O Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario dá os seus primeiros pasos

O Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario dá os seus primeiros pasos

Rohrer, Pérez e Barreiro, na xuntanza do polo de innovación dixital para o sector agroalimentario celebrada no CiTIUS

O Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario promovido polo Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) aprobou este xoves a súa estrutura de gobernanza, así como a creación de seis grupos de traballo que respondan ás diferentes demandas do sector.

Prospectiva e Intelixencia, Oferta e Demanda, Proxectos I+D+i, Produción Agraria, Produción Gandeira, e Industria Agroalimentaria son as denominacións que recibiron estes seis grupos de traballo, que, tal e como salientan os impulsores do polo, deben erixirse en estruturas dinámicas que poden ir evolucionando e mudando a medida que avancen as sesións de traballo e se avalíen as necesidades que vaian xurdindo.

A creación destes grupos partiu dun cuestionario previo ao que foron sometidos os diversos axentes do sector, dende empresas, pasando por asociacións profesionais, cooperativas, produtores, clusters, universidades e centros tecnolóxicos. Na xuntanza aprobouse tamén a estrutura de gobernanza do polo, encabezada pola secretaría técnica que conforman Campus Terra e Gradiant.

O encontro, celebrado no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) de Santiago de Compostela, estivo presidido polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e polo director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire. Enrique Rohrer acudiu en representación da Axencia Galega de Innovación a esta xuntanza de traballo, que foi clausurada polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema.

Neste Digital Innovation Hub, segundo a terminoloxía que emprega a Comisión Europea, conflúen, pola banda da demanda, un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector.

Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información