Prestes presenta o seu novo queixo de cabra, o primeiro elaborado en Galicia con leite de raza saanen

Publicidade
Prestes presenta o seu novo queixo de cabra, o primeiro elaborado en Galicia  con leite de raza saanen

Adela e Maikel Fernández Cuba co Cabuxa de Prestes

Queixería Prestes presentou este mediodía en Santiago “Cabuxa de Prestes”, o seu novo queixo de cabra, elaborado con leite galego de cabras de raza Saanen. É o primeiro que se elabora en Galicia con leite desta raza suíza, que destaca polo seu especial sabor e propiedades nutricionais así como pola súa suavidade.

A presentación realizouse no Mercado de Boanerges, onde Queixería Prestes conta cun posto de venda, e nela participaron Adela e Maikel Fernández Cuba, os dous irmáns fundadores desta queixería de Vilalba (Lugo), que ten no seu Queixo de San Simón da Costa e Queixo Azul Lara & Sara os seus produtos estrela.

“A mediados de 2017, Joel Camino Serra, un mozo gandeiro de Arzúa que comezaba a producir leite de cabra púxose en contacto con nós para vendernos o leite e pareceunos interesante nun comezo para incorporar ao noso queixo azul e mellorar tanto a súa textura como a cor da pasta”, explica Adela.

Sen embargo, os bos resultados animaron a Queixería Prestes a sacar ao mercado un queixo 100% con leite de cabra, para completar a súa gama de produtos, “e tamén porque cada vez se consume máis este queixo, polas propiedades saudables do leite de cabra”, engade Maikel.

Un queixo de cabra que destaca pola súa suavidade

Foi así como lanzaron “Cabuxa de Prestes”, cuxa materia prima procede exclusivamente de Gandería Camiño Montañés, unha granxa de raza Saanen situada en Arzúa.

O proceso de elaboración é totalmente natural: Unha vez callada e prensada a pasta, o queixo cúrase nunha cámara especial sobre táboas de madeira e recibe un tratamento con aceite de oliva cada semana. “En total, recibe uns 5 ou 6 baños con aceite de oliva durante como mínimo mes e medio, que é o tempo que está en curación en cámara”, explica Adela Fernández Cuba. Así, a codia é totalmente natural e comestible, sen ningún tipo de parafinas ou antimofos.

Elaboran o “Cabuxa de Prestes” en dous formatos: un redondo de 1 kg e outro en formato de barra, sobre todo para hostalaría, cun peso de entre 1,5 e 1,8 kilos. Ademais, tamén o elaboran como queixo fresco, en 500 gramos e en formato patamulo para corte.

Actualmente toda a produción de leite da granxal é pouca para o éxito de demanda que está a colleitar o Cabuxa de Prestes. “Transformamos uns 2000 litros á semana, e precisamos moito máis para satisfacer a demanda que está a ter. De feito, neste momento case toda a produción véndese no mercado galego, que valora moito o noso queixo pola súa suavidade e porque non ten o sabor forte e o regusto doutros queixos de cabra”, destaca Adela.

A intención de Queixería Prestes é seguir aumentando a produción conforme a granxa aumente o seu rabaño de cabras. O “Cabuxa de Prestes” pódese atopar en tendas especializadas, en El Corte Inglés de Coruña e Vigo, e nos establecementos propios de Queixería Prestes en Santiago e Vilalba.

PRESTRES_CABUXA_PRESENTACION_1_PRENSA

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información