A superficie inscrita na agricultura ecolóxica aumentou un 36% nun ano

Galicia pechou o 2016 con 27.700 hectáreas, polas 20.300 con que contaba na anterior campaña. Os pastos e o terreo forestal con carga gandeira representan a maior parte das parcelas certificadas.

A superficie inscrita na agricultura ecolóxica aumentou un 36% nun ano

Rolda de prensa de presentación do balance anual do Craega.

A agricultura ecolóxica está a experimentar un importante pulo en Galicia desde hai un par de anos. O 2014 pechouse con arredor de 15.000 hectáreas inscritas e na actualidade xa son case o dobre, 27.700 hectáreas, segundo os datos presentados esta mañá polo presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), José Antonio Fernández.

O crecemento vén derivado en boa medida da consolidación da produción biolóxica nos sectores gandeiros, tanto no de leite como no de carne. Son os que máis medran e xa representan preto da metade da facturación en produtos certificados, 20 millóns de euros (13,2 leite e 6,8 carne) dos 41 millóns que ingresa a agricultura ecolóxica en Galicia.

Todos os números do último informe anual do Craega convidan óptimismo. A superficie no último ano aumentou un 36%, a facturación un 25% e o número de operadores un 18%. “O crecemento da agricultura ecolóxica vai ser continuo e non vai parar” -vaticina José Antonio Fernández.- “Os produtores que se pasan á agricultura ecolóxica están investindo no seu futuro” -valora.- “Quédanos o reto de chegar máis á cidadanía galega, pois arredor da metade da nosa produción véndese a día de hoxe fóra da comunidade”.

Perspectivas
O presidente do Craega destaca que as cifras de produción e consumo da agricultura ecolóxica son máis altas na maioría de países da UE en comparación con España, polo que agarda que en Galicia e no resto do Estado se siga o mesmo camiño.

“Quédanos o reto de chegar máis á cidadanía galega, pois arredor da metade da nosa produción véndese fóra” (José Antonio Fernández)

Sobre o prezo dos produtos ecolóxicos, cun menor diferencial cos alimentos convencionais noutros países da UE, Fernández recoñece que tamén en España ese será o camiño. “Hai sectores nos que xa descendeu o prezo, pero sempre vai haber un diferencial, pois estamos falando de alimentos de calidade con maiores custos de produción. Para que baixen os prezos, precísase tamén unha masa crítica de produción que permita unha maior presenza na gran distribución” -destaca.- “En calquera caso, se se miden os beneficios extra que representa para a saúde o consumo de produtos ecolóxicos, son maiores que o sobreprezo que hai que pagar”, conclúe.

O balance do último ano do Craega presentouse esta mañá en Santiago nunha rolda de prensa na que tamén interviu a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen destacou as boas perspectivas da produción ecolóxica na comunidade. “Está medrando por enriba das nosas previsións. Tiñamos previsto para o 2021 ter 8.000 hectáreas máis certificadas, pero sen dúbida chegaremos a esa cifra antes”, pronosticou.

Superficies certificadas
A principal superficie certificada no Craega corresponde a pastos e pradeiras permanentes (12.300 hectáreas), seguidos de terreo forestal con carga gandeira ou pecoreo de abellas (9.200 hectáreas) e de terreo forestal sen uso gandeiro, apto para a recollida de cogomelos e plantas (2.155 hectáreas). En cuarta posición están as castañas (1.755 hectáreas), sendo tamén representativas as superficies de maceiras (289 hectáreas) e de horta (155 hectáreas).

Lugo conta con case a metade da superficie certificada e dos operadores inscritos no Craega

Outros sectores destacados do agro galego, como o viñedo, teñen aínda un escaso peso na agricultura ecolóxica, sumando na actualidade 89 hectáreas.

Por provincias, destaca Lugo, con 13.000 hectáreas. Séguelle Ourense, con 10.000 hectáreas e xa a moita distancia sitúanse A Coruña, con 2.400, e Pontevedra, con 1.400.

Operadores e facturación
En canto ó número de operadores, hai na comunidade un total de 945, dos que 751 son produtores e 194 elaboradores. Dos produtores, hai 383 inscritos na produción vexetal, 331 na produción animal e 37 na acuicultura e na recollida de algas. A maioría dos produtores sitúase novamente en Lugo, con 333 (201 de produción animal e 132 vexetal).

En canto á facturación, a gandería suma 20 millóns de euros, seguida das conservas de peixe (5,4 millóns). Destacan tamén os pensos para alimentación animal, con 2,6 millóns de euros en vendas, e os ovos, con 2 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información