Torre de Núñez prevé duplicar a súa produción de xamóns en tres anos

Torre de Núñez prevé duplicar a súa produción de xamóns en tres anos

A conselleira durante a súa visita ás instalacións de Torre de Núñez

A empresa lucense Torre de Núñez prevé duplicar nos próximos 3 anos a súa produción de xamón, pasando das actuais 250.000 pezas a unhas 500.000. Así o adiantou este xoves o director xeral da compañía cárnica lucense, José Manuel Núñez Torre, durante a visita da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, á nova nave que están construíndo no polígono industrial do Corgo, en Lugo.

O director xeral da empresa salientou que con esta ampliación “facemos unha aposta firme por consolidar a nosa marca no mercado nacional e nos internacionais”, que neste momento supoñen o 10% da súa facturación.

“Con esta nova nave teremos capacidade para producir medio millón de xamóns por exercicio, co que se duplicarían as actuais 250.000 pezas”, salientou José Manuel Núñez Torre.

Axuda da Consellería do Medio Rural para esta ampliación

Torre de Núñez, empresa amparada polo selo de Galicia Calidade, puido realizar esta ampliación grazas a unha axuda da Consellería do Medio Rural. Así, na convocatoria 2016 das axudas de transformación e comercialización para industrias agroalimentarias recibiu 1,3 millóns de euros para dous proxectos de acondicionamento e melloras técnicas nas súas instalacións, que suporán un investimento total de 3,9 millóns de euros. Entre elas salienta a construción da nova nave para almacenamento de xamóns, pensada para dar cabida á produción con vistas aos próximos dez anos.

A día de hoxe esta empresa cárnica lucense emprega 140 persoas e factura uns 22 millóns de euros anuais. Torre de Núñez comezou a súa produción hai 50 anos iniciando a distribución dos seus elaborados cárnicos. Nos anos 80 comeza un proceso de expansión coa construción do primeiro centro de elaboración en Conturiz.

Os traballos desta compañía céntranse no secado de xamóns, elaboración de embutidos coma o lombo, o chourizo ou o salchichón, salgados, elaborados cárnicos e rebandado de produtos curados. A súa distribución dáse polas principais cadeas de supermercados e hipermercados de España e dende o 2016 comezou a súa internacionalización, de forma que hoxe o 10% da súa facturación anual corresponde a países da Unión Europea.

A raza escollida para a súa produción é a Duroc, de porcos norteamericanos cunha parte ibérica, para que haxa máis cantidade do animal que proporciona unha infiltración graxa que fai á peza mellorar a súa calidade e o seu sabor. A produción de xamón, cunha curación mínima de 14 meses, inclúese dentro da Especialidade Tradicional Garantida (ETG) Jamón Serrano e da marca de garantía Galicia Calidade.

A conselleira salienta que este ano as axudas á industria agroalimentaria permitirán un investimento de 74,6 millóns

Pola súa parte, Ángeles Vázquez salientou que os beneficiarios das axudas de transformación e comercialización da Consellería do Medio Rural para industrias agroalimentarias incrementáronse este ano no sector cárnico nun 130% respecto do exercicio anterior, pasando de 10 en 2016 a 23 na convocatoria actual.

Estes proxectos suporán un investimento de 15,8 millóns de euros no rural galego. En total, son 144 empresas de diferentes sectores as beneficiarias este ano por esta orde de axudas para industrias agroalimentarias. O investimento previsto é de 74,6 millóns de euros e a subvención ascenderá a 23,9 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información