Recomendacións para o trampeo de raíñas de Vespa Velutina na primavera

Recomendacións para o trampeo de raíñas de Vespa Velutina na primavera

Exemplar de Vespa Velutina no seu niño

A Consellería do Medio Rural repartiu o pasado mes de febreiro un total de 5.659 trampas contra a Vespa Velutina e as súas correspondentes monodoses de líquido atraente contra este insecto.

En total, son 3.147 trampas as que recibiron as principais asociacións apícolas de Galicia para repartir entre os seus socios, pero os apicultores non integrados en agrupacións tamén contarán con estes aparellos. Así, a través das Oficinas Agrarias Comarcais está previsto distribuír outras 2.512 trampas.

Neste sentido, para un correcto trampeo, fundamental para evitar a formación de novas colonias, dende a Agrupación Apícola de Galicia e da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra realizan as seguintes recomendacións:

¿Onde colocar as trampas?

As trampas instalaranse só no comezo da primavera, xa que durante o verán as trampas atrapan unha enorme cantidade doutros insectos e poucas Vespa velutina.

As raíñas de vespa asiática que sobreviven ao inverno precisan de glúcidos (azucres) para alimentarse, e por elo o mellor sitio para colocar as trampas, a unha altura de 1,5 metros, son:

-Arredor dos niños de Velutina do ano anterior. As raíñas invernaron preto e buscan alimento arredor -por elo sería moi interesante para esta tarefa ter os datos de xeolocalización en googlemaps dos niños retirados pola Xunta-.Nestes casos as trampas colocaranse nun radio de 100 a 150 metros dos mesmos. Se deixan de caer exemplares de Velutina recoméndase mover as tramas outros 100 ou 150 metros para que volvan caer.

Tamén se poden instalar as trampas en zonas urbanas, á mesma distancia de niños de Velutina localizados o ano anterior.

-Glúcidos de plantas de especies asiáticas e froiteiras en flor: a aralia (ou árbore de Angélica); a camelia de flor simple , sobre todo vermellas; o níspero xaponés, o plátano, e froiteiras en flor (ameixeiras, maceiras….). Tamén nas proximidades dos composteiros.

-En árbores que podan ter pole ou pulgón, por exemplo o salgueiro.

-Nas proximidades dos galpóns onde se garde o material do apicultor.

-Tamén, nun radio de 100 metros arredor dos apiarios.

-Durante a primavera nunca se deben colocar as trampas contra a Vespa Velutina no propio colmear.

A ser posible, na trampa colocarase unha avéspora asiática conxelada, a poder ser raíña, xa que atraerá ás súas conxéneres polo efecto das feromonas e actuará como repelente para as abellas. Os restos dun niño primario de Velutina tamén actúan como un bo atraente. Despois meter na trampa as novas raíñas de Velutina capturadas as seguintes veces e poñer algo para que non se afoguen no líquido atraente.

-Niños primarios de Velutina: se se pode matar a raíña que está e deixar o niño. Non desfacelos debido a que é un atraente para outras raíñas que acudirán ao niño e podemos volver matar.

Líquido para as trampas

O líquido para as trampas pode ser:

Comercial: 10 mililitros de atraente diluiranse en 200 ml de auga e engadiránselle uns 50 gramos de azucre. Se entran abellas na trampa reducir o azucre a 25 gramos.

Líquido alternativo ou caseiro. Hai distintas receitas:

-Auga quente (1 litro) máis medio litro de mel e unha culler sopeira de vinagre e dúas culleres sopeiras de alcohol.

-Un vaso de cervexa negra máis un vaso de viño branco e unha culler de postre de mel ou azucre.

-Tamén se poden empregar como líquido atraente cadros vellos de cera quentados en auga ou auga de derreter cera.

-Outra opción sería un vaso de viño branco máis unha cullerada de sirope de arandos.

¿Cando cambiar o líquido?

A frecuencia coa que se debe substituír a solución empregada como cebo variará, pero será de máis ou menos cada dúas ou tres semanas.

¿Como se reparten as trampas?

Para os apicultores de concellos onde houbo niños de Vespa Velutina o reparto é o seguinte:

-10 colmeas: 1 trampa.
-25 colmeas: 2 trampas.

-50 colmeas: 3 trampas.

-Máis de 50 colmeas: 4 trampas.

VELUTINA_AGRUPACION_APICOLA

Descarga aquí o cartaz en pdf. 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información