O SLG anima ás administracións a mercar alimentos de proximidade para os menús escolares

Publicidade
O SLG anima ás administracións a mercar alimentos de proximidade para os menús escolares

O conselleiro de Educación na visita a un comedor escolar

O Sindicato Labrego Galego anima ao Concello de Santiago e ao resto de institucións responsábeis destes servizos na Galiza, especialmente á Xunta, a traballar e conseguir un consenso para que os alimentos mercados pola administración ou por empresas contratadas por ela reúnan unha serie de requisitos.

En concreto, a organización agraria pide que sexan cociñados e producidos, na medida do posible, no entorno do centro onde se van consumir ou na Galiza; e con criterios de ecoloxía e sostenibilidade nos métodos de cultivo, na súa elaboración e transporte.

En Francia ou en Italia xa se fai

O SLG asegura que “lonxe de ser unha utopía, son criterios que xa se están aplicando nalgúns concellos e comedores escolares, asegurando así a calidade e frescura dos alimentos”. Lembran que “en países como Francia ou Italia xa inclúen cláusulas neste tipo de contratacións que fan referencia ao tipo de produto, á súa frescura, á raza da carne, etc”. É dicir, requisitos indirectos que potencian o mercado local sen entrar en conflito coa lei de competencia.

“Ademais -engaden-, ao optar preferentemente por alimentos producidos localmente, creamos emprego e xeramos riqueza no entorno e no medio rural, apoiamos os nosos sectores produtivos, conseguimos prezos máis xustos para labregos e labregas ao reducir o número de intermediarios, garantimos a saúde dos nosos fillos e fillas, e aforramos cantidades inxentes de carburantes queimados nos transportes do cátering”.

Por último, o SLG lembra que o Parlamento Europeo aprobou unha directiva mediante a que se insta aos diferentes gobernos da UE a incluír criterios sociais, medioambientais e de proximidade nas súas compras públicas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información