Queixerías Prestes saca ao mercado o seu primeiro queixo con leite de cabra galega

Publicidade
Queixerías Prestes saca ao mercado o seu primeiro queixo con leite de cabra galega

Queso QXP Caxuba en el centro

Queixerías Prestes, un referente en Galicia no sector queixeiro, acaba de sacar ao mercado QXP Cabuxa, o seu primeiro queixo elaborado con leite de cabra procedente dunha gandaría galega

A fábrica de Prestes, situada en Vilalba, recibe diariamente 18.000 litros de leite e elabora preto de 400.000 pezas de queixo ao ano, cun amplo abano de produtos, co queixo de San Simón como buque insignia, que exporta ao cinco continentes.

Agora suma unha nova referencia á súa xa ampla oferta, o queixo elaborado con leite de cabra, procedente dunha nova gandaría, Camiño Montañés SC, situada no concello coruñés de Arzúa, e que conta cun rabaño caprino de raza Saanen, orixinaria dos Alpes suízos, e recoñecida a nivel internacional polas súas aptitudes leiteiras. Será o terceiro queixo galego no mercado elaborado con leite de cabra de Galicia, xunto a “Touza Vella”, de Castro Caldelas (Ourense), e o de Cooperativa Caprina Galega, de Chantada.

“Empezamos hai un ano a colaborar cos impulsores desta gandaría, dous mozos que se dirixiron a nós, vimos que traballaban ben e decidimos apoiarnos mutuamente con este proxecto conxunto”, explica Mikael Fernández Cuba, director xunto á súa irmá Adela, de Queixerías Prestes.

Colaboran cunha gandaría de Arzúa que teñen un rabaño de cabras de raza Saanen

“A idea inicial era engadir leite de cabra ao noso queixo azul Lara & Sara, para mellorar en calidade, intensidade e vida útil, e actualmente xa mesturamos un 80% de leite de vaca cun 20% de leite de cabra”, asegura o director de Prestes.

Pero o proxecto foi a máis, e a queixería chairega decidiu elaborar tamén un queixo de pasta branda con 100% leite de cabra. O toque diferencial obtéñeno mediante os mofos penicillium candidum, geotrichum candidum e penicillium roquefortii, e unha maduración de 30 días. “É un queixo cremoso, cun sabor inconfundible e que nas poucas semanas que leva no mercado está a ter unha aceptación moi boa”, destaca Mikael Fernández Cuba.

O QXP Cabuxa preséntase en formato de 0,5 quilos pero tamén teñen previsto elaborar un novo formato de 1,3 quilos, que se venderá tamén en porcións de 0,3 quilos. Este novo queixo de Prestes pódese atopar de momento nas tendas de Prestes en Santiago de Compostela e Vilalba, nos espazos propios dentro do Corte Inglés da Coruña e de Vigo, e en tendas especializadas en queixos de Galicia e de Asturias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información