leite_marcas_01_standar

“O leite estase sustituíndo por bebidas con peor densidade de nutrientes”

O consumo de leite está reducíndose nos últimos anos, tanto en España como noutros países desenvolvidos, en parte pola aparición frecuente en medios de comunicación e redes sociais de mensaxes sobre supostos efectos adversos do leite. Ante esa realidade, a Fundación Española de la Nutrición advirte de que o consumo de leite estase sustituíndo por outras bebidas, de orixe vexetal, que non compensan a inxesta de nutrientes que se perde ó deixar de consumir leite.

En definitiva, a entidade considera que as mensaxes alarmistas sobre o leite, “que na súa maioría teñen unha moi escasa base científica”, contribúen a unha menor calidade e cantidade de nutrientes na dieta. Un informe que elaborou a Fundación Española de la Nutrición conxuntamente coa súa homóloga iberoamericana repasa os beneficios do leite e desmonta algúns dos mitos sobre os seus supostos efectos adversos.

Recapitulamos a continuación algúns dos puntos do documento, que leva por título ‘La leche como vehículo de salud de la población‘ e que inclúe numerosa bibliografía de estudos científicos.

Proteínas, calcio e minerais
– As principais recomendacións de consumo de alimentos establecen a inclusión do leite nunha dieta variada e saudable. O leite considérase un alimento básico e equilibrado que proporciona un elevado contido de nutrientes en relación o seu contido calórico, o que é de gran importancia, sobre todo en persoas maiores. Unha ración media de leite enteiro (un vaso de 200 mililitros) ten 130 calorías, 6,2 gramos de proteína e arredor de 6,4-7 gramos de graxa.

– O leite é fonte de proteínas de alto valor biolóxico, xa que contén todos os aminoácidos esenciais, incluso en cantidades superiores ó patrón proteico internacional de referencia. Por ese motivo, o leite é fundamental para elevar o valor biolóxico da proteína da dieta, complementando a cereais e legumes.

– O leite contén ademais péptidos bioactivos, con propiedades beneficiosas demostradas científicamente para o sistema inmunitario, cardiovascular e dixestivo.

O leite reduce a hipertensión arterial, segundo unha investigación con 45.000 participantes

– É a principal fonte de calcio, non só polo seu elevado contido deste mineral, senón también pola súa biodispoñibilidade. O leite tamén aporta outros minerais necesarios para a actividade metabólica do corpo, como fósforo, zinc, iodo, selenio, cromo, sodio e potasio.

Graxas
– Estudos recentes demostran que a graxa do leite non só non é perxudicial para a saúde cardiovascular, senón que numerosos traballos suxiren que podería ter un efecto protector a través dalgúns ácidos graxos saturados presentes nos lácteos.

– Os requerimentos nutricionais de cada grupo de poboación están ben descritos a nivel científico. Se comparamos a alimentación española fronte a esas recomendacións, diferentes estudos amosan que hai unha inxesta insuficiente de determinados nutrientes (calcio, vitamina D, ácidos graxos omega 3) e excesiva noutros (graxa total).

– O leite é un veículo para aumentar a inxesta de determinados nutrientes que non están presentes na dieta española nas cantidades aconselladas. Hai ademais leites adaptados a cada grupo de poboación que presentan cantidades adicionais de nutrientes dos que hai un consumo insuficiente.

taboa-leite

Efectos positivos na saúde
– A maioría dos estudos amosan que o consumo de lácteos baixos en graxa asóciase a menores riscos de enfermidades cardiovasculares. De feito, unha investigación conclúe que o consumo dun vaso de leite ó día reduce moderadamente o risco de cardiopatías. Por outra banda, non se atopou correlación entre consumo de lácteos, con independencia do seu contido en graxas, e enfermidades coronarias.

O consumo dun vaso de leite ó día reduce moderadamente o risco de enfermidades cardiacas

– As proteínas lácteas semellan ter un efecto positivo no control do peso corporal, tanto en persoas obesas como normais. Os estudos suxiren que se debe o seu efecto saciante e de diminución do apetito.

– Un metaanálise con 45.000 participantes asocia o consumo de leite a menores riscos de hipertensión. O leite reduce o risco de enfermidades cerebrovasculares.

Racións aconselladas
– No contexto dunha dieta equilibrada e variada, recoméndase consumir entre 2 e 4 racións de leite e derivados lácteos ó día, aínda que esa pauta varía en función da idade e situación fisiolóxica (Ver táboa). A ración de leite está constituída por unha taza de 200-250 ml ou por un iogur (125 gramos), unha porción de queixo maduro (40-50 gramos) ou de queixo fresco (125 gramos).