Os produtos galegos lánzanse á conquista de Bruxelas coa Galician Gourmet Extravaganza

Medio Rural coordina a presenza na mostra de produtos das empresas que gañaron o ano pasado os premios de calidade nas catas de mel, viño, augardente, licores e queixos promovidas pola Xunta

Os produtos galegos lánzanse á conquista de Bruxelas coa Galician Gourmet Extravaganza

Embutidos, queixos ou viños galegos son algúns dos produtos presentes nesta mostra

Os produtos de calidade de máis dun cento de empresas agroalimentarias galegas protagonizan estes días en Bruxelas o Galician Gourmet Extravaganza, un evento de exposición e degustación que busca incrementar o negocio exterior do sector agroalimentario galego a través dos máis de 500 profesionais atraídos pola mostra. O encontro contou hoxe coa participación do embaixador de España en Bélxica, Ignacio Matellanes.

Algas e queixos, polbo e lacón, carnes e viños, mariscos e conservas son algúns dos alimentos de calidade que están a protagonizar, no Hotel Silken Berlaymont da capital belga, a carón da sede da Comisión Europea, a segunda edición dun evento que o ano pasado colleitou éxitos para os produtos agroalimentarios galegos en Londres.

Conflúen na mostra marcas consolidadas como D.O. Ternera Gallega ou Conserveira Galega, ou de novas firmas que se están abrindo paso con presentacións innovadoras e de calidade como Curricán ou Benboa.

O evento expositivo e gastronómico conta coa participación de recoñecidos cociñeiros como Santi Almuiña, Diego López e Benigno Couso, que se ocupan da preparación dos menús para degustación que o hotel ofrecerá aos seus clientes, dos postres e das tapas que se servirán aos participantes nesta mostra gastronómica. Para completar a oferta, David Ortiz e Miguel Arbe serán os encargados de sorprender cos seus cócteles; e as catas de viños e licores serán dirixidas polo sumiller Luis Paadín.

Espazo propio para os produtos certificados por Galicia Calidade

A sociedade pública Galicia Calidade estará presente no Galician Gourmet Extravaganza , onde contará cun espazo de información e degustación de produtos das marcas certificadas, que na actualidade suman máis de 55 empresas –e 350 produtos– que pertencen, no 90% dos casos, ao sector alimentario.

O embaixador español visitando a mostra.

O embaixador español visitando a mostra.

Ademais, tres empresas certificadas pola marca de garantía contarán cun espazo propio como Señorío de Rubiós, Torre de Núñez e Jamones González. No stand da Xunta de Galicia estarán presentes ademais, coordinados pola Consellería de Medio Rural, produtos das empresas que gañaron o ano pasado os premios de calidade nas catas de mel, viño, augardente, licores e queixos promovidas pola Xunta de Galicia.

A través do programa Galicia Exporta do Igape, dotado este ano con 8,5 millóns de euros, a Xunta dispón de instrumentos para apoiar o incremento das exportacións galegas, acompañando a presenza das empresas e organismos intermedios en eventos internacionais que, como Galician Gourmet Extravaganza, facilitan os contactos con importadores e a exploración de novas oportunidades de negocio en mercados internacionais.

A xira de promoción dos produtos galegos continuará en Zurich, Berlín, Londres e Nova York

Teñen confirmada a súa asistencia a esta mostra degustación distribuidores e importadores de bebidas e produtos de alimentación de Bélxica e doutros lugares de Europa, ademais de responsables de compras de almacéns de prestixio internacional como Harrods de Londres, ou da principal cadea de supermercados xaponesa.

O Galician Gourmet Extravaganza de Bruxelas abre unha rolda de exposicións e degustacións que este ano levará os produtos galegos de calidade a Zurich, Berlín, Londres e Nova York. O obxectivo do evento Galician Gourmet Extravaganza é promocionar a gastronomía e os mellores produtos alimentarios galegos nos mercados internacionais prioritarios para o tecido produtivo, presentándoos de forma creativa e novidosa, e contando para elo coa colaboración de destacados chefs.

O evento piloto en Londres  logrou contratos para as empresas galegas

O evento piloto desenvolveuse o pasado mes de outubro no Melia White House de Londres, onde 500 profesionais e expertos gastronómicos británicos puideron coñecer selectos menús de degustación con produtos galegos de calidade.

Varias adegas galegas participantes nesa mostra conseguiron contratos de empresas como British Airways ou Melia, mentres que produtos de Cárnicas Teijeiro, Porco Celta, Embutidos Montepicato, San Simón da Costa, Benboa, Petroni e Pazo Valdomiño acadaron importadores británicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información