Ternera Gallega, o queixo Arzúa-Ulloa e o viño da Ribeira Sacra únense para promocionarse en España

O camión de “Sabores de Galicia” percorrerá 40 cidades españolas os próximos tres meses para aumentar a exportación dos tres produtos cara o resto de España. A iniciativa presentouse hoxe en Santiago de Compostela e inclúe un show cooking.

Ternera Gallega, o queixo Arzúa-Ulloa e o viño da Ribeira Sacra únense para promocionarse en España

Interior do camión de "Sabores de Galicia".

Tres denominacións de orixe galegas, representando ao viño, á carne e ao queixo de calidade, unindo esforzos baixo o lema “Sabores de Galicia” para promocionarse e aproveitar o gran potencial do mercado español para os produtos galegos.

Esta foi a novidosa campaña que se presentou hoxe en Santiago de Compostela e que une aos consellos reguladores de queixo Arzúa-Ulloa, do viño Ribeira Sacra e á Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.

O formato tamén será innovador: un camión que levará o “road-show” de Sabores de Galicia a 40 cidades españolas durante 3 meses. No interior do remolque o visitante poderá recibir información sobre estes produtos galegos de calidade, ver in situ como o cociñan en directo e, por suposto, degustalos.

Ademais, o stand móbil albergará sesións técnicas sobre as características e aspectos de control e trazabilidade dos tres produtos, así como visitas dos colectivos máis interesantes de cara á promoción: medios de comunicación, escolas de hostalaría, asociacións de consumidores, sumilleres, persoal relacionado coa distribución alimentaria…etc.

Exportar ao resto de España: unha oportunidade para os produtos galegos

Na presentación desta campaña, o presidente da D.O. Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carrera, lembrou que “na nosa denominación máis do 80% dos queixos comercialízanse no mercado galego, polo que é unha materia pendente saír fóra de Galicia á conquista de novos mercados”.

Pola súa parte, o presidente da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, amosouse convencido de que “a campaña de promoción vai ser un éxito porque se trata de tres produtos de gran calidade que, ademais, compleméntase moi ben”.

Na mesma liña, o presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González Vázquez lembrou que “no noso caso exportarmos ao resto de España o 55% da nosa produción, pero temos que saír fora a promocionarnos para seguir medrando e consolidando o noso mercado”.

Por último, Patricia Ulloa, directora xeral de Producións Agropecuarias da Consellería do Mar e do Medio Rural, asegurou que “o máis salientable desta campaña é a fórmula de integración de dúas denominacións de orixe e unha IXP que deciden unirse para facer promoción conxunta dos seus produtos, e esta é a fórmula a seguir”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información