A própole: métodos de recolección e calidades

Resumo do relatorio do Dr. Félix Adanero Jorge, licenciado en Farmacia e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, que presentou a súa tese sobre própole na Universidade de León. Actualmente pertence aos Servizos Oficiais Farmacéuticos da Junta de Castilla y León. Nos últimos meses impartiu varias conferencias-talleres en Galicia sobre este produto apícola altamente demandado.

A própole: métodos de recolección e calidades

Abella cargada con resinas para elaborar própole

A própole é un cemento ou masilla bio-activa de carácter principalmente resinoso que as abellas procesan de forma natural a partir de substancias oleo- gomo- resinosas que recollen de diferentes partes de plantas diversas próximas ao colmear.

É coñecido desde fai miles de anos polas súas propiedades farmacolóxicas e nos últimos anos a súa demanda incrementouse de forma notable, sendo España un país claramente importador, polo que existe un amplo mercado para os apicultores profesionais españois que desexen comercializalo.

Algúns dos requisitos que son necesarios para que as abellas elaboren própole son:

– Temperatura exterior entre 21-28 º C.

– Vexetación dispoñible para a colmea de plantas resinosas, gomosas e aromáticas, tales como chopo, castiñeiro, carballo, salgueiro, olmo, faia, aliso, bidueiro, piñeiro, xara, breixo, romeu, tomiño, lavanda, etc.

– É necesario que a colmea teña necesidades adicionais de propolizar, tales como a súa propia inmunidade (a nivel individual e social), inmovilización de estruturas (cadros, panais, etc.), preparación da colmea en meses fríos, selado de ocos ou fendas, colocación de mallas ou reixas para recoller própole, etc.

– Outros factores que condicionan a produción de própole son a época do ano (máis cara a final do verán e cara ao outono), a fortaleza da colonia, a xenética das abellas ou a estrutura a propolizar.

En canto á composición do própole, esta resulta moi variable, sendo maioritariamente resinas (45-80%), entre un 8 e 40% de ceras, impurezas (5-40%) e pole (5%). Estes parámetros téñense en conta á hora de valorar un própole de mellor ou peor calidade. Por outra banda, para evitar a presenza no própole de residuos de produtos cos que se trata a colmea, é moi importante cando se utilicen mallas ou reixas, retiralas e respectar o tempo de espera do produto empregado, e unha vez que se cumpra este prazo, poderíase volver colocar de novo dita malla/ reixa.

Unha vez que o própole é extraído, debe ser sometido a unha limpeza e selección, para a súa posterior etiquetaxe e almacenamento a temperaturas baixas de refrixeración (2-8º C) ou conxelación (-18 º C) en envases aptos para uso alimentario e hermeticamente pechados.

Métodos para a extracción de própole das colmeas:

Raspado do própole das colmeas

Raspado do própole das colmeas

A) Raspado

As súas vantaxes é que é un método rápido, barato e que permite obter maior produción. Ademais, favorece a limpeza da colmea e nalgunhas colmeas é a única forma de obtelo. Os seus inconvenientes son que presenta un alto contido en impurezas, é un própole de mala calidade, o que tamén dificulta o posterior procesado do mesmo. Actualmente non se comercializa para consumo.

Reixas de plástico de uso alimentario colocadas enriba dos cadros

Reixas de plástico de uso alimentario colocadas enriba dos cadros

B) Reixas plásticas de uso alimentario

Como aspectos positivos, é un método cómodo, que permite obter unha produción limitada (de 50 a 200 gramos por colmea) pero de moi boa calidade, á vez que a súa extracción e a súa limpeza é fácil. Os inconvenientes son que só se poden utilizar en colmeas industriais, e as abellas ás veces non propolizan a reixa. Require de equipo adicional de frío para a súa extracción, no que ás veces rompen as reixas polas baixas temperaturas.

Mallas para uso alimentaro olocadas enriba dos cadros

Mallas para uso alimentaro olocadas enriba dos cadros

C) Mallas plásticas de uso alimentario

Os seus puntos a favor son que permite unha maior produción (ata 300 g), de moi boa calidade, e cun procesado posterior fácil. O manexo destas mallas na colmea tamén é fácil e duran máis que outros métodos. Como contrapunto, requiren tamén de equipo adicional de frío para a extracción. Ademais, presentan maior grao de pulverización e requiren de movemento na colmea.

D) Aperturas laterais na colmea ( Pirassununga)

Método brasileiro: aperturas laterais

Método brasileiro: aperturas laterais

Este método brasileiro presenta como principais vantaxes que permite lograr unha maior produción de própole e que o manexo é fácil. Como inconvenientes, require modificar a colmea, o procesado posterior é difícil e está suxeito a contaminación externa. Tamén favorece un alto contido en impurezas

E) Outros métodos

Outros métodos que se poden empregar son cadros metálicos, teas mosquiteiras, rolos de teas plásticas, mallas de sacos de tea/plástico…etc. As vantaxes son que algúns son moi económicos, como a malla de tea, e permiten unha gran versatilidade. Porén, ao tratarse de elementos metálicos ou plásticos, poden oxidar ou contaminar o própole, e ademais descoñécese se é apto para uso alimentario.

Cal é a própole ben valorada?

A própole mellor valorada e pagada ao apicultor é o que cumpre estas características:

-Ecolóxico

-Baixo % ceras e impurezas e alto % resinas

-Alto grao de frescura: de menos dun ano.

-Extraído mediante malla ou reixa

-Boas características organolépticas

-Uniforme, non heteroxéneo

-Con conservación, envasado e etiquetaxe adecuados

-Que foi estudado e analizado cientificamente nun laboratorio que certifique a súa composición. Por tanto, que presenta unha análise de laboratorio.

Resulta, por tanto, moi importante que o apicultor coñeza o tipo de própole que produce mediante unha análise de calidade e de contaminantes nun laboratorio especializado.

Recomendacións para o consumo de própole

Por último, unhas advertencias con respecto á utilización este produto:

.Non se recomenda o seu consumo en cru, debido á presenza de impurezas e outros contaminantes, sendo recomendable a súa utilización de forma procesada (en tintura, extractos, etc.)

-Tampouco en mulleres embarazadas, en lactación nin en nenos menores de 4 anos.

-Unha pequena porcentaxe dos consumidores de própole poden ter alerxia a algún dos seus compoñentes, polo que debe terse especial precaución.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información