Un novo paso para a IXP “Pan Galego”

O DOG ven de publicar a solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida “Pan Galego”. A partires de agora ábrese un prazo de dous meses para a presentación de oposicións a esta medida

Un novo paso para a IXP “Pan Galego”

Pan galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade á solicitude de inscrición no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida “Pan Galego”. Con este trámite, a partires desta data ábrese un prazo de dous meses para a presentación de oposicións á devandita inscrición.

As eventuais alegacións serán avaliadas e resoltas pola Consellería do Medio Rural, en concreto pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Estas resolucións poderán ser recorridas en alzada ante a Consellería.

A solicitude de inscrición foi realizada pola Federación Galega de Panaderías (Fegapan), asociación que contou co apoio e o asesoramento da Consellería do Medio Rural para a preparación da documentación necesaria na tramitación do expediente.

Superado ese trámite de 2 meses de exposición pública, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez aprobaría a Orde pola que se adopta unha decisión favorable, remitindo o expediente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) para o seu envío á Comisión Europea.

A partir dese momento e logo do exame do prego de condicións por parte Comisión, publicaríase a solicitude de inscrición no Diario Oficial da Unión Europea para iniciar un novo período de información pública -esta vez a nivel europeo- de 6 meses. Este período podería ser reducido a 2 meses se non hai alegacións nese intervalo.

Cómpre sinalar que, unha vez recibido o prego pola Comisión, a Consellería poderá tramitar o que se denomina Protección Nacional Transitoria, o cal permite utilizar a IXP “Pan Galego” no ámbito español á vez que se continúa coa tramitación europea.

Pan Galego

Tal e como recolle o prego de condicións da IXP, o pan galego é aquel que ten codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados na comunidade autónoma de Galicia pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados “Trigo país” ou “Trigo galego”).

A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

O pan amparado pola IXP presentará unha serie de características, entre as que se atopan a forma (variable en función do formato de que se trate), existindo catro tipos de pezas, cun formato tradicional específico. O “bolo” ou “fogaza”, a “rosca”, a “bóla” ou “torta” e a “barra”, cada unha coa súa forma e pesos específicos, indicados no devandito prego, que tamén establece as condicións que teñen que cumprir a codia e a miga, así como o sabor e o aroma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información