Quescrem, premio Galicia Alimentación 2018

O Clúster Alimentario de Galicia fai públicos os premios Galicia de Alimentación 2018, que distinguen á empresa láctea Quescrem, a Cafés Candelas e a Conservas Potomar

Quescrem, premio Galicia Alimentación 2018

Laboratorio de Innolact. / Archivo.

Os IV Premios Galicia Alimentación, concedidos polo Clúster Alimentario de Galicia, distinguen este ano á industria láctea Innolact (Quescrem), a Cafés Candelas e a Conservas Potomar. Os premios a Innolact e Candelas débense á innovación e proxección exterior de ambas empresas, en tanto que con Potomar valorouse a súa iniciativa de comercializar en conserva o abalón, considerado o marisco máis caro do mundo.

Os premios Galicia Alimentación buscan recoñecer a empresas agroalimentarias que se caracterizan pola transferencia de coñecemento, investimento en innovación e investigación e proxección exterior. A entrega dos premios realizarase o próximo 14 de xuño no III Foro Galicia Alimentación, que se celebrará na Cidade da Cultura (Santiago) e no que se abordarán os desafios do sector alimentario.

Quescrem
O xurado concedeulle o premio Galicia Alimentación á estratexia de mercado e internacionalización da empresa lucense Quescrem pola súa “indubidable contribución á promoción da calidade e imaxe dos produtos galegos, que actúan como embaixadores de Galicia no exterior”. Tamén se valorou a capacidade de exportación desta empresa, que en a penas 12 anos ten presenza en máis de 40 países dos cinco continentes, nos que obtén o 40% das súas vendas.

Quescrem constituiuse no ano 2006 como spin-off dun proxecto de investigación da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago. A súa aposta pola innovación permitiulle xerar unha ampla gama de produtos diferenciados, en tanto que a súa internacionalización posibilita que teña crecementos medios anuais superiores ó 20%. No 2017 acadou unha cifra de facturación de 11 millóns de euros.

Cafés Candelas
Cafés Candelas é a maior empresa tostadora de café de Galicia e este ano cumpre 45 anos, cunha traxectoria de crecemento sostido e constante que lle permitiu ser unha referencia na hostelería a nivel estatal. Na actualidade, ten 278 empregados e factura 61 millóns de euros.

Na actualidade, Candelas está desenvolvendo un ambicioso plan de expansión para medrar no mercado internacional e consolidar a súa presenza en España.

Potomar
Finalmente, o xurado concedeulle o premio ó produto innovador 2018 ó abalón en conserva da empresa Potomar, unha firma que apostou por un produto exclusivo para o que está a procurar mercado en países como Xapón, China ou Corea, onde este marisco é moi valorado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información