“Producimos 600.000 unidades ao día dun superalimento como é o ovo”

Entrevista a Rodrigo García, Director Comercial de Granja Campomayor, un referente en Galicia e en España en avicultura. Das súas instalacións saen cada día 600.000 ovos, e despois de innovar este ano co ovo a baixa temperatura, este 2018 sacarán ao mercado unha nova liña de produtos asociados a un ambicioso proxecto de I+D+i

“Producimos 600.000 unidades ao día dun superalimento como é o ovo”

Na foto, dúas xeracións de Granja Campomayor: A segunda xeración, Horacio García e Maricarmen Busto, e a cuarta xeración que traballa na empresa na actualidade formada por Rodrigo García, Director Comercial, e Samuel García, Director de Produción

Rodrigo García é a cuarta xeración de Granja Campomayor, unha empresa familiar que dende a súa sede en Ximonde (Palas de Rei-Lugo) está a revolucionar o mundo do ovo en España.

Este ano sacaron ao mercado o ovo a baixa temperatura, un produto innovador que recibiu numerosos recoñecementos, e para o 2018 sacarán ao mercado unha nova liña de produtos vinculados a un ambicioso proxecto de I+D+i.

O obxectivo é darlle máis valor engadido a un produto que está de moda, como é o ovo, e do que cada día saen 600.000 unidades das instalacións de Granja Campomayor..

¿Cales son as grandes cifras de Granja Campomayor a día de hoxe?
Na actualidade saen diariamente das nosas instalación uns 600.000 ovos. Damos traballo a máis de 50 persoas e a facturación no ano 2016 ascendeu a 16 millóns de euros. Neste ano esperamos superar dita cifra.

-¿Que tipo de produtos teñen no mercado e que porcentaxe representa sobre a súa produción?
En Granja Campomayor temos unha ampla gama de produtos que van dende o ovo tradicional, o campeiro, o ecolóxico e as especialidades: o Omega3, o delicatesen, o trufado é o ovo de paspallás, pasando tamén polos ovoprodutos (derivados do ovo) que elaboramos como a xema líquida pasteurizada, clara líquida pasteurizada e ovo enteiro pasteurizado, así como ovo cocido e ovo cociñado a baixa temperatura.

-¿Onde se atopan os seus principais mercados? ¿Estades a exportar?
Os nosos principais mercados son Galicia, Asturias, Madrid, en xeral todo o norte da Península. Non exportamos moito debido ás especificacións do produto que é delicado e ten un consumo preferente relativamente curto. Isto explica que só exportemos algo de ovo líquido a Portugal.

-Hai dous anos puxestes en marcha a planta de pasteurización, unha das máis modernas de Europa. ¿Que balance fan deste proxecto dous anos despois?
Desde Granja Campomayor vemos que o ovo líquido pasteurizado ten cada vez maior aceptación sobre todo para obradores e hostaleiros, xa que é un produto moi limpo e que ten unha vida útil maior que o ovo casca.

Ademais, é un produto que lles dá seguridade xa que se analiza no nosos laboratorios, e aforran tempo e man de obra. Producimos ovo enteiro, e clara e xema pasteurizados por separado en diferentes formatos. O ovo líquido pasteurizado é un produto que a pesar de levar moitos anos no mercado aínda é un gran descoñecido entre o público en xeral pero a normativa esíxeo e en restauración se están a cociñar a menos de 65º.

“O ovo líquido pasteurizado ten cada vez maior aceptación”

Facendo balance destes dous anos podemos ver moitos clientes satisfeitos cun produto que lles facilita a diario o traballo e que conta con tódalas garantías de calidade. Tamén vemos que algúns clientes que eran reticentes a utilizar este tipo de produto, pero que ao probar o noso ovo líquido pasteurizado din que xa non queren volver ao ovo casca tradicional, xa que lles funciona exactamente igual.

-O consumidor europeo reclama cada vez maior benestar animal. ¿Como coidan este aspecto en Granja Campomayor?
É certo que cada vez o consumidor pensa máis no benestar animal e na agricultura sustentable. Cada vez estámonos focalizando máis na produción de ovo campeiro e ecolóxico xa que estamos a ver que é o que os nosos clientes nos están a demandar.

-¿Como é a alimentación das vosas aves? ¿Tedes fábrica propia de pensos?
A alimentación das nosas galiñas ímola cambiando en función das necesidades segundo á etapa de vida da galiña, dende que é unha poliña ata que xa alcanza a madurez e se converte nunha galiña poñedora.

Nós compramos as nosas materias primas e é unha empresa de confianza a encargada de realizar todo o proceso de moer e distribuír a alimentación en cada un dos nosos núcleos. Os nosos pensos están compostos principalmente de cereais e leguminosas: millo, trigo, soia, xirasol e algún aporte vitamínico como o carbonato cálcico.

-O sector da agricultura ecolóxica está a ocupar cada vez máis cota de mercado, tamén en España. ¿Teñen previsto entrar neste tipo de produción?
Na actualidade contamos con granxas colaboradoras neste tipo de cría. Comercializamos ovo ecolóxico normal (calibre M-L mesturado) e tamén o selección gourmet, de calibre L grande, que é seleccionado e envasado á man. No futuro inmediato temos previsto poñer algunhas granxas propias de cría ecolóxica.

“No futuro inmediato temos previsto poñer algunhas granxas propias de cría ecolóxica”

-Este ano sacastes ao mercado o ovo a baixa temperatura. Explícanos en que consiste, para que tipo de público se dirixe e como está a funcionar no mercado.
Este ano lanzamos unha nova liña de produción que consiste na elaboración industrial e a comercialización de ovos a baixa temperatura, principalmente para restauración. O noso innovador ovo cociñado a baixa temperatura elabórase con ovos procedentes de galiñas dunha determinada etapa de posta e dunha gramaxe concreta. O proceso de elaboración require un control exhaustivo da temperatura, tanto de cocción como de arrefriamento.

O ovo a baixa temperatura cocíñase dentro da súa propia casca. E conséguese a clara solidificada, con aspecto meloso e a xema líquida e cremosa. Ao realizar un corte no ovo, a xema brota lentamente, conseguíndo un sabor e unha textura inimitables. É un ovo natural e moi saudable, xa que se cociña sen aceites.

O ovo a baixa temperatura é un produto novo no mercado, que facilita o traballo na hostalaría dado o seu complexo e minucioso proceso de cociñado, aforrando tempo e conseguindo homoxeneidade. Este ano tivemos numerosos recoñecementos que premiaron a innovación do noso ovo xa cociñado e listo para comer.

-¿Podedes adiantarnos algúns dos outros proxectos de I+D+i nos que estades a traballar?
É certo que estamos inmersos nun proxecto moi ambicioso de I+D+i pero moi a meu pesar aínda non podo avanzar máis do mesmo. Esperamos poder contar novidades proximamente. Cara ó ano 2018 esperamos sacar unha nova liña de produtos ligada ó proxecto de I+D+i.

-¿Tedes previsto abrir novas granxas, e en que ubicacións?
Si, temos previsto abrir novas granxas de cría ecolóxica e campeira nos próximos anos, pero aínda é cedo para determinar ubicacións.

-O sector do ovo está a medrar nos últimos anos. ¿A que atribúes esta recuperación do consumo?
Hai uns anos o ovo era un produto rexeitado porque se cría que axudaba a aumentar o colesterol, que engordaba, etc. En cambio, hoxe en día e tras numerosas investigacións está considerado un superalimento, o alimento máis completo que existe despois do leite materno. Así, contribúe a manter un peso saudable, desenvolve o cerebro e a memoria, coida o sistema inmunolóxico, coida os ósos, dentes e axuda a manter a pel e a vista sans. Incluso a día de hoxe os chefs máis prestixiosos utilizan ovo como elemento principal das súas elaboracións.

“Nos vindeiros anos as tendencias de consumo irán cara o produto saudable e o benestar animal”

-¿Cara onde credes que irán as tendencias de consumo de ovo nos próximos anos?
Considero que nos vindeiros anos as tendencias de consumo irán cara o produto saudable e o benestar animal, de feito nós xa estamos notando bastante esta tendencia no consumidor.

Tamén notamos o maior consumo na clara líquida pasteurizada, polo tema das dietas en xente que quere coidarse. Un produto con moita proteína e sen graxas que ofrece moitas posibilidades de cociñado. Invitamos ós consumidores a probar os ovos de Granja Campomayor xa que cremos firmemente que non todos os ovos son iguais e a diferencia é moi clara. Nós podemos ofrecer ese ovo cunha xema alaranxada, cunha textura e un sabor inesquecible, que recorda ós ovos dos nosos avós e avoas. Cando os probedes, seguro que repetides!

Productos de Granja Campomayor

“O selo de Galicia Calidade outórganos gran visibilidade no mercado español”

-¿Por que decidiron sumarse ao selo de Galicia Calidade e que beneficios lles está a aportar?
Unise á gran familia Galicia Calidade significou para nós un recoñecemento ó bo facer que nos identifica como marca desde os nosos comezos. Para Granja Campomayor é unha honra contar con dita distinción que é constatada con diversos controis de calidade e que nos outorga gran visibilidade no mercado nacional.

-¿A marca Galicia axúdavos a vender fóra da nosa comunidade?
Desde logo que sí, o selo Galicia é unha garantía moi prezada fóra das nosas fronteiras, sobre todo en Madrid. A xente que proba o produto galego que leva detrás moito mimo e dedicación sabe apreciar dita calidade e volven comprar unha e outra vez os nosos produtos. Para nós, que os nosos clientes repitan e sexan fieis á nosa marca é o noso maior logro. O noso ovo ten un color, unha textura e un sabor moi diferenciado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información