Postres e batidos, gamas de produtos lácteos en ascenso

As cifras do 2015 reflicten un aumento do 1 por cento no consumo de derivados lácteos, en tanto a venda de leite líquido caiu un 0,5%. Os queixos mantéñense estables e os iogures baixan un 1,1%

Postres e batidos, gamas de produtos lácteos en ascenso

Postres lácteos de Clesa.

O mercado de produtos lácteos presentou no 2015 en España unha tendencia á estabilidade. Caiu o consumo de leite líquido un 0,5 por cento, pero os derivados lácteos tiveron un comportamento mellor e aumentaron as vendas un 1%. Por gamas de produto, o mellor balance rexistrouse nos postres lácteos, que aumentaron vendas un 5% e nos batidos, que aumentaron un 4%.

En volumes, o leite líquido moveu o último exercicio 3,2 millóns de toneladas, a maior parte en formatos Uht de longa duración (96,2 por cento), en tanto o leite fresco perdeu un 0,4% de cota de mercado e sitúase no 3,2% do consumo.

O leite semidesnatado acapara case a metade das vendas, en tanto o desnatado xa supera ó leite enteiro

O leite máis demandado polos consumidores é o semidesnatado (46%), seguido xa do desnatado (28%), unha categoría en ascenso que superou este ano por primeira vez ó leite enteiro (26%), en retroceso. O consumo de leite enteiro focalízase en familias con nenos pequenos.

Iogures e queixos
O segundo escalón na preferencia dos consumidores son os iogures e leites fermentados, cun total de 680.000 toneladas, se ben é un segmento que retrocede lixeiramente o último ano, en concreto un -1,1%, segundo os datos do ‘Informe del consumo de alimentación en España 2015’ (Ministerio de Agricultura)

O consumo de queixo en España sitúase en 7,7 quilos por persoa e ano, a distancia da media europea, de 17,2 quilos

Os queixos sitúanse en terceira posición, con 347.000 toneladas. A Interprofesional Láctea (Inlac) vén de publicar precisamente estes días unha infografía para fomentar o consumo de queixo. En nove de cada dez familias españolas, o queixo consúmese varias veces por semana, segundo os datos da Inlac, pero o consumo español dista moito do medio en Europa: 7,7 quilos por persoa e ano en España fronte a 17,2 quilos de media na UE.

O queixo fresco (28%) é o de maior demanda, seguido do semicurado (22%) e do queixo fundido (12%).

Outros derivados
A corta distancia dos queixos sitúanse xa os postres lácteos, que suben un 5% e chegan ós 6,2 quilos de consumo por persoa e ano. Os batidos é outra das categorías en ascenso (4%) e supera xa os 3 quilos por persoa e ano. Outros derivados lácteos, como xeados e tartas, tamén van a máis, en tanto manteiga e nata manteñen en España niveis de consumo baixos, sen grandes variacións en relación ó 2014.

O balance total reflicte que cada persoa consume 73 litros de leite líquido ó ano e 38 quilos de derivados lácteos. En cartos, iso supón un consumo de 52 euros en leite líquido e de 129 euros en derivados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información