Quesos Feijóo: quinta xeración dunha das queixerías máis antigas de Galicia

Esta queixería de Celanova, en Ourense, fundada en 1949, aposta pola innovación con novos produtos como o Requeixo de Cabra con Marron Glacé, que para a vindeira semana sairá ao mercado. Julio José Alonso Feijoo, un mozo enxeñeiro agrónomo, é a quinta xeración que toma o relevo nesta queixería que conta co selo de Galicia Calidade

Publicidade
Quesos Feijóo: quinta xeración dunha das queixerías máis antigas de Galicia

A familia de Quesos Feijóo nun mercado tradicional

Manter os valores fundacionais de calidade, artesanía e tradición. Este é o obxectivo que se marca Julio José Alonso Feijoo, un mozo enxeñeiro agrónomo e quinta xeración que toma o relevo á fronte de Quesos Feijóo, unha queixería familiar de Celanova (Ourense) e fundada en 1949 por Talita Hierro García.

De comezar elaborando o tradicional “Queixo do País”, esta empresa ampliou a súa oferta nos anos 90 co queixo de barra e coa manteiga e xa nos últimos anos co Queixo Tetilla e cunha nova gama selecta de semicurados “Feijóo 1949”, tanto de leite de vaca como de mezcla con leite de cabra e de ovella. A súa última incorporación foi o “Requeixo”, un produto tradicional galego que está a ter moi boa acollida no mercado. E para a vindeira semana chegará ao público a súa última innovación: Requeixo de Cabra con castañas Marron Glacé, unha delicatessen dirixida a tendas gourmet.

Requeixo de Cabra con castañas confitadas, novo produto de Quesos Feijóo

Julio, quinta xeración de queixeiros e técnico de calidade, explica que “a idea xurdiu vendo os produtos diferenciados que se están a lanzar noutras Comunidades, e pareceunos un produto moi novidoso e saboroso mesturar o sabor ácido do requeixo de cabra co doce e intenso das castañas confitadas Marron Glacé de Cuevas”. O produto xa o presentaron no mes de xullo en Estados Unidos, nunha misión comercial organizada pola Deputación de Ourense, e nas próximas semanas esperan poder amosalo tamén no Reino Unido a público especializado.

Deste xeito, tratan de dar un paso máis na diversificación que comezaron o pasado ano coa elaboración de requeixo, “o leite mazado ou leite trallado que se elaboraba tradicionalmente nas casas labregas de Galicia”, destaca Julio. A aprobación dunha Denominación de Orixe para este produto sería, ao seu xuízo, un paso imprescindible para promover un produto con gran potencial no mercado.

Sen embargo, a maior parte da produción de Quesos Feijóo seguen sendo os tradicionais Queixo País, Tetilla e Barra, que supoñen o 60% da súa produción, mentres que a gama de semicurados e o requeixo representan o 40% restante.

“O selo de Galicia Calidade ábrenos o mercado no resto de España”

Esta queixería familiar, na que xunto a Julio, traballan os seus pais, Manuela Feijóo Hierro e José Manuel Alonso Bernárdez, e un empregado, procesa semanalmente uns 40.000 litros de leite de vaca, subministrados por Lácteos del Deza e procedente de ganderías da provincia de Pontevedra. O leite de cabra e o de ovella adquírenllo a ganderías de Zamora.

O mercado de Quesos Feijóo céntrase case en exclusiva na provincia de Ourense, tanto a través de tendas tradicionais (Casa Manzano, etc…), como en feiras locais e en rutas de reparto propias pola provincia. Precisamente o contacto directo cos consumidores é algo que valora moi positivamente Julio Alonso Feijóo: “Permítenos mellorar os nosos produtos e adaptarnos ao gusto dos nosos clientes. De feito, foi por iso polo que empezamos a diversificar elaborando tamén queixos semicurados e requeixo”. “Non nos pechamos a estar nunha gran cadea de distribución, pero temos claro que o noso produto ten que ser valorado e coidado”, subliña.

Julio: “Quero continuar a tradición familiar e lograr que a queixería cumpra os 100 anos”

Outro fito importante para esta queixería foi a súa integración no selo Galicia Calidade o pasado mes de febreiro. “Amparamos con este selo de orixe e de calidade ao noso Queixo Tetilla porque valoramos que Galicia Calidade é unha moi boa tarxeta de presentación para que podamos abrir mercado no resto de España”, explica Julio.

De cara ao futuro, en Quesos Feijóo quere seguir apostando pola innovación, adaptándose aos novos gustos dos consumidores, pero sen descoidar o seu mercado tradicional. “Dentro de tres anos esta queixería cumprirá 70 anos e o meu obxectivo é chegar a celebrar os 100 anos de Quesos Feijóo”, asegura Julio. Ilusión e compromiso non lle faltan a este mozo por continuar a tradición dunha das poucas queixerías que quedan na provincia de Ourense e unha das máis antigas de Galicia.

Envasando os queirox
image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información