O patrimonio apícola cereiro en Galicia

Galicia foi unha das principais zonas produtoras de cera de abella no sur de Europa e conta cun importantísimo patrimonio apícola cereiro. Un artigo dos irmáns Damián e Diego Copena Rodríguez.

O patrimonio apícola cereiro en Galicia

Lagar da cera de Paraños (O Covelo)

Introdución

A apicultura foi historicamente unha actividade gandeira economicamente relevante nas sociedades tradicionais galegas. As colmeas tradicionais (covos, trobos ou cortizos) estaban esparexidas en moitos dos fogares do rural galego, sendo unha das súas principais producións a cera de abella, elemento moi apreciado e que era vendido polos pequenos apicultores ás persoas que se adicaban ao oficio cereiro.

Galicia foi historicamente un centro de produción de cera de abella significativo dentro do sur de Europa. Deste xeito, algúns territorios galegos contaban con grande relevancia cereira, destacando o caso de Terra de Montes, con Forcarei á fronte como principal produtor, ou o do concello de Covelo, especializado no proceso de branqueo da cera. O oficio cereiro vinculado co aproveitamento dos favos producidos polas abellas mantívose en Galicia ata a metade do século XX. A aparición a grande escala da parafina, un derivado do petróleo, desbancou a cera de abella e propiciou a desaparición do patrimonio apícola cereiro específico.

Galicia foi unha das principais zonas produtoras de cera de abella no sur de Europa

Froito da relevancia que acadou o oficio dos cereiros ou borreiros aínda se conservan nalgúns puntos da xeografía galega importantes elementos de patrimonio apícola cereiro, moi descoñecidos polo público en xeral e que resultan únicos a nivel do sur de Europa. Dentro deste patrimonio apícola cereiro caben destacar os lagares de cera, que se empregaban para o prensado dos favos das abellas e a obtención de bloques de cera; as eiras da cera ou curadoiros, que empregaban as cereiras e os cereiros nas tarefas de branqueo da cera e os obradoiros cereiros, onde se elaboraban as candeas e outras manufacturas.

Os lagares de cera

Estes singulares elementos consisten en prensas de viga que se utilizaban para procesar os favos das abellas e conseguir grandes bloques de cera amarela. Aseméllanse en moitos aspectos aos do viño, sidra ou aceite, aínda que cunhas especificidades propias derivadas da materia prima que van prensar. Deste xeito, ademais do fuso, do peso e do taco de prensar contan cunha caldeira onde ferver os favos, con elementos filtrantes como os seiróns de esparto e cunhas pías que servían para a separación da cera mediante o diferencial de densidades.

Estes lagares albergaban tamén todos os elementos dos que se valía o artesán durante a elaboración da cera amarela, dende os cazos de cobre utilizados no transporte da materia prima da caldeira ata o taco de prensar ou as caldeiras de cobre para ferver os favos coa auga. O proceso de traballo do lagar da cera conseguía a obtención de grandes bloques de cera amarela que se podían empregar en diferentes industrias como a do calzado, para a elaboración de candeas amarelas ou destinar para o seu branqueo.

En Galicia podemos atopar grandes lagares da cera con trabes que poden sobrepasar os 8 metros de lonxitude e que contan con grandes pías de separación da cera inmóbiles feitas normalmente de pedra. Exemplos relevantes desta clase de lagares son os dous existentes no Covelo (na Lamosa e en Paraños) e o de Casanova en Forcarei.

As eiras da cera ou curadoiros para o branqueo da cera

En Galicia existen eiras non vinculadas co proceso de malla e construídas para o proceso de branqueo da cera. As eiras da cera, ou curadoiros, consisten en espazos arquitectónicos ao aire libre, cubertos con lousas de pedra e que adoitan formas diversas, podendo estar nalgúns casos elevadas. Os principais elementos patrimoniais vinculados co branqueo da cera están localizados no concello de O Covelo. Así, neste termo municipal podemos atopar dúas eiras en Paraños e seis na Lamosa, onde chegou a haber case vinte casas con curadoiro e con pías para branquear a cera.

O Covelo (Pontevedra) foi un dos centros do branqueo de cera en Galicia

O proceso de branqueo é sinxelo, xa que aproveitaba a acción do sol para pasar a cera de amarela a branca. Cando o cereiro dispuña da cantidade suficiente de cera amarela, preparaba os utensilios e o curadoiro. Posteriormente, o cereiro prendía lume dentro dunha estrutura habilitada ao carón da pía coa fin de colocar sobre ela a paila na que derreter a cera amarela que pretendía branquear.

Ao mesmo tempo, colocaba sobre unha pía de branqueo chea de auga, que dispuña dun rolete de madeira medio mergullado, unha estrutura de madeira ou de lata perforada que fai de coador mediante unha serie de buratos finos polos que o artesán facía caer a cera previamente derretida. Cando a cera estaba derretida, dábaselle voltas ao rolete con intensidade, mentres o cereiro collía a cera cun cazo e botábaa na estrutura de madeira enriba do rolete.

Curadoiro da cera na Lamosa (O Covelo)

Curadoiro da cera na Lamosa (O Covelo)

Comezaban a caer unha serie de fíos de cera sobre o rolete, que solidificaban co contacto coa auga fría. Formábanse así unha sorte de lascas que saían cara o fondo da pía. Alí, outra persoa encargábase de recollelos e colocalos en cestas. Cando a cesta estaba chea trasladábase ao curadoiro ou eira, onde se estendían os fíos de cera. O proceso repetíase tantas veces fosen necesarias até acabar a cera amarela que tiñan para fundir. A cera feita lascas púñase na eira durante uns 8 días e, despois de 3 ou 4, procedíase a darlles a volta. Con este proceso conséguese que a exposición á radiación solar tornase a cera de amarela a branca, chamada popularmente como cera esperma outorgándolle valor engadido aos posibles produtos a elaborar posteriormente.

O obradoiro cereiro

Era o lugar onde o cereiro elaboraba as candeas e os exvotos, este dispuña dunha paila, cazo cónico invertido de cobre, onde ía derretendo a cera amarela que proviña do lagar da cera ou a branca obtida nas eiras da cera. Enriba da paila estaba unha roda de madeira onde o cereiro penduraba as mechas das candeas. A persoa cereira collía un cazo de cobre é botaba un pouco de cera sobre o pábilo para ir lentamente facendo as candeas. O obradoiro cereiro contaba con pezas específicas como a talladeira ou o bruñidor que se empregaban no proceso de elaboración das candeas.

Patrimonio apícola cereiro e dinamización rural

Galicia conta con importantes elementos etnográficos vinculados coa apicultura entre os que podemos atopar patrimonio apícola cereiro específico como as eiras ou os lagares da cera. Elementos que non teñen sido ate o momento estudados nin inventariados e que resultan únicos a nivel peninsular e do sur de Europa.

 “O patrimonio cereiro de Galicia é único na Península”

Vista do Centro de Interpretación da Ceraría de Paraños

Vista do Centro de Interpretación da Ceraría de Paraños

Cómpre procurar, estudar, protexer, conservar e por en valor a nosa enorme e singular riqueza vinculada co patrimonio apícola cereiro tradicional galego. Neste senso, resulta preciso destacar que comezan a agromar experiencias de interese como a desenvolvida pola Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Paraños no Covelo. Esta entidade veciñal ten creado o Centro de Interpretación da Ceraría de Paraños , rehabilitado o lagar da cera de Paraños e posto en valor outro patrimonio cereiro como a eira de cera e a pía de branqueo de Paraños inserindo estes elementos patrimoniais dentro dunha ruta de sendeirismo. A CMVMC tamén ten editado unha Guía con información extensa sobre a historia, os elementos patrimoniais e os procesos cereiros tradicionais no Concello.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información