O sector lácteo é o que máis denuncias e sancións recibe da AICA

O último informe da AICA revela que o sector lácteo acumula máis do 60% das denuncias e é o máis sancionado por este organismo. Porén, é dos que menos inspeccións de oficio recibe por parte do Ministerio.

Publicidade
O sector lácteo é o que máis denuncias e sancións recibe da AICA

Oferta de leite nun supermercado

O sector lácteo é o que máis denuncias e sancións acumula na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), o organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se encarga do correcto funcionamento das relacións de compra-venda no sector agroalimentario.

Así, segundo o informe de actividade da AICA, entre o 1 de xaneiro de 2014 -cando botou a andar a axencia- e o 1 de setembro de 2015, o sector lácteo acumula máis do 60% das denuncias presentadas e é o máis sancionado por este organismo, con 77 sancións propostas.

Malia ser o máis sancionado, o sector lácteo é no que menos inspeccións de oficio fai a AICA

O informe feito público hoxe revela que a AICA realizou dende a súa entrada en funcionamento o 1 de xaneiro do pasado ano un total de 663 inspeccións a empresas ou establecementos, controlando unhas 3.000 operacións comerciais.

É de destacar que sendo o sector máis denunciado e sancionado, sen embargo o lácteo é dos que menos inspeccións de oficio recibe da AICA: 109 nese período, correspondentes a leite líquido envasado, e só por diante das empresas que traballan con carne de polo, que recibiron 36 inspeccións.

Pola contra, a maioría das inspeccións deste organismo do Ministerio corresponderon a froitas e hortalizas, con 353, seguido do aceite de oliva envasado, con 165.

6 de cada 10 denuncias presentadas ante a AICA corresponden ao sector lácteo

Ademais destes programas de control e inspección realizados de oficio pola AICA, este organismo tamén recibe denuncias de asociacións ou de operadores por posibles incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria.

Neste sentido, salientar que das 91 denuncias que recibiu a AICA, 50 corresponden a denuncias relacionadas co sector lácteo. Destacar tamén que o 36% das denuncias recibidas foron por “posible venda a perdas”, unha práctica que, segundo asegura o Ministerio, “está prohibida pola Lei de Comercio Minorista, pero na que a AICA non ten competencias”.

Tamén chama a atención que das 91 denuncias recibidas, a AICA mantén 32 en fase de investigación e resolveu 59, a maioría das cales, en concreto 53, “foron desestimadas ben porque se concluíu que non había infracción ou ben por falta de probas” e só 6 deron lugar a expedientes sancionadores.

O sector lácteo acumula a maior parte das sancións: o 36%

A partir das inspeccións e das denuncias presentadas a AICA incoou un total de 141 expedientes sancionadores, dos que 29 foron arquivados, 74 atópanse en fase de tramitación administrativa e 38 deron lugar a unha proposta de multa.

Estes últimos conlevan un total de 210 sancións. E de novo o sector lácteo ocupa o primeiro posto con 77 sancións, o que supón o 36% do total.

En canto aos motivos dos 38 expedientes sancionadores, a maioría (19) son por non contestar aos requirimentos da AICA, seguidos pola falta de contratos (11), por non ter todos os extremos necesarios nos contratos (4) e por incumprimento dos prazos de pagamento (4).

A gran distribución acumula o 68% dos expedientes sancionadores

Por último, se analizamos os resultados polos distintos chanzos da cadea e operadores comerciais, dos 141 expedientes sancionadores incoados -o que non quere dicir que deran lugar a sanción- pola AICA o 68% corresponde á distribución comercial maiorista; o 27% á distribución minorista; 0 4% á industria alimentaria -un no sector da carne de polo e catro a industrias lácteas- e só o 1% corresponde a produtores, en concreto do sector de froitas e hortalizas.

Descarga aquí o informe completo de actividade da AICA.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información