Presentan a primeira fariña ecolóxica de trigo Callobre

Volta ó Sacho SL e a fariñeira A Callobresa presentarán este sábado na X Feira de Artesanía e Deseño de Outeiro de Rei a primeira fariña ecolóxica certificada de trigo Callobre, unha variedade autóctona que, segundo Volta ó Sacho -impulsores do proxecto- “confírelle ao pan un sabor, cor e durabilidade únicos, como o pan galego de hai décadas”

Presentan a primeira fariña ecolóxica de trigo Callobre

Trigo Callobre. Foto: Volta ó Sacho

Volta ó Sacho SL e Fariñas A Callobresa presentarán este sábado na X Feira de Artesanía e Deseño de Outeiro de Rei a primeira fariña ecolóxica certificada de trigo Callobre, unha variedade autóctona que nos últimos anos foi recuperada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e que destaca polo seu alto contido en proteína e polo seu glute de calidade, que lle proporcionan ao pan e aos produtos de repostería un sabor característico.

Deste Volta ao Sacho, impulsores deste proxecto, destacan que “esta colaboración con Fariñas A Callobresa nace do noso interese por cultivar en ecolóxico o trigo Callobre, dado que se trata dunha variedade autóctona e é un produto con cada vez máis demanda, tal e como nos explicaron desde a Asociación Galega de Fabricantes de Pan, así como polo interese da Callobresa por comercializar este tipo de fariña”. E é que a fariñeira, situada no municipio lucense de Guitiriz, foi a principal impulsora da recuperación desta variedade de trigo en colaboración co CIAM e é a que proporciona a semente aos agricultores de Volta ó Sacho. Tanto estes como A Callobresa están certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), sendo A Callobresa a única fariñeira que está certificada oficialmente para moenda de cereal ecolóxico en todo o Noroeste peninsular.

“Dálle ao pan o sabor, cor e durabilidade de hai décadas”

Para realizar todo o proceso de certificación e estudo do comportamento do cultivo, Volta ó Sacho leva dous anos cultivando trigo Callobre nas súas fincas de Rábade e de Outeiro de Rei. O primeiro ano plantaron unhas 12 hectáreas, o segundo 9 e este ano 16 hectáreas. Realizan a sementeira no mes de outubro e a seitura é no mes de xullo. “Os rendementos oscilan entre as 1,5 e as 2,5 toneladas por hectárea, aínda que depende moito da parcela e da climatoloxía”, explican desde Volta ó Sacho.

Segundo os impulsores deste proxecto “a fariña ten un sabor único” e o seu destino comercial será para venda a panaderías e tendas de produtos ecolóxicos. Como principais características da fariña ecolóxica de trigo Callobre destacan “o seu alto contido en proteína, un glute de excelente calidade e forza media, que lle confiren ao pan unha cor, un sabor e unha durabilidade típica do pan galego de hai décadas”.

Formatos de venda: saco de 25 kg para panaderías e tarro de cristal de 1,2 kg para particulares

Actualmente na Callobresa dispoñen de dous formatos de venda: saco de 25Kg para panadeiros profesionais e tendas que vendan a granel e un tarro de cristal de 1.2Kg para público non profesional. “Este tarro de cristal é nosa principal aposta: quixemos un envase transparente onde as persoas poidan ver a fariña e que sexa totalmente reutilizable, cunha tapa negra, especialmente pensada para esta primeira edición, e que que permite conservar a fariña en perfectas condicións”, explican desde A Callobresa.

A fariña ecolóxica Callobre estará dispoñible para venda a panaderías, tendas de produtos ecolóxicos e proximamente na páxina web: www.acallobresa.com

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información