O sector lácteo acumula un terzo das sancións na cadea alimentaria

A Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) propuxo un total de 322 multas desde o inicio da súa actividade, a maioría por cuestións como incumprimentos dos prazos de pago ou ausencia de contratos de compra venda

O sector lácteo acumula un terzo das sancións na cadea alimentaria

O Ministerio presentou o balance da Agencia de Información y Control Alimentario.

Os primeiros 20 meses de funcionamento da Agencia de Información y Control Alimentaria (Aica) saldáronse con 322 propostas de sanción, a maioría no sector das froitas e hortalizas, con 194 expedientes (60%) que remataron en multa, seguido do lácteo, que acumula 94 propostas de sanción (29%). Aceite (7,1%), viño (2,7%) e polo (0,6%) completan os sectores nos que se detectaron incumprimentos.

O traballo da Aica céntrase en garantir o cumprimento da Ley de la Cadena Alimentaria (Ley 12/2013). A maioría das sancións propostas pola axencia derivan de irregularidades coma o non cumprimento dos prazos de pago marcados pola lei ou a ausencia de contratos de compra venda.

Outras veces ás multas debéronse a que as empresas investigadas ignoraron as peticións de documentación da Aica. A distribución maiorista, en especial os mercas de froitas e hortalizas, acumulan máis do 40% das sancións.

Abusos na cadea
A axencia, dependente do Ministerio de Agricultura, está a contribuir a reducir os abusos nas prácticas comerciais da cadea alimentaria, se ben carece de competencias en cuestións coma as vendas a perdas ou os desequilibrios que se producen no reparto dos ingresos ó longo da cadea.

En canto ás vendas a perdas nas cadeas de supermercados, é dicir, a venda dun produto a un prezo inferior ó que custou co obxectivo de atraer consumidores, a Aica recibiu un total de 37 denuncias, que lle foron trasladadas ás comunidades autónomas, que son as que teñen competencia para investigar esa práctica, contraria á Ley de Comercio Minorista.

Plans de control

Os plans de control da Aica supervisaron polo de agora un total de 4.000 operacións comerciais en 1.287 inspeccións realizadas. Por sectores, houbo inspeccións en 355 empresas de froitas e hortalizas, en 246 do sector do aceite, en 173 do lácteo e en 36 de carne de polo. No sector vitícola, producíronse 52 inspeccións a adegas e 425 requerimentos de información contractual a viticultores.

O informe de balance da labor inspectora da Aica foi presentado onte pola ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. Cómpre lembrar que segundo os anteriores datos da Aica feitos públicos, en marzo deste ano, Galicia era a comunidade que acumulaba o maior número de sancións propostas pola Agencia de Información y Control Alimentario, cun 22% do total.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información