Tendencias emerxentes de alimentación de cara ó 2030

Un estudo realizado en Francia cos axentes da cadea alimentaria apunta ó desenvolvemento do comercio electrónico e ó reforzo dos produtos locais nos supermercados como perspectivas máis probables

Tendencias emerxentes de alimentación de cara ó 2030

O sector alimentario espera unha maior demanda de proteínas vexetais por parte do consumidor.

Como evolucionará a nutrición de aquí ó 2030? A sociedade francesa Alim Avenir fíxolle esa pregunta a 50 actores clave da cadea alimentaria, incluíndo produción, procesado e distribución. Cada tendencia foi valorada de 0 a 10, en función das posibilidades de éxito que se lle ven. Estas son as principais perspectivas de futuro que se albiscan:

O podium, as tendencias que triunfan

1) Produtos de proteína vexetal (8,8)
Ós produtos a base de trigo e de soia, engadiránselle novas fontes de proteínas vexetais para aumentar a oferta e mellorar a calidade da gama. Buscaranse alimentos cun uso máis práctico.

2) Desenvolvemento do comercio electrónico (8,2)
O comercio electrónico tivo ata agora unha escasa presenza no sector alimentario, pero a entrada de xigantes como Amazon está cambiando a situación. As grandes cuestións pendentes son os gastos de envío, os custos de loxística e o respeto da cadea de frío.

3) Máis produtos locais nos supermercados (7,5)
A mención do lugar de orixe dos produtos debe convertirse nunha cuestión cada vez máis importante. As cadeas de distribución están interesadas en traballar con pequenas empresas e granxas dos arredores, pero queda por resolver a cuestión do volume da oferta e dos prezos que se oferten. Precísanse ademais garantías de trazabilidade e seguridade alimentaria.

Tendencias que se instalan

4) Vexetarianismo e semivexetarianismo (7,4)
Prevese unha redución do consumo de carne nos países desenvolvidos, sobre todo entre a poboación nova. Esa tendencia promoverá unha mellora cualitativa da oferta en canto a xeitos de produción, razas e orixes. Tamén fomentará o mercado de proteínas alternativas.

5) A entrega de comidas a domicilio (7,1)
É unha tendencia que medrará en zonas urbáns de poder adquisitivo. A entrega de comidas a domicilio ten posibilidades de crecemento en nichos de mercado como a nutrición personalizada e as dietas especiais. Espérase unha concentración da oferta, xestionada por grandes actores.

6) O crecemento bio (7)

O consumo de produtos ecolóxicos continúa o seu asentamento, se ben aínda se ve obstaculizado polos custos adicionais que representa. Está en cuestíón a capacidade da oferta para dar resposta ó aumento da demanda, á vez que se garante a mesma calidade. Os produtos bio poden enfrontarse á competencia de produtos non ecolóxicos, pero que teñan unha identificación co natural.

7) Circuitos curtos (6,6)
A demanda de produtos de proximidade xerará posibilidades para os produtores. Espérase no futuro unha combinación de circuítos alternativos e tradicionais de distribución. As cadeas minoristas valorarán máis o produto local, en tanto os propios produtores buscarán as súas propias vías de distribución. Está por ver como se lle dá solución ás cuestións loxísticas e prácticas (cantidade, prezo, calidade, seguridade).

8) A dixitalización da cociña (6,4)
Agárdanse sistemas na cociña que lle faciliten ós consumidores a elaboración dos produtos. Hai quen pensa que unha maior dixitalización da cociña representará un desafío para os pratos preparados da industria. Outros, que pode ser unha moda se non lle aporta cuestións prácticas ós consumidores.

Tendencias que buscan un oco

9) A personalización dos alimentos (5,9)
O horizonte do 2030 semella demasiado curto para a instalación desta tendencia, pois enténdese que é precisa unha maior investigación. A nutrición preventiva, non obstante, semella ter futuro. Espérase que as persoas poidan singularizar a súa alimentación en base a cuestións como o perfil xenético ou a súa microbiota particular.

10) Dixitalización da nutrición (5,6)
Hai un público determinado para aplicacións (Apps) e aparellos que ofrezan datos sobre os alimentos (calculadoras de calorías, sensores de alérxenos, etc.). Os apasionados da tecnoloxía e as persoas con limitacións nutricionais (alérxicos, persoas maiores, etc.) impulsarán esta vía.

11) Granxas comerciais urbáns de alta tecnoloxía (5,1)
A posibilidade de espazos de produción nas zonas urbáns está en discusión. Cuestiónase que sexa posible afrontar o custo do terreo e acometer as instalacións precisas nas cidades.

12) Produtos feitos en base a algas (4,7)
As algas teñen un gran potencial de crecemento, se ben a súa apariencia e textura poden representar un freo para o consumidor. Hai quen pensa que precisaranse máis anos para que o mercado das algas pase de ocupar un nicho de consumo a convertirse nunha tendencia dominante.

13) Produtos a base de insectos (3,4)
Os encuestados son escépticos arredor desta tendencia, pois pénsase que é pouco aceptable no mundo occidental. Recoñécese o valor dos insectos no campo da alimentación e valórase o seu posible desenvolvemento en terminacións a modo de fariña ou de po.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información