O Valadouro celebra esta fin de semana o seu Mercado Tradicional de Primavera

A localidade mariñá rememora este ano o 125 aniversario da concesión do título de vila cun programa musical de primeiro nivel e cun mercado que recrea a vida nas aldeas fai 50 anos

O Valadouro celebra esta fin de semana o seu Mercado Tradicional de Primavera

O Valadouro celebra esta fin de semana o seu Mercado Tradicional Anual de Primavera que rememora as vellas feiras desta localidade da Mariña. Artesáns, produtores de horta e do campo, ferreiros, zoqueiros, cesteiros e moita xente nova con gañas de pasalo ben e lembrar tradicións case esquecidas a día de hoxe xuntaranse o sábado 23 en Ferreira.

Desde o ano 2007 celébrase o sábado máis próximo ao comezo da primavera esta festa onde se unen tradición e diversión a partes iguais e que recupera un dos mercados anuais máis importantes da capital do concello. Este ano, ademais e postos de venda e demostracións de oficios tradicionais, cun programa musical de primeiro nivel que dará comezo xa o día anterior, o venres 22, e coa celebración do 125 aniversario da concesión do título de Vila a Ferreira.

O Concello do Valadouro trata nos últimos anos de recuperar a súa actividade agrogandeira e de dala a coñecer a través dunha serie de mercados ao longo do ano. O de primavera é quizais o máis importante e concurrido de todos. Cadra, coma todos os anos, o sábado máis próxino ao 25 de marzo.

Zënzar, Os Festicultores, Susana Seivane e Ruxe-Ruxe

A programación arrinca xa o día antes do propio mercado, o venres 22, a partir das 9 da noite, co pregón a cargo do actor e dramaturgo  Manuel Lourenzo, natural da localidade. A continuación terá lugar a actuación doutro insigne do lugar, o cantautor Miro Casabella, que foi un dos integrantes do movimento Voces Ceibes. A música continuará da mán da banda de gaitas Dambara. Ao seu son bailarán en zocas os membros da agrupación Amado Lar. Pecharán a noite os concertos de Cuarta Xusta e Zënzar.

Ao día seguinte, o sábado 23, será o día do mercado propiamente dito. Arrincará ás 10 da mañán coa segunda xuntanza de automóbiles clásicos Val do Ouro. Durante toda a mañá haberá animación musical da man de distintos grupos polas rúas de Ferreira e despois de comer actividades infantís. Pola tarde actuarán os FesticultoresTroupe e a Charanga Mekánica e pola noite será o turno dos concertos de Susana Seivane e de Ruxe-Ruxe.

As zocas, protagonistas

Os veciños e veciñas do Valadouro locen o día do mercado as súas mellores galas, ataviados coas roupas tradicionais que, co paso dos anos foron quedando nos faiados. Puchos, boinas, chaleques ou caxados locen con fachenda os asistentes ao Mercado de Primavera tanto polas rúas coma na pasarela dos distintos desfiles e concursos de roupa e calzado tradicional.

Este Mercado Tradicional Anual de Primavera xorde da recuperación dun dos mercados máis importantes que se celebraban historicamente nesta localidade mariñá

Unha das orixinalidades do Mercado de Primavera do Valadouro é, sen dúbida, a súa posta en escena. A palabra enxebre é desde logo a que mellor define a xornada, que recrea o ambiente de aldea e dos mercados das vilas. Ferreira viste as súas rúas e prazas con elementos antigos, útiles e ferramentas de labranza e mesmo palla. Nese escenario ten lugar o fotoenxebre, un photocall para poder levar un recordo acorde da festa. Tamén enxebre é a decoración dos locais de hostalaría da vila, que organizan unha ruta de tapas polos bares, onde tamén haberá cantos de taberna. Cada establecemento debe decorar o seu local de maneira antiga para rememorar os anos pasados e debe presentar tapas innovadoras.

Pero, sobre todo, un dos sinais de identidade do Mercado Tradicional de Primavera do Valadouro é o seu calzado. Cando en 2007 a Asociación Cultural Deportiva do Valadouro, en colaboración co Concello recuperaron o mercado, a xente moza decidiu mostrarse fachendosa do pasado recuperando as vestimentas dos seus avós. Sacaron dos faiados saias, panos, medias e mantóns de lá para elas e chaleques, puchas, e camisas de cadros para eles, con caxatos, varas e cestos como complementos. E nos pés, zocas.

O desfile de zocas é un dos pratos fortes e máis divertidos da mañá. Calquera persoa que vaia vestida con roupa de época e leve zocas ou zocos nos pés pode desfilar pola alfombra de palla da pasarela de moda instalada na praza de Santa María, onde un xurado valora as zocas máis fermosas, as máis orixinais e as mellor decoradas. Preséntanse todos os anos deseños do máis singular nunha reinvención dun calzado habitual até fai pouco tempo na maioría das aldeas galegas.

Celebración do 125 aniversario da concesión do título de Vila a Ferreira

A localidade de Ferreira, a capitalidade do concello, xurdiu precisamente no século XVII grazas ao mercado semanal que empezou a celebrarse a carón da capela da Virxe do Leite. Tamén se realizaban mercados anuais de importancia o 2 de febreiro, o 25 de marzo e o 8 de setembro, que se mativeron durante séculos. Foi esa actividade comercial a que marcou o inicio do desenvolvemento económico, social e cultural de todo o val do río Ouro, e a que lle valeu a Ferreira o recoñecimento como vila a finais do século XIX, momento de explendor da localidade grazas á actividade gandeira, aos lenzos e ao comercio cerealeiro.

O 27 de febreiro de 1894, a Raiña María Cristina concedeu a Ferreira o título de vila a través dun Decreto Real que literalmente di: “Queriendo dar una prueba de mi Real aprecio al pueblo de Ferreira del Valle de Oro, provincia de Lugo, por el desarrollo de su industria, comercio y aumento de su población en nombre de mi Augusto hijo el Rey Alfonso XIII, y como Reina Regente del Reino, vengo a concederle el título de Villa. Dado en Palacio a vientisiete de febrero de mil ocohocientos noventa y cuatro, María Cristina”.

Programa completo do Mercado de Primavera do Valadouro

Programa 2019 do Mercado Tradicional Anual de Primavera do Valadouro

Programa 2019 do Mercado Tradicional Anual de Primavera do Valadouro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información