Os drons: ¿A gran esperanza para combater a Vespa Velutina?

A empresa galega Aerocámaras presenta os primeiros drons deseñados para desactivar niños de Vespa Velutina. Teñen en marcha un dron avanzado capaz de detectar de noite os niños da avespa asiática e que agardan poder empezar a traballar con el o próximo ano.

Os drons: ¿A gran esperanza para combater a Vespa Velutina?

Dron desactivando un niño de Vespa Velutina. Foto: Aerocamaras

A Avespa Velutina está a espallarse de xeito imparable por Galicia e por toda Europa grazas, en boa medida, a dous factores: os seus niños sitúanse a veces nas copas de árbores a ata 40 metros de altura e moitos deles pasan desapercibidos no medio dos bosques.

Pero estes dous obstáculos semella que pronto serán superados grazas a dous tipos de drons avanzados desarrollados por unha empresa galega. Aerocámaras, unha compañía fundada por varios emprendedores no ano 2012, desenvolveu un dron avanzado especializado na desactivación de niños e outro capaz de localizalos de noite.

Estas dúas innovacións foron presentadas este sábado en Goente, no concello coruñés das Pontes, nunha xornada técnica sobre a Vespa Velutina organizada pola Casa do Mel e á que asistiron arredor dun cento de apicultores.

Un dron capaz de desactivar o 100% dos niños de Velutina

O primeiro dron, no que Aerocámaras empezou a traballar hai dous anos, está especializado na retirada de niños e altura e en lugares de difícil acceso, aos que non podería chegar o persoal do 112 ou os apicultores. “Garantimos o 100% de efectividade e que logramos inocularlle un insecticida ao niño de Velutina e matar á colonia nun tempo máximo de 15 minutos”, destacou Jaime Reboredo, director de expansión de Aerocámaras.

Para iso o dron leva incorporada unha pértega extensible a ata 4 metros, unha cámara de precisión na punta da lanza coa que se inocula o insecticida e un sistema de corrección automática da posición segundo o vento, que garante a estabilidade do aparello, e unha inxección precisa. Desta forma, e mediante unha bomba que leva incorporada, en entre 7 e 8 segundos o dron inxecta o biocida no niño a unha profundidade de entre 10 e 15 centímetros.

“Evitamos danos medioambientais, xa que mediante este sistema o biocida é moi preciso, e ademais, ao manexar o dron dende unha distancia de ata 500 metros, evitamos perigos para as persoas durante a desactivación do niño”, destaca Jaime Reboredo.

De momento, Aerocamaras xa está a traballar co Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia -é precisa a presenza dun traballador do 112 durante a retirada con dron- e no futuro esperan poder ter varios drons traballando diariamente na retirada de avespeiros de Velutina.

Dron desactivando un niño de avespa asiática: 

Un dron capaz de detectar de noite os niños de Velutina

O outro avance que está probando Aerocámaras é un dron capaz de detectar os niños de velutina. Trátase dun aparello sofisticado equipado cunha cámara termográfica capaz de detectar unha persoa a 1,5 kilómetros.

“Desarrollamos un dron híbrido con autonomía para 4 horas de vó –o habitual son 20 minutos- e que pode cubrir distancias de 50 kilómetros dende a estación de control. Temos regulada a cámara termográfica para que detecte a radiación de calor que se desprende dos niños de velutina e faremos barridos a 120 metros de altura, aínda que en situacións de emerxencias a lexislación permítenos subir a ata 500 metros de altura”, explica o director de expansión da empresa. Unha cámara óptica con ata 30 aumentos permítelle ao dron cerciorarse de que se trata dun niño de velutina en caso de dúbida.

Poden cubrir unha distancia de 50 kilómetros dende o punto de control

Neste momento Aerocámaras está traballando nun software que permita marcar as coordenadas GPS de cada niño, para que, con esta información, un segundo dron elimine o niño.

O seguinte paso é que a Axencia Estatal de Navegación Aérea lles permita realizar voos nocturnos con este dron, unha autorización coa que agardan contar a finais deste ano. “Nun día de verán, a 30 graos de temperatura ambiente, o dron é efectivo, pero de noite, cunha temperatura media de 10 graos, a cámara termográfica é moito máis precisa na localización da calor que irradian os niños de avespa asiática”, explica Jaime Reboredo.

Desta forma, confían en que con estes dous drons a loita contra a expansión da vespa velutina experimente un avance decisivo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información