Os segredos da Gama Selecta Coren, a carne de porco alimentado con castañas

Coa Gama Selecta a cooperativa galega aposta por unha carne de porco diferenciada e de alta calidade, coa alimentación a base de castañas e a aposta polo benestar animal como eixos. Coren prevé comercializar en 2018 uns 22,8 millóns de quilos desta carne diferenciada.

Os segredos da Gama Selecta Coren, a carne de porco alimentado con castañas

Xamón da Gama Selecta de Coren

Unha carne 100% galega, máis veteada, xugosa e saborosa, cun toque especial que lle achega a castaña. Son as características que definen á Gama Selecta de Coren, procedente de porcos alimentados con castañas e que desde o seu lanzamento ao mercado no ano 2012, foi todo un éxito entre os consumidores.

A Gama Selecta de Coren é froito dun proxecto de I+D baseado en tres alicerces: raza seleccionada para facilitar a infiltración da graxa, crianza tradicional co máximo benestar animal e alimentación a base de castañas, fundamental para lograr o mellor sabor da carne.

A reorientación produtiva de Coren cara produtos diferenciados de alta calidade e de maior valor engadido recóllese no Plan Estratéxico da Gama Selecta 2016-2018. O obxectivo da cooperativa ourensá é lograr que a produción de carne de porco de gama Selecta alcance en 2018 máis de 22,8 millóns de quilos. As previsións no que respecta ao xamón é chegar a comercializar o próximo ano máis de 208.000 unidades e uns 377.000 quilos de lacón Selecta.

O Kuri Buta” ou porco de Gama Selecta xa está amplamente introducido en Xapón

En 2016 Coren comercializou máis 12 millóns de quilos de carne Selecta ao ano, un produto amparado polo selo de Galicia Calidade. As vendas de Selecta concéntranse en España e Xapón, fundamentalmente, xunto a outros mercados europeos e asiáticos. E é que o Kuri Buta, como alí denominan ao porco Selecta, atópase amplamente introducido no país nipón, entre outros mercados como o de China.

A crianza co máximo benestar é fundamental nesta gama, pois para lograr o mellor sabor da carne, é fundamental unha crianza dos animais libre de estrés. Por iso, os porcos da Gama Selecta se crían con todos os coidados dos granxeiros e saída aos campos galegos, nun ambiente tranquilo.

Xoguetes, música e crianza sen estrés para lograr unha carne máis saborosa

Nas granxas dispoñen de xoguetes (pelotas, troncos de árbores, mordedores…), música clásica e outras comodidades. Grazas a esta crianza redúcese a produción de cortisol, a hormona da tensión, e xéranse hormonas que elevan os niveis de benestar, o que ao final se traduce nunha carne máis saborosa.

Pero, sen dúbida, a clave do éxito desta gama radica na alimentación dos porcos con castañas galegas. Os porcos gozan dunha alimentación completamente natural a base de castañas galegas, recuperando así a tradición de Galicia, na que os porcos se alimentaban con castañas durante os meses previos á matanza, o que daba un sabor especial á carne.

Para 2017 Coren adquiriu máis de 3.000 toneladas de castaña, un 50% máis que o pasado ano

Os porcos da Gama Selecta teñen xoguetes, música clásica e máis espazo para mellorar o benestar animal.

Os porcos da Gama Selecta teñen xoguetes, música clásica e máis espazo para mellorar o benestar animal.

A castaña que se destina á alimentación dos porcos Selecta procede integramente de Galicia. Recóllese en tempada e logo pasa por un proceso de pelado e cocción, para evitar o amargor da casca e facilitar a súa dixestibilidade. Posteriormente conxélase, o que permite a súa conservación co obxectivo de ter dispoñibilidade para alimentar aos porcos durante todo o ano, mantendo intactas as súas propiedades nutricionais. En 2017 o grupo Coren asinou un acordo con Alibós, unha das principais empresas recolectoras e transformadoras de castaña de Galicia, para que lle forneza máis de 3.000 toneladas de castaña, destinadas á alimentación dos porcos, o que supón un 50% máis que en 2016.

“Todos estes factores -a crianza tradicional e sen estrés, con música e xoguetes, e a alimentación a base de castañas- contribúen a que os porcos gocen dunha crianza feliz”, destacan desde a cooperativa galega. “Isto nótase no produto final, xa que se obtén unha carne máis tenra, xugosa e saborosa”, destacan.

Segundo aseguran desde Coren “desde o primeiro momento do seu lanzamento ao mercado en 2012, a carne Selecta foi un éxito entre os consumidores, que valoran a xugosidade que achega o veteado da carne e o sabor especial, cun toque lixeiramente dulzón, grazas á alimentación con castañas”.

 “Esta carne é máis xugosa e cun toque dulzón, grazas á alimentación con castañas”

A Gama de frescos de Selecta conta cunha ampla variedade de produtos: solombo, lombo, presa, segredo, costela…, que dan un excelente resultado en calquera preparación, especialmente á prancha ou a grella. Mentres, entre os produtos curados destacan o Lacón e o Xamón.

O Lacón Selecta elabórase de modo tradicional. A súa procedencia de porcos seleccionados e alimentados con castañas que lle achegan graxa infiltrada, faios máis xugosos e dálles un sabor especial. Pola súa textura, sabor e excelente resultado en cociña, é ideal para a elaboración dos cocidos típicos de Galicia no outono e inverno, especialmente en ocasións como os magostos ou os entroidos.

“A carne de porco alimentado con castañas teñen máis ácidos graxos saudables e maiores niveis de antioxidantes”

Mentres, o Xamón Selecta se cura de modo artesanal durante 18 meses nos secadoiros do Grupo Coren en Lugo, onde se reproducen as condicións de temperatura e humidade en que tradicionalmente se curaban os xamóns nas casas galegas, contribuíndo así a lograr o mellor aroma que, xunto ao seu característico veteado e punto xusto de curación, permiten obter un xamón cun sabor diferente e único no mercado.

Neste sentido, desde Coren destacan que “os estudos nutricionais dos xamóns procedentes de porcos alimentados con castañas demostran que contan con maiores niveis de ácidos graxos saudables como os mono e poliinsaturados, e maiores niveis de antioxidantes, o que redunda nunha mellor calidade e sabor do produto”.

Ademais, o Xamón Selecta foi recoñecido co Premio Superior Taste Award que convoca o Instituto Internacional de Sabor e Calidade de Bruxelas; así como coa Medalla de Ouro do Concurso de Calidade de Xamóns da feira IFFA de Alemaña.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información