Patentan en Lugo un dispositivo para revalorizar o sangue dos matadoiros

Os investigadores do Campus Terra da USC, José Manuel Magide e Hiram Varela, teñen contactos con empresas para executar a instalación e logo proceder á súa implantación en matadoiros

Patentan en Lugo un dispositivo para revalorizar o sangue dos matadoiros

José Manuel Magide e Hiram Varela

Investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC patentan un dispositivo que permite revalorizar o sangue e outros subprodutos da industria cárnica. A instalación inventada polo profesor da área de Máquinas e Motores Térmicos da USC, José Manuel Magide, e polo enxeñeiro de Industrias Alimentarias, Hiram Varela Rodríguez, posibilita a transformación de sangue cru en fariña de sangue, un produto ben cotizado e con múltiples aplicacións industriais.

A nova instalación e dispositivo que acaban de patentar estes investigadores da USC presenta importantes vantaxes respecto doutros sistemas xa operativos no mercado. A transformación do sangue en fariña de sangue é unha técnica moi pouco desenvolvida na industria cárnica, segundo indica José Manuel Magide, xa que “os mecanismos actuais que transforman sangue líquido en fariña de sangue implican procesos máis custosos e reportan un produto final dunha calidade sensiblemente inferior á que posibilita a instalación patentada pola USC”, sinala.

A fariña de sangue é un produto moi cotizado no mercado

O dispositivo inventado na EPS posibilita que o proceso de conversión do sangue en fariña discorra a unha temperatura moi suave, o que, a diferenza da aplicación de tratamentos a altas temperaturas, minimiza a deterioración proteica do sangue, que non ve así afectadas as propiedades orixinais dos seus compoñentes, á vez que mantén un valor ou cotización moi alto no mercado. Outra das vantaxes que presenta a nova instalación patentada alude a cuestións de aforro e optimización enerxética. Magide explicou neste sentido que “a fonte de enerxía para o secado que se emprega no sistema recentemente patentado procede dos propios efluentes residuais da industria cárnica, o que garante un custo máis baixo”.

Apenas un mes despois de conseguir a patente do seu invento e despois de que o seu proxecto xa recibise premios outorgados polos Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e tamén pola USC, José Manuel Magide e Hiram Varela avalían na actualidade diversos escenarios para, primeiro, executar o seu invento e, logo, proceder á súa implantación nun matadoiro ou industria, a fin de poder testar o seu rendemento e, de ser o caso, introducir modificacións ou melloras orientadas a optimizar o proceso. Outra das opcións contempladas pasa pola venda da patente, indicaron.

A fariña de sangue: un produto con múltiples aplicacións

O prezo da execución do dispositivo e a instalación proposta é elevado, sinala Magide, quen cifra o seu custo entre 180.000 e 400.000 euros, en función da cantidade de sangue procesado. Este necesario investimento inicial xeraría retorno a curto prazo e en menos de cinco anos xa estaría a xerar beneficio, dixo Magide, quen tamén sinalou como vantaxes do seu invento “o deseño modular e flexible e a aplicación de procesos respectuosos co medio ambiente” para converter un residuo altamente contaminante, como é o sangue , nun produto valioso e cotizado.

A fariña de saangue cotízase a entre 500 e 1.300 euros por tonelada

A xestión do sangue como residuo orgánico foi durante anos a solución máis estendida nas industrias cárnicas e implica custosos tratamentos de depuración que non permiten a revalorización dos seus compoñentes, algúns moi ben cotizados no mercado, tales como son os aminoácidos esenciais, albumina, fibrina…, e con múltiples aplicacións industriais.

O novo invento patentado por José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela permitiría investir radicalmente esta situación, xa que este novo dispositivo posibilita solucionar a xestión do sangue como residuo e valorizalo a través da súa transformación en fariña. Este novo produto, cuxa cotización oscila entre 500 e 1.300 euros por tonelada, presenta moitas aplicacións.

De feito, a fariña de sangue é apta para a elaboración de pensos, pero tamén na industria química e farmacéutica (cosméticos, reactivos, colorantes…) na alimentación humana (emulsiones, panadería, xeles, embutidos…) ou mesmo ten aplicacións para filtros, antigás, extintores, emulsiones asfálticas, antídotos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información