Túnel viño estandar

Túnel do viño da DO Monterrei na feira Agro + Verín

Os asistentes á feira, que se celebrará este fin de semana, poderán degustar as referencias de 19 adegas da denominación de orixe

A denominación de orixe (DO) Monterrei participará, por terceiro ano consecutivo, na feira Agro +Verín, que terá lugar este fin de semana no pavillón municipal de deportes de Verín

Nesta ocasión, o C.R.D.O. Monterrei promoverá un Túnel do Viño, no que estarán presentes referencias de 19 das 26 adegas que conforman esta denominación de orixe. Neste espazo, os asistentes poderán coñecer e degustar o produto do D.O. Monterrei, ademais de recibir información sobre o territorio, historia e tradición vitivinícola, características de chan e clima, variedades de uva e tipoloxías de viños.

O horario de funcionamento deste Túnel será de 12 a 14 e de 18 a 20.00 horas, e ademais da presenza de técnicos e a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, participará a catadora Mariña Cruces, subcampioa nos anos 2009 e 2011 do Campionato Galego de Catadores. Para entrar no mesmo será necesario adquirir unha copa e un ticket de entrada ao Túnel (copa a dous euros e ticket por un valor de cinco euros).

As adegas que estarán presentes nesta iniciativa son: Ladairo, Pazos do Rei, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Terras do Cigarrón, Pazo Branco Núñez (Tapias Mariñán), Boo Rivero, Manuel Guerra Justo, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, José Luís Gómez Ibáñez (Valderello), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo, Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Concepción Paradela Martínez (Abeledos) e Triay Adegas de Oímbra.

“A participación nesta iniciativa permítenos dar a coñecer, aos nosos consumidores máis próximos, os tintos e brancos que se elaboran en Monterrei”, destaca a presidenta, “así como continuar a nosa campaña de promoción anual”.

Visita do conselleiro á DO Monterrei
Esta semana, o conselleiro do Medio Rural, José González, visitou a DO Monterrei, asistindo a un pleno do seu consello regulador. O conselleiro aproveitou tamén para visitar unha das adegas da denominación, en concreto Crego e Monaguillo. González destacou na visita a evolución alcanzada nos últimos anos por Monterrei, que pasou de 800.000 litros de produción en 2009 a unha media nos últimos tres anos de case tres millóns de litros anuais.