“O produto ecolóxico ten un diferencial excesivo de prezo co convencional”

O director de compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa, analiza as grandes tendencias de consumo alimentario nunha xornada de Agaca e de La Caixa orientada a incentivar a incorporación das persoas mozas ó agro

“O produto ecolóxico ten un diferencial excesivo de prezo co convencional”

Jorge Eiroa, director de compras de Vegalsa-Eroski, na súa intervención nas xornadas.

Vegalsa-Eroski, unha cadea con 260 establecementos, o 90% deles en Galicia, emprendeu no 2007 unha aposta polo produto local que lle levou a reforzar a súa colaboración con proveedores galegos de alimentos, tanto de horta, carne e lácteos como doutros sectores non agrarios, como a pesca. De cara ó futuro, que claves de tendencias de consumo deben ter en conta eses produtores e empresas que traballan con Vegalsa?

O director de compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa, vén de participar nunha xornada coorganizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e pola Obra Social La Caixa para aportar o seu punto de vista sobre as perspectivas de futuro.

“Os nosos proveedores teñen que concienciarse de que o seu cliente está no punto de venta. Non podemos manter produtos sen movemento”

“Os nosos proveedores teñen que concienciarse de que o seu cliente está no punto de venda” -apuntou Eiroa-. “Podemos incorporar un produto, pero se non ten movemento non interesa. Tampouco estamos por tirar produtos perecedoiros, pois buscamos afinar os custos” -valora-. “Un aspecto importante da comercialización é a busca do atractivo comercial, ben sexa no deseño do packaging ou nas promocións”.

Saúde
A innovación continua en cuestións como formatos, segmentación do público ou atención a novas necesidades é outra das claves. “Unha liña de innovación importante está en todo tipo de produtos relacionados coa mellora da saúde. A metade dos consumidores do mundo queren perder peso e un 78% dos consumidores da UE tratan de facer un cambio de dieta” -sinala Jorge Eiroa-. “Produtos con menos sal, sen azucre ou con menos graxa son de interese. En leites, está medrando moito o leite sen lactosa e tamén vai a máis o leite fresco”.

Un dos nichos de mercado que se relaciona cunha alimentación saudable é o dos produtos ecolóxicos, se ben en Galicia e no resto de España teñen un mercado aínda escaso. “A produción ecolóxica tivo un desenvolvemento esperanzador noutros países, pero en España aínda hai moita diferenza entre o prezo do ecolóxico e o dun produto convencional. Estamos nun 80-85%, cando en Francia o diferencial sitúase nun 30-35% e en Gran Bretaña nun 20-25%”, sinala Eiroa.

“Nun futuro, veremos liñais enteiros de Vegalsa-Eroski con pratos preparados, cremas de verduras, zumes e postres”

“Podemos querer vender produtos ecolóxicos, pero se o consumidor non os elixe, temos un problema. O outro día fixeime que tiñamos nun liñal cenoria ecolóxica a 1,69 euros, en tanto a convencional estaba a 0,59”, compara.

Pratos preparados
A venda de pratos preparados é unhas das liñas de traballo que iniciou recentemente Vegalsa-Eroski e para a que se prevé unha expansión nos próximos anos. “Hai 4-5 anos vimos en Londres que era unha tendencia, pero pensabamos que aquí non tería éxito. Finalmente, o ano pasado decidímonos a iniciar probas nunha ducia de centros e atopámonos coa sorpresa de que está funcionando ben”, destaca Jorge Eiroa. “Nun futuro, veremos liñais enteiros de Vegalsa Eroski con pratos preparados, cremas de verduras, zumes e postres”, pronostica.

conselleira xornadas agaca

Transmitir unha imaxe moderna do agro

A intervención do director de compras de Vegalsa-Eroski produciuse nunha xornada de Agaca que se orientou a incentivar ás persoas novas a incorporarse ó agro. Asistiron ó acto máis dun cento de mozos e mozas, moitos deles estudantes de escolas de formación agraria.

O programa do evento incluíu, ademais da intervención de Jorge Eiroa, charlas sobre as tendencias no sector lácteo e vitivinícola, así como a presentación de seis casos de éxito de xente nova que se incorporou ó agro. Coa presentación dos casos de éxito, tratábase de visibilizar o exemplo de explotacións de diferentes sectores que se dirixen dun xeito profesional, a modo de empresas agrarias, por persoas novas e preparadas que viron no agro un xeito desexable de vida. Clausurou o acto a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información