“Queremos que A Parada das Bestas beneficie aos gandeiros e agricultores da comarca”

A Parada das Bestas, un establecemento hostaleiro de referencia en Galicia, é un dos 44 negocios turísticos que se sumaron ao selo de Galicia Calidade. O seu obxectivo: contribuír ao desenvolvemento da agricultura e da gandería da zona

“Queremos que A Parada das Bestas beneficie aos gandeiros e agricultores da comarca”

Suso Santiso, copropietario de A Parada das Bestas xunto a María Varela

A Parada das Bestas, unha antiga casa de labranza galega do século XVIII, é hoxe un referente na gastronomía e na hostalería de Galicia. Situada na aldea de Pidre, no concello de Palas de Rei, e ao pé do Camiño de Santiago, é un dos 44 establecementos turísticos que se uniron recentemente ao selo de Galicia Calidade.

O obxectivo é certificar aos establecementos hostaleiros que realizan unha clara aposta polos produtos agroalimentarios avalados pola distinción de Galicia Calidade, incluíndoos e promocionándoos nas súas cartas.

“Desde os nosos inicios tivemos clara a nosa aposta por produtos de quilómetro cero e de tempada, apoiando aos agricultores e gandeiros da zona. O selo de Galicia Calidade comparte a nosa filosofía e por iso decidimos sumarnos a esta iniciativa”, explica María Varela, copropietaria desta casa de turismo rural, xunto ao seu marido, Suso Santiso.

“Apostamos por alimentos quilómetro cero e de tempada e o selo Galicia Calidade comparte a nosa filosofía”

Así, no seu solicitado restaurante pódense degustar carne de tenreira e de vaca de pequenas ganderías da comarca da Ulloa, queixos, iogures e leite ecolóxico de Arqueixal, infusións de Milhulloa, os ovos de Pazo de Vilane ou de Granxa Campomayor ou unha ampla carta de viños galegos. “Tentamos facer unha cociña honesta, aproveitando as moitas posibilidades que dan os nosos produtos, e en tempada de cogomelos ou de caza tamén os incluímos no noso menú”, destaca María Varela, responsable dos fogóns e que se gañou un lugar de prestixio na nova cociña galega.

E por suposto, na mesa non falta o Pan de Palas ou o de Antas de Ulla, auténticos manxares elaborados en forno de leña e con trigo do país.

Do cultivo dos produtos da horta encárgase en gran medida o propio Suso, un bilbaíno fillo de emigrantes de Palas de Rei que no ano 1992, con apenas 24 anos, decidiu deixar o camión e comprou unha casona en ruínas na aldea de Pidre.

María Varela uníuselle para facer realidade o soño dunha casa de turismo rural. “Eu viña do País Vasco, onde daquela as casas de turismo rural estaban en pleno auxe, e cheguei a esta zona, onde aínda non había nada, e vin o enorme potencial que tiña”, explica.

Inicialmente comezaron criando cabalos para alugalos para paseos pola comarca, e de aí o nome de “Parada das Bestas”. «Queriamos vivir no campo cos nosos bichos e a nosa horta. Eramos novos, estabamos namorados e queriamos emprender unha empresa e unha vida en común», di María Varela. “Fomos moi autodidactas e unha cousa foi levando á outra: os cabalos leváronnos a empezar a servir bebida e comida e en setembro de 1997 abrimos a casa restaurada ao público”, engade Suso.

Hoxe, e tras varias adquisicións e ampliacións, A Parada das Bestas consta de tres edificios principais: a casa grande, a palleira e o tendal do forno, e de dous anexos: o hórreo e unha das poucas airas de mallar (onde antigamente separábase o gran da palla) que aínda se conservan en Galicia.

Para aloxamento na casa grande ofrecen sete habitacións dobres provistas de baño e calefacción, dúas elas con bañeira de hidromasaxe, ás que hai que sumar os catro apartamentos (tres dobres e un individual).

A contorna desta casa de turismo rural ofrece unha oportunidade de gozar da natureza das ribeiras do río Ulla, e de monumentos representativos da historia de Galicia: os Pazos de Ulloa, nos que Emilia Pardo Bazán ambientou a súa novela, igrexas románicas como a de Vilar de Doas ou o Castelo de Pambre.

O efecto dinamizar da economía local que desempeña esta casa de turismo rural tamén se nota no emprego: durante a tempada alta, entre Semana Santa e comezos de outubro, A Parada das Bestas emprega a entre 6 e 7 persoas, mentres que na tempada de inverno baixa a 3.

Galo de curral con castañas en A Paradas das Bestas

Galo de curral con castañas en A Parada das Bestas

“As administracións débense implicar máis para que veña xente nova ao campo para vivir e traballar”

“O noso público cambia segundo a tempada: durante o verán é cliente moi internacional, vinculado ao Camiño de Santiago, e que quere aloxarse e gozar dun establecemento auténtico e diferente, e o fin de semana temos un público máis de Galicia, de xente que vén comer a nosa casa”, explica Suso Santiso.

Neste sentido, un impulso decisivo para o coñecemento da Parada das Bestas foron a visita de Gwyneth Paltrow e o Xacobeo de 1999. «Nun lugar no medio da nada», escribiu literalmente a actriz estadounidense para referirse á Parada das Bestas como un paraíso gastronómico e de paz. A súa estadía na casa e a posterior publicación nun libro do que sentira en Pidre supuxo un pulo para o establecemento palense.

“O que máis nos anima é o contacto co noso público”

Porén, Suso subliña que “para nós todos os clientes son iguais”. “A inmensa maioría da xente que nos visita son persoas anónimas, que queren discreción e pasar un bo momento”, subliña.

Precisamente, preguntados polo que lles deu ánimos ao longo destes anos, María e Suso responden que “sen dúbida, o contacto co noso público”. “É algo marabilloso lograr que nos visite xente de todo o mundo, que nos abriu as portas en moitas partes”, confesa Suso.

¿Un desexo para o futuro?: “Que nos siga visitando xente de ben e que as administracións se impliquen de verdade para que veña xente nova para o rural, para darlle vida ao noso campo”.

PARADA_BESTAS_2

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información