todo o mundo o tabaco causa un millón de mortes ó ano, mentres que a carne procesada 34.000”, sinala o médico do Institut Català de Oncologia.

2) O estudo non di que un consumo moderado provoque cancro

Que a carne procesada se considere canceríxena e a carne vermella probablemente canceríxena non quere dicir que un consumo moderado ou ocasional provoque cancro, advirte Elisa Calle, do departamento de Medicina Preventiva da Universidade Complutense: “Hai unha longa lista de sustancias que son carcinóxenos demostrados, como o tabaco, o alcohol ou multitude de fármacos” –valora Elisa Calle -. “Que a carne procesada sexa considerada canceríxena demostrada non quere dicir que o seu consumo moderado ou ocasional vaia provocar cancro”.

“Non é o mesmo unha, ou de vez en cando, que moitas e a diario” (Elisa Calle)

“¿Acaso –engade a profesora- alguén pode chegar a pensar que fumarse un pitillo ó ano provoca indefectiblemente cancro de pulmón, ou que unha copa de viño nos provoca cancro de fígado? Porque non é o mesmo unha, ou de vez en cando, que moitas e a diario”.

3) As evidencias científicas clasifican algo que xa se coñecía

O aumento do risco de contraer cancro polo consumo de carnes vermellas ou procesadas non é novo. Desde hai tres décadas hai estudos que as consideran un factor de risco. “Iso non quere dicir que teñamos que eliminar a carne da nosa dieta ou só consumila unha vez ó mes” -valora Elisa Calle- “Advírtenos dun aumento de risco por un consumo excesivo e non é unha noticia nova, nin moito menos. A clasificación da carne procesada no grupo 1 non vai máis alá de clasificar como evidencia científica o xa coñecido”.

4) Que dieta seguir?

“O que coñecemos con certidume é que un modelo como a dieta mediterránea, xunto coa práctica do exercicio físico regular, diminúe o risco de enfermidades crónicas, tanto do cancro de pulmón, recto, próstata ou mama, como de enfermidades cardiovasculares, e non deberiamos esquecer que esta dieta inclúe o consumo moderado e pouco frecuente de carnes vermellas”, valora Elisa Calle.

“Comer en ocasións un bo trozo de carne en boa compaña vainos permitir gozar da vida, que é unha boa forma de gozar da saúde” (Elisa Calle)

“De feito –engade a profesora de Medicina Preventiva-, a pirámide da dieta mediterránea recomenda que a carne vermella se consuma menos de dúas veces por semana e as carnes procesadas, como moito, unha vez á semana. É dicir, na nosa dieta diaria non deben estar as carnes vermellas e procesadas e si os cereais integrais, as verduras, as froitas e o aceite de oliva virxe. Agora ben, comer en ocasións un bo trozo de carne en compaña de amigos ou da familia, ou facer unha barbacoa, vainos permitir gozar da vida, que é unha boa forma de gozar da saúde”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información