O Vicedo celebra o 15 de xullo a súa Festa do Turismo Rural

Un milleiro de persoas participarán no xantar desta XX edición e asistirán ás concurridas carreiras de cabalos no mirador do parque eólico de Riobarba, con impresionantes vistas sobre a ría

Publicidade
O Vicedo celebra o 15 de xullo a súa Festa do Turismo Rural

Carreiras de cabalos na Festa do Turismo Rural do Vicedo

O Concello do Vicedo organiza o vindeiro domingo 15 de xullo unha nova edición da Festa do Turismo Rural, que reunirá no mirador do parque eólico de Muronovo, na parroquia de Riobarba, a veciños e afeccionados ao mundo ecuestre. Unhas 1.000 persoas participarán no xantar desta XX edición dunha celebración que ten como protagonistas aos cabalos, con animadas carreiras e concursos que xuntan a participantes de toda a comarca.

Como cada ano, a festa comeza cunha misa campestre na honra de San Vicente de Francos baixo a carpa instalada na explanada o parque eólico para que as néboas habituais e a climatoloxía cambiante desta zona elevada non poñan en perigo os distintos actos do programa.

Ao rematar a celebración relixiosa ten lugar o xantar a base de produtos como chourizo, xamón, empanada, lacón asado ou queixo. Tanto a comida como a bebida, con viño e auga, son gratuitas, cortesía do Concello de O Vicedo, que corre con todos os gastos da festa.

A partir das 5 da tarde dá comezo o campionato ecuestre, con carreiras de cabalos e concursos nos que se reparten máis de 1.200 euros en premios aos participantes nas distintas categorías: carreiras de trotóns, marcha, carreira de cabalos de cruce e mellores cabalos de raza. Trátase dunha cita consolidada á que acoden afeccionados e participantes de toda a comarca da Mariña, de Ortegal e mesmo da Terra Cha. Trala entrega de premios comeza a verbena e o baile.

Aeroxeradores compatibles co entorno natural

A Festa do Cabalo do Vicedo comezou a celebrarse cando se construiu o parque eólico, segundo lembra o alcalde, Jesús Novo, e naceu coa idea de demostrar que os aeroxeradores poden ser compatibles co entorno natural.

Desde o mirador do parque eólico de Riobarba hai unha impresionante panorámica da ría do Vicedo e das veciñas do Barqueiro e Viveiro, das pontes que permiten cruzar o río Sor, da súa desembocadura e do litoral desta zona, salpicado de illas, como a Coelleira ou a de San Martiño, e de praias, como as de Abrela, San Román, Arealonga, Xilloi, Caolín, Vidreiro ou Area Grande.

Importancia do turismo rural e de natureza

Esta celebración festiva destacada do verán congrega todos os anos a un nomeroso número de asistentes, tanto veciños coma visitantes que disfrutan dun día de convivencia con festa gastronómica e cita ecuestre. O turismo é unha parte importante da economía local do concello do Vicedo e un exemplo do tirón turístico deste municipio costeiro é o coñecido como Fuciño do Porco, que permite facer un roteiro até chegar a un fermoso acantilado sobre a ría.

Tamén pegado ao mar, na parroquia de San Román, atópase o lugar coñecido como Os Moutillós, no que se atoparon restos da presenza viquinga que durante séculos axexou a costa da Mariña. Neste lugar celébrase o 28 de xullo unha romaxe viquinga con desembarco e espectáculos de recreación histórica.

VICEDO cartel festa cabalo

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información