Sacan ao mercado o primeiro queixo con estrugas

A pequena queixería artesanal “Quesos de la Montaña de Entrimo”, en Ourense, e a asociación cultural As Ortigas da Baixa Limia lanzan ao mercado o “Queixo con Estrugas do Xurés”, un produto novidoso que está a colleitar éxito no mercado.

Sacan ao mercado o primeiro queixo con estrugas

Unir dous produtos tan galegos e saudables como o queixo e estrugas foi a idea que fixeron realidade esta primavera Manuela González González, propietaria da pequena queixería “Quesos de la Montaña de Entrimo” e Martín Álvarez, promotor da asociación cultural As Ortigas da Baixa Limia.

Comezaron a vender os primeiros queixos no mes de marzo no Mercado do Xurés, en Bande (Ourense) e dende aquela o boca a boca e o seu peculiar sabor fixeron que as vendas fosen medrando.

“O proceso é sinxelo, igual que un queixo normal tipo país, só que na cuba de fermentación engadímoslle as estrugas secas, e logo sacámolo ao mercado cun mínimo de quince días, aínda que recomendo que para apreciar o seu sabor é mellor deixar que cure polo menos un mes”, explica Manuela González, segunda xeración de queixeiros á fronte desta empresa familiar de Entrimo.

Cada quince días elaboran unhas 200 pezas de 500 gramos que de momento se pode conseguir ou ben directamente na propia fábrica, ou en supermercados e pequenas tendas da provincia de Ourense.

Manuela González: “Ten un sabor inconfundible e a estruga impide que medre o mofo na codia”

O leite de vaca procede de ganderías da cooperativa Icos, en Chantada, e as estrugas dunha empresa de Málaga. “É un produto que abunda en Galicia e que nos gustaría mercar aquí, pero de momento non temos provedor que conte con rexistro sanitario”, explica Manuela.

E como é o sabor? No caso do queixo fresco a súa codia é fina e elástica, de cor amarela medio escura, moteada con ortiga moída. A pasta é de cor uniforme, entre branca marfil e amarela pálida e con matices verdes aportados pola folla de estruga finalmente picada. E o seu sabor é suave e inconfundible. E no queixo curado, a súa pasta é máis amarela, cun forte aroma a manteiga, e sensación olorosa picante.

“Durante a maduración aplicámoslle unha mestura de aceite de oliva e estruga seca”, explica Manuela González. A estruga ademais, axuda a conservar o queixo, xa que polas súas propiedades antisépticas e antifúnxicas impide que medre o mofo na codia.

A estruga: ingrediente dos queixos tamén noutras partes do mundo

Pero no resto do mundo tamén hai queixos tradicionais que teñen a estruga como un ingrediente principal. Así, en Cornuallles, no Reino Unido, elaboran dende hai séculos o Yarg, un queixo de leite de vaca recuberto de ortigas; en Holanda tamén elaboran Gouda con sabor a estruga ou en Estados Unidos fan o Nettlesome, un queixo elaborado con leite de vaca Jersey e con estrugas fervidas.

“Para a nosa queixería supuxo un importante impulso este queixo, porque cada vez máis xente nos coñece a vai probando este e outros queixos que elaboramos”, destaca Manuela González.

Queixo con estrugas curándose

Queixo con estrugas curándose

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información