A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O día 23 celebrarase en Lugo o Festival do Leite

O día 23 celebrarase en Lugo o Festival do Leite

Presentación do Festival do Leite esta mañá en Lugo

A marca Deleite, propiedade e impulsada por un grupo de gandeiros galegos, celebrará o sábado 23 de setembro a segunda edición do Festival do Leite en Lugo, a capital do sector lácteo galego.

O evento foi presentado esta mañá na capital lucense pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a xerente de Leite Noso, Patricia Sánchez; o responsable de produción do festival Manuel Tarrío, e o humorista, actor e presentador Xosé Antonio Touriñán.

Este festival, que busca poñer en valor o leite como alimento e como motor económico do rural galego, celebrarase no parque do Pazo de Feiras e Exposicións. Ao longo de toda a xornada, o público asistente a esta romaría familiar poderá desfrutar de xeito gratuíto de grupos referentes do panorama musical galego como Caxade, Terbutalina ou Os Amigos dos Músicos, entre moitos outros. Tamén actuará Xosé Antonio Touriñán, o famoso humorista gráfico Luis Davila, e haberá programación infantil e diversas foodtrucks que ofrecerán servizo de xantar.

Pero ademais, e ao igual que a primeira edición celebrada o pasado ano en Santiago de Compostela, perséguese un fin social. Deste xeito, os beneficios económicos do Festival do Leite destinaranse a axudar ás persoas refuxiadas. Asemade, pídeselle aos asistentes que aporten algún produto alimentario de primeira necesidade que se destinará aos Bancos de Alimentos. Deleite tamén doará unha cantidade de leite para as persoas máis necesitadas.

Lara Méndez: “Hai que poñer en valor esta iniciativa dos gandeiros que decidiron dar o paso da comercialización”

Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosouse “tremendamente satisfeita de acoller esta iniciativa na nosa cidade”, onde lembrou existen unhas 200 ganderías de vacún de leite.

“Temos que reivindicar o sector lácteo como imprescindible para Lugo e para Galicia. E neste sentido hai que poñer en valor esta iniciativa dos gandeiros -Leite Noso, que posúe as marcas Deleite e Muuu- que decidiron dar o paso de comercializar eles o seu leite, e con moi bos resultados”, salientou a rexedora lucense.

Xosé Antonio Touriñán: “Deleite non só alimenta o noso corpo, senón tamén a nosa alma co seu apoio á cultura galega”

Xosé Antonio Touriñán, o coñecido actor, humorista e a cara publicitaria de Deleite, recoñeceu que “despois de dous anos de colaboración, sigo namorado de Deleite”.

“E é que non só alimenta os nosos corpos, porque toda a nosa xeración medrou de xeito saudable grazas ao leite, senón que tamén alimenta as nosas almas co seu apoio decidido á cultura galega”, subliñou.

E é que, tal e como destacou, “o cartón de Deleite non só nos aporta calcio, vitaminas, minerais ou proteínas, senón que tamén nos trae literatura, música ou teatro galego, que nos leva regalando dende hai dous anos”.

Actuacións de Caxade, Escuchando Elefantes ou Os Amigos dos Músicos, mentres que Luis Davila ensinará aos máis cativos a debuxar

Por último, Manuel Tarrío fixo unha presentación do Festival do Leite, que se celebrará no parque do Pazo de Feiras e Exposicións. Destacou que se trata dun evento para toda a familia e que para facilitar o transporte haberá un servizo especial de autobuses urbanos.

Entre a ampla oferta de música e actividades culturais, Manuel Tarrío destacou as actuacións de Caxade, Os Amigos dos Músicos, Escuchando Elefantes, Terbutalina ou Atrás Tigre, entre moitos outros. E no espazo infantil haberá actuacións do mago Don Gelati, de Peter Punk, así como do famoso humorista gráfico Luis Davila.


Actualización 13-7-2017: Deleite anunciou como cabeza de cartel do Festival á banda viguesa Siniestro Total.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *