Promoción do selo de leite Galega 100% no mercado de Curtis

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, acompañada polo alcalde desta localidade coruñesa, repartiu minibricks de leite con este indicativo de calidade e folletos informativos sobre o produto

Promoción do selo de leite Galega 100% no mercado de Curtis

Belén do Campo esta mañá no mercado de Curtis

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo esta mañá promoción do leite amparado polo selo Galega 100% no mercado local de Curtis. Neste evento estivo acompañada polo alcalde desta localidade coruñesa, Javier Caínzos. Ambos repartiron minibricks de leite con este selo de calidade e folletos informativos sobre a orixe deste produto.

Neste acto Belén do Campo e Javier Caínzos destacaron a importancia desta promoción como apoio ao sector lácteo galego e reivindicaron a relevancia de consumir produtos galegos, entre eles o noso leite, co obxectivo de impulsar e fomentar o sector agroalimentario de Galicia.

Leite procedente de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada

A directora xeral e o alcalde informaron aos asistentes á feira de que o selo Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. Así, incidiu en que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.

Con esta iniciativa promocional compleméntanse as actividades levadas a cabo por toda Galicia da man do Goberno da Xunta nas últimas semanas. Entre elas cómpre destacar as charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks e folletos informativos en eventos deportivos e feiras agroalimentarias.

A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información