Solicitada a IXP Pan Galego ante a Comisión Europea

Solicitada a IXP Pan Galego ante a Comisión Europea

Logo da futura IXP Pan Galego.

A tramitación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego concluíu xa a nivel estatal. Queda agora pendente só a aprobación da Comisión Europea, un paso que xa está a xestionar a Administración autonómica. A posta en marcha da IXP é unha vella reivindicación da Federación Galega de Panaderías (Fegapan) co obxectivo de identificar e darlle un valor engadido ó produto no mercado.

A expectativa é que no prazo duns seis meses a Comisión Europea teña unha primeira valoración sobre a solicitude. De ser positiva, poderíase pedir xa unha protección nacional transitoria, do mesmo xeito que fixo recentemente coa IXP Vaca e Boi de Galicia. Esa protección nacional transitoria podería permitir a activación da nova Indicación nos primeiros meses do 2018.

Características
As características que deberá ter o pan para poder acollerse ó selo están recollidas no correspondente prego de condicións. Tratarase dun pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elaborará de xeito artesanal con fariña de trigo brando, da cal alomenos o 25% deberá proceder de trigos cultivados en Galicia e pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.

Na actualidade hai seleccionadas dúas variedades de trigos autóctonos, a Callobre e a Caaveiro. Estas variedades caracterízanse por ser de cana alta, o que facilita o seu encamado. Estase investigando na obtención de variedades de ‘trigo país’ que manteñan as características organolépticas das tradicionais e que sexan de menor porte. De ser o caso, autorizaranse no futuro para o seu uso na IXP.

O prego establece tamén como ha de ser o proceso de elaboración e os diferentes formatos tradicionais que se admiten (bolo ou fogaza, bóla, rosca e barra), así como o seu rango de pesos. O pan presentaráselle ó consumidor en envases individuais que incluirán o logotipo de Pan Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información