Sacan ao mercado a primeira cervexa galega de grelos de Lugo

Champivil-Castelo sacan ao mercado a primeira cervexa galega de grelos de Lugo e do cogumelo trompeta de mortos. Trátase dunha gama rubia e outra negra froito da colaboración co artesán cervexeiro Peterpaul.

Sacan ao mercado a primeira cervexa galega de grelos de Lugo

A responsable da empresa Champivil Castelo, Luz Divina Castelo, no centro.

Xa é posible experimentar o sabor de algo tan tradicional de Galicia como son os grelos nun formato novidoso. A empresa de Vilalba Champivil-Castelo ven de poñer no mercado a primeira cervexa galega de grelos de Lugo e de trompeta dos mortos. As novas bebidas foron presentadas esta mañá na Praza de Abastos de Santiago de Compostela coincidindo coa véspera da celebración do Día das Letras Galegas.

Trátase de dúas cervexas artesás, unha gama rubia e outra negra, froito da colaboración da empresa chairega co artesán cervexeiro galego Pablo Casanova, Pater Paul, o primeiro en lograr en Galicia, no ano 2005, un rexistro sanitario para comercializar cervexa artesá. É unha edición gourmet exclusiva que estará dispoñible en dous formatos, de 33 e 75 cl., e que poderá adquirirse a través do facebook da compañía vilalbesa.

A responsable da empresa, Luz Divina Castelo, explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa, especializada na transformación de produtos autóctonos naturais e que lidera o envasado de grelos e de setas en Galicia. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e estrugas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas.

Luz Divina: “Queremos que os produtos galegos se espallen e cheguen máis alá das nosas fronteiras”

O proceso de elaboración tanto da cervexa rubia de grelos como da cervexa negra de trompeta dos mortos é totalmente natural e artesán e leva dous meses e medio. Os ingredientes son auga de fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves para que predomine o aroma do grelo e e da seta e lévedos de cervexa neutras tamén con ese obxectivo. O cociñeiro da bebida destacou que para a súa fabricación úsase unha porcentaxe de malta de cebada 100% moi superior á empregada nas cervexas industriais (30 quilos de malta por cada 100 litros de auga neste caso fronte aos só 8 das cervexas industriais). “Outra diferenza fundamental é que esta cervexa non leva ningún tipo de produto químico nin ningún engadido, é totalmente natural e artesá e mesmo o gas que ten prodúceo a propia cervexa grazas a unha segunda fermentación en botella que dura entre 25 e 35 días”, explicou Paterpaul.

A primeira Guinness galega

A gama negra de trompeta dos mortos é unha cervexa de estilo irlandés á que no último momento da cocción se lle engade a infusión desta seta, habitual nos montes galegos, para que conserve así os aromas e a cor escura característica da trompeta dos mortos. O resultado é unha cervexa contundente e de escuma máis densa que na cata recorda o aroma a monte e a humidade.

A súa irmá, a cervexa de grelos é unha cervexa rubia á que se engaden na cocción grelos da Terra Chá que soltan o seu sabor e color á mestura. O resultado é unha cervexa clara cun matiz verdoso e percíbese ao degustala o amargor do grelo. É unha cervexa refrescante pensada para a primavera e o verán.

Trátase nos dous casos dun produto gourmet de produción limitada pero cun prezo asequible “para que todo o mundo a poida probar”, indicou Luz Divina. A primeira fornada das dúas variedades xa está no mercado e pode adquirirse a través do facebook de Champivil-Castelo. “Fixémolo así porque queremos que os produtos galegos se espallen e cheguen máis alá das nosas fronteiras e as redes sociais son un medio idóneo para iso”, explicou a responsable da empresa, que irá producindo a cervexa en función da demanda, en lotes pequenos, para que non se almacene durante moito tempo e non se faga vella, outro valor engadido con respecto ás cervexas de produción industrial.

Kit para fabricación caseira

Ademais das dúas cervexas, que se comercializarán ao prezo de 2,5 e 4,5 euros en dous formatos, de 33 e 75 cl. respectivamente, nunha botella tamén direrente, de estilo retro, que diferenza a cervexa que vai dentro e que evoca os inicios da fabricación desta bebida en España, a empresa vilalbesa tamén pon no mercado, ao prezo de 10 euros, un kit completo para a fabricación caseira da cervexa de trompeta dos mortos.

Segundo explicou Paterpaul, o obxectivo é por unha banda “que os consumidores poidan comprobar que a cervexa de Castelo é totalmente natural” e por outra, “que poidan experimentar, dunha forma sinxela, o pracer de beber unha cervexa elaborada por eles mesmos”. O kit inclúe os ingredientes necesarios para fabricar 8 litros de cervexa (un quilo de malta de cebada e as cantidades necesarias de lúpulo, levadura de cervexa e trompeta dos mortos) e un artiluxio denominado air lock que fai de válbula durante a fermentación mediante un sistema de cribado por auga que deixa sair o gas pero non deixa entrar o osíxeno.

O resto do instrumental necesario son útiles de cociña que calquera pode ter na súa casa (unha pota, un coador, unha culler e unha xerra) e o kit inclúe unhas instruccións paso a paso de todo o proceso, que se levará a cabo nunha garrafa de auga “que como é transparente permite ir vendo o proceso de fermentación”, explicou o creador deste kit experimental, que se presenta como “un agasallo precioso para todas aquelas persoas ás que lles guste a cervexa”, considerou pola súa banda Luz Divina Castelo.

Ampla traxectoria

Estas novas cervexas nacen da colaboración de dúas empresas galegas pioneiras e cunha ampla traxectoria no seu sector. Champivil-Castelo, é unha empresa de Vilalba con máis de 50 anos de historia pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e a primeira que envasou grelos e estrugas co obxectivo de aumentar deste xeito a vida útil e o período de consumo de produtos estacionais do noso país. Neste momento conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, verzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.

Champivil Castelo foi a primeira empresa galega que envasou grelos e estrugas

Paterpaul pola súa banda é un mestre cervexeiro ourensán fillo de emigrantes galegos na Arxentina que foi pioneiro na fabricación de cervexa artesá na nosa comunidade e o primeiro en lograr, no ano 2005, un rexistro sanitario de cervexa artesá galega. Na súa fábrica de Celanova e baixo a marca Monterrei, produce unha gama moi ampla de cervexas artesás que van desde a rubia, a tostada, a negra, a ecolóxica e mesmo a afrodisíaca.

No acto de presentación das cervexas, que tivo lugar na sala de catas da Praza de Abastos compostelá, estivo tamén presente Martín Álvarez, profesor de cociña e responsable do Museo da Ortiga de Celanova. Xunto a Martín, que é tamén presidente da asociación cultural As Ortigas, creada no 2005 para divulgar o aproveitamento desta planta, Champivil-Castelo foi pioneira hai un ano na comercialización de estrugas enlatadas.

As estrugas, moi comúns en Galicia, teñen un alto valor nutritivo, semellante ao das espinacas, e posúen propiedades diuréticas e estimulantes para a pel que as fan recomendables para moitas doenzas. Até agora o seu uso culinario estaba pouco estendido pero nos últimos anos estase a demostrar como un bo ingrediente para ensaladas e revoltos, polo que é un produto novidoso pero con moito futuro na gastronomía galega. As estrugas teñen tamén a súa propia cervexa, estilo pale, moi suave e con sabor a campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información