Velucan: os cans que detectan niños de Vespa Velutina

A Escola de Formación de Guías Caninos Cruz de Calatrava, en colaboración co entomólogo Lolo Andrade, está a poñer en marcha o proxecto Velucan: adestrar cans para localizar niños de Vespa Velutina, axudando así a combater esta praga.

Velucan: os cans que detectan niños de Vespa Velutina

Mariano Chico e Diego Pallas con Xaxa, unha cadela que están a adestrar para localizar niños de Vespa Velutina

¿Por que non utilizar a alta capacidade olfativa do can para rastrexar niños de Vespa Velutina e axudar á súa localización? Esta foi a pregunta que se fixeron hai uns meses Mariano Chico Millán e Diego Pallas López, da Escola de Formación de Guías Caninos Cruz de Calatrava, en Oleiros (A Coruña) e que agora xa a están a pór en práctica adestrando dous cans para localizar niños de Vespa Asiática.

“Queríamos botarlle unha man aos apicultores, madeireiros, fruticultores e á sociedade en xeral para loitar contra a praga da Vespa Asiática, dado que moitas veces a vexetación boscosa e as matogueiras dificultan moito localizar os niños”, explica Diego.

E é que a localización de colonias de Vespa Velutina mediante cans adestrados é unha práctica que xa leva tempo realizándose con éxito en Francia, o país pioneiro na utilización desta técnica. A partir desta referencia, e en colaboración co entomólogo Lolo Andrade, a escola Cruz de Calatrava está xa a adestrar cans para a localización de niños en Galicia, nun proxecto que denominan Velucan.

O punto de partida é que os cans teñen un sistema olfativo altamente desenvolvido, con entre 2 e 3 millóns de células olfativas, sete veces máis que o ser humano, e con capacidade para discriminar olores coa súa trufa e de diferenciar no cheiro o aire exhalado do inhalado.

O proxecto Velucan iniciárono no mes de febreiro e neste momento xa están a adestrar dous cans: Zeos, un pastor alemán de ano e medio que xa está traballando moi ben no rastrexo, e Xaxa, unha femia de catro meses, tamén da mesma raza, e que segundo Diego “está respondendo moi ben”.

O método de adestramento é mediante ocultación da mostra, unha substancia do niño da Vespa Velutina, debaixo duns conos, e cando o can a localiza recibe un premio como reforzo positivo. De momento están realizando os adestramentos en pista e cara o mes de setembro agardan empezar a realizalos en campo.

“Cara o mes de marzo xa nos poderán chamar os apicultores”

“Adestrar un can para este tipo de rastrexo leva sobre 5 meses. Prevemos empezar en setembro a facer simulacros reais e para o ano que ven, sobre o mes de marzo, xa teremos os cans listos para que nos podan chamar para a localización de niños de Vespa Velutina”, explica Diego.

Unha vez que estea o servizo en marcha, o procemento consistirá en chegar á zona onde se presupón que hai niños de Velutina. Cun plano cartográfico da área, trázase unha circunferencia e o can irá rastrexando nun radio de ata 3 quilómetros á redonda. Se localiza o niño, o can pode avisar ou ben de forma activa, ladrando, ou de forma pasiva sentándose e agardando. Un colar con GPS permitirá localizar o punto exacto no que se atopa o can e o niño. Posteriormente, procederase á retirada do mesmo, que no caso da Escola de Formación de Guías Caninos Cruz de Calatrava, realizará o entomólogo Lolo Andrade.

Este servizo prestarase nunha parte da provincia da Coruña. E é que dende os fundadores do proxecto Velucan teñen claro que eles sós non poden abarcar toda Galicia para detectar os niños dunha praga que está en expansión. Neste sentido, xa realizaron unha reunión con adestradores caninos de Galicia para, baixo a coordinación de Cruz de Calatrava, estender a iniciativa a todo o territorio galego e realizar un reparto por comarcas, acordando tamén tarifas para evitar competencia desleal. Ademais, está prevista a celebración no mes de agosto dun seminario no que o entomólogo Lolo Andrade informará aos guías caninos participantes sobre a Vespa Velutina, de cara a adestrar máis cans.

“É un sistema que en Francia está axudando moito a localizar niños de Velutina e pensamos que pode ser tamén un apoio importante para loitar contra esta praga en Galicia”, conclúe Diego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información