Salmonella, pesticidas e micotoxinas, principais alertas alimentarias do 2014

Un informe da Fundación Vasca de Seguridade Alimentaria analiza as incidencias detectadas en Europa en alimentos no 2014

Salmonella, pesticidas e micotoxinas, principais alertas alimentarias do 2014

O 97% das froitas e hortalizas cumpren cos límites de residuos de pesticidas.

A Rede Europea de Alerta en Seguridade Alimentaria pechou o 2014 cun total de 2.627 incidencias rexistradas, arredor dun 15% menos que no 2013. Das incidencias, arredor da metade debéronse a rexeitamentos en fronteira (45%) e o resto a alertas (25%) e a notificacións de información (30%). Os principais problemas alimentarios detectados foron motivados por contaminación biolóxica, principalmente salmonella, por residuos de pesticidas e por micotoxinas, según recolle un informe da Fundación Vasca de Seguridade Alimentaria.

Do total de riscos, o máis frecuente foi a contaminación biolóxica (26%), crecendo lixeiramente en relación ó ano anterior; seguido dos residuos de pesticidas (22%) e das micotoxinas (16%). Fraudes (12%), metais pesados (9%) e contaminación química (9%) completan o groso das incidencias.

No caso da contaminación biolóxica, a bacteria salmonella suscitou arredor da metade das alertas, principalmente en polos e aves de corral. En residuos de pesticidas e medicamentos, as verduras coparon a maior parte das incidencias, en tanto as gambas centraron o groso das alertas por residuos de medicamentos, a maioría con orixe en Asia.

En canto ós residuos por pesticidas, cómpre tamén acotar o problema e destacar que o informe anual da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (Efsa) conclúe cada ano que arredor do 97% das froitas e hortalizas presentes no mercado cumpren cos límites europeos na materia. Só se detectan incidencias nun 2-3 % das inspeccións.

As micotoxinas, uns metabolitos fúnxicos problemáticos para a saúde, completan o ‘podium’ das incidencias no 2014 da Rede Europea de Alertas en Seguridade Alimentaria. As principais micotoxinas detectadas foron as aflatoxinas e nun 30% dos casos a orixe do problema estivo en cacahuetes, a maioría procedentes de China.

No que respecta ós metais pesados, o pez espada foi o principal problema pola presencia de altos niveis de mercurio. O 45% dos casos rexistrouse en España.

Por continentes, Asia foi o que motivou máis alertas (39%), seguido de Europa (34%), e en menor medida de América (16%), de África (9%) e de Oceanía (1%).

Nos últimos cinco anos, os problemas en crecemento son a contaminación biolóxica e mala hixiene dos produtos, e os residuos de pesticidas e medicamentos; en tanto van a menos os casos de micotoxinas e contaminación química, segundo o informe da Fundación Vasca de Seguridade Alimentaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información