Só o 1% dos galegos está informado do código impreso no ovo

A campaña “O ovo, de etiqueta” chega a Galicia para informar sobre os sistemas de produción europea, a etiquetaxe e o marcado do ovo.

Publicidade
Só o 1% dos galegos está informado do código impreso no ovo

José Luis García-Vila e Mar Fernández.

A directora da Interprofesional do Ovo e os seus Produtos (INPROVO), Mar Fernández, e José Luis García-Vila, un produtor galego de ovos, presentaron onte en Santiago de Compostela a campaña “O ovo, de etiqueta”.

O obxectivo desta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea e polo MAGRAMA, é informar ao consumidor sobre a trazabilidade do ovo, indicada no seu marcado e etiquetaxe, así como das características da produción de ovos na UE.

“E é que malia que leva dez anos implantada, só o 1% dos galegos e o 2% dos españois coñecen o significado do código impreso no ovo, un auténtico DNI que nos permite saber en que granxa e que día foi posto cada ovo”, asegurou a directora. Son datos que se desprenden do “Huevómetro”, unha enquisa sobre hábitos de consumo elaborada por INPROVO.

Mar Fernández subliñou que grazas aos controis que se aplican na produción e comercialización de ovos “estamos ante un dos sectores con máis trazabilidade e seguridade alimentaria”.

A este respecto, José Luis Vila salientou que “pola contra a venda de ovos caseiros, non ofrece as garantías totais que ofrecemos os produtores profesionais”.

Os galegos valoran máis os ovos pola súa forma de produción e polo seu tamaño

Así, na etiqueta do ovo indícase a data de consumo preferente, o peso do ovo, a forma de cría das galiñas e consellos sobre a súa conservación en frío.

Neste sentido, outra das conclusións do “Huevómetro” é que os consumidores galegos son dos que máis se fixan na forma de produción dos ovos (un 69%) e no seu tamaño (un 99%).

O 23% dos ovos que se producen en Galicia son de galiñas campeiras, 6 veces máis que a media estatal

Por outra parte, a directora de INPROVO salientou a importancia económica da avicultura tanto para Galicia como para España. En concreto, España é o segundo produtor de ovos da UE cun censo de 41 millóns de galiñas, o 13% da produción comunitaria, e unha facturación anual de máis de 800 millóns.
En canto a Galicia, representa o 7,6% da produción española, con case 1,5 millóns de aves.

Unha das especificidades da produción avícola galega é a súa aposta polos ovos de calidade. Así, o 50% das granxas autorizadas en Galicia dedícanse á cría de galiñas campeiras, o que supón o 23% do censo total a nivel estatal. En España só o 4% da produción de ovos é de galiñas campeiras, e o 91% é en gaiolas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información