“O apicultor ten que diversificar: ademais do mel, o pole ou o propóleo son moi demandados”

Entrevista a Manuel Ferreira, apicultor e presidente da Casa do Mel de Goente, no concello coruñés das Pontes, que este domingo celebra a súa Feira do Queixo e do Mel do Eume.

“O apicultor ten que diversificar: ademais do mel, o pole ou o propóleo son moi demandados”

Manuel Ferreira, apicultor e presidente da Casa do Mel de Goente

Manuel Ferreira é un dos principais impulsores da apicultura na comarca do Eume. Compatibiliza o seu traballo na central térmica das Pontes coa apicultura, a súa verdadeira paixón que lle atraeu dende pequeno vendo as colmeas do seu avó.

Hai agora 14 anos que xunto con grupo de amigos fundou a Casa do Mel de Goente, que hoxe é todo unha referencia para a apicultura en Galicia, cunha aposta decidida pola formación dos socios e pola comercialización e transformación do mel e doutros produtos como pole ou propóleo.

Todas estas delicias poderán ser degustadas e adquiridas polas persoas que se acheguen este domingo á IX edición da Feira do Queixo e do Mel do Eume, en Goente.

Que importancia ten a apicultura na comarca do Eume?
A apicultura na comarca do Eume, como no resto de Galicia, está aumentando moito nos últimos anos, e mesmo hai xente  nova que se incorporou con 200 ou máis colmeas.

Considero que é boa zona para a apicultura porque non podemos esquecer que temos unhas zonas naturais de alto valor, como o Parque Natural das Fragas do Eume, o Monte Forgoselo, o Monte Caxado, ou tamén a restauración da antiga mina, que son zonas sen pesticidas e cunha flora moi apta para as abellas.

Hoxe na DAGA Eume somos uns 200 socios, dos que máis de 100 son da comarca da conca do Eume. A media de colmeas está en máis de 20 por socio, constituíndo na maior parte dos casos un complemento económico.

Pódese dicir que o mel do Eume ten unhas características propias? Habería que diferencialo tamén na etiquetaxe?
Na comarca do Eume en 30 quilómetros pasamos da costa á montaña, e iso nótase na flora e tamén no tipo de mel. É dicir, temos os dous meles que hai en Galicia: os meles claros e os escuros máis de montaña.

Así, este ano na costa tivemos una floración de eucalipto moi boa, tamén houbo moito mel de silva polo abandono de parcelas agrarias; e nas zonas cara á montaña, cara o Monte Caxado e en Muras, temos uns meles de queiroga moi ricos, máis suaves e menos escuros que os meles de Ourense.

En canto á etiquetaxe, sería ideal ter unha etiquetaxe propia de Mel do Eume. Sen embargo, e de forma ilóxica, impídenolo o regulamento da Indicación Xeográfica Mel de Galicia. É dicir, para poder etiquetar o noso mel como Mel do Eume, teríamos que estar dados de alta na IXP Mel de Galicia e que esta nos autorizara a poñer debaixo e en letras máis pequenas Mel do Eume.

 “Sería ideal ter unha etiquetaxe propia de Mel do Eume”

Non se entende que nos viños, na froita, na carne ou nos queixos si se poda facer e no caso do mel non. Considero que é unha inxustiza. Dende a Xunta de Galicia andan traballando en crear unha marca de produtos alimentarios dos parques naturais, e podería haber a posibilidade de etiquetalo como Mel do Parque Natural.

Este parece que está a ser un ano de pouca produción de mel. Tamén é así na vosa comarca?
Fomos unha excepción en Galicia e tivemos gran produción de mel de eucalipto na costa e estamos recollendo bastante boa produción de queiroga na montaña. Tamén recollemos algo de silva e de castiñeiro. Si que houbo zonas de interior onde atacou un pouco a seca e se resentiu un pouco a colleita. Pero en liñas xerais, e a pesar dos ataques da velutina, colleuse unha boa produción.

Están a subir os prezos do mel en orixe?
Vai ser inevitable que suban un pouco debido á escaseza, pero creo que sería contraproducente que subiran a máis de 8,5 euros o quilo de venda ao público, porque non podemos esquecer a situación económica dos nosos clientes, con salarios baixos e nunha comarca como a de Ferrol con moito paro. Se se disparan os prezos poderíamos abrir as portas a que o consumidor se vaia a meles de fóra, de moita menos calidade e garantías sanitarias, pero máis baratos.

Parece que a apicultura está de moda, incluso a nivel amateur. Que consellos básicos lle darías ás persoas que se queren iniciar nesta actividade?
Que sexan moi prudentes e que non baseen todo nas abellas, porque dependes moito da climatoloxía. Así, aconsellaría diversificar de forma que non dependan todos os seus ingresos da apicultura, porque igual un ano tes unha media moi boa, de 50 k por colmea e ao seguinte tes 10 kg.

E logo que sexa moi prudentes, comezando con poucas colmeas, porque comezar no primeiro ou no segundo ano con 200 colmeas é unha tolemia.

 “Non lle recomendo a ninguén a facer só mel, hai que diversificar”

En terceiro lugar, lembraríalles que hoxe a apicultura tes moitas posibilidades e non deben basearse soamente en recoller mel: poden recoller tamén pole, propóleo, xelea real, vender enxamios…etc. Non lle recomendo a ninguén a facer só mel.

Sen embargo, algún apicultor profesional acusa aos amateurs de contribuír á propagación de pragas como a varroa. Compartiría esta opinión?
A medias. Penso que hoxe un apicultor que sexa afeccionado de fin de semana se está en calquera asociación apícola e ten as colmeas rexistradas creo que non prexudica para  nada á apicultura, ao contrario, a beneficia, porque axuda a polinizar as plantas.

As colmeas que están mal coidadas ou abandonadas e son un foco de infeccións existen porque a Xunta o permite. Hoxe hai unha norma que obriga a rexistrar e tratar as colmeas, como calquera outra gandería. E se a Consellería do Medio Rural non o controla e non impón sancións é porque non quere.

A Velutina é un dos principais problemas para a apicultura neste momento. Tamén está a ser así na comarca do Eume?
Moito. O 90% dos nosos socios teñen velutina, e de feito a zona de Viveiro, Ourol ou Cedeira foron das primeiras que atacou en Galicia. Iso fixo que tuveramos que aprender a defendernos dela. Na asociación temos un equipo para retirada de niños, seguros para accidentes e dende o mes de xullo estamos loitando con ese problema ata que ven o inverno.

En que se está a fallar en Galicia para controlar a vespa asiática?
Na investigación, sen lugar a dúbidas. Non se fai e non interesa, e os laboratorios limítanse a vendernos trampas e atraentes, que axudan a paliar o problema pero non o resolven. É certo que a Deputación da Coruña está a financiar un proxecto de investigación, pero do resto non oio nada, agás o que aportamos os apicultores cos medios que temos.

Que métodos de protección están a resultar máis eficaces para protexer as colmeas?
A día de hoxe estanos funcionando moi ben o trampeo de raíñas na primavera, e a xeolocalización pormenorizada dos niños secundarios, non a que publica a Xunta porque non é real. Sobre iso hai que facer bo trampeo na primavera e teno que facer todo o mundo.

“É clave facer un bo trampeo primaveral para reducir a poboación de Vespa Velutina”

E as trampas na primavera hainas que poñer cando corresponde. Por exemplo, na nosa zona non é o mesmo poñer as trampas na costa que na montaña, porque as raíñas de Velutina saen do letargo invernal cun mes de diferencia.

Traballando desta forma lógranse resultados. De feito, este ano fixemos un estudo na primavera en coordinación co clube de montaña e á vista está que houbo moi poucos niños, diría que igual un 70% menos que o ano pasado. Ademais do trampeo primaveral, a retirada de niños secundarios é importante e nótase moito.

En canto á protección das colmeas, funcionan moi ben as arpas eléctricas, pero de momento están en fase de experimentación e mellora. Non eliminas do apiario as avespas asiáticas ao 100% pero polo menos as abellas traballan.

E despois ten que cambiar a forma de traballar do apicultor. É dicir, hai que estimular as colmeas cedo, cando ven a primeira floración para que cando chegue a velutina teñan gran parte do traballo feito. Nunha palabra: a partir de xullo na costa non poden case traballar porque teñen unha presión tremenda, e na montaña un pouco máis tarde. Polo tanto, hai que telas preparadas para que cando veña a velutina xa teñan a colleita feita.

Por que centrades as xornadas técnicas deste ano nos propóleos. ¿Que importancia teñen a nivel nutricional e que posibilidades comerciais?
O importante para o apicultor é diversificar, non basear toda a produción só no mel. O ano pasado adicamos as xornadas técnicas ao pole e arestora os socios xa o están a comercializar directamente. Neste sentido, queremos facer algo parecido co propóleo, dende como sacalo ata as súas aplicacións, e que haxa un antes e un despois para os apicultores da comarca.

Que tipo de mel e que derivados tamén están a ser máis demandados polo mercado? Cara onde cres que se orientará o consumo e que debe facer o sector apicultor galego para aproveitar esta demanda?
Temos unha gran demanda de meles monoflorais, teñen un prezo elevado e case podes pedir o que che pareza. Aquí no Eume deberíamos apostar por meles monoflorais de eucalipto e de queiroga. Tamén poderíamos recoller algún de castiñeiro e de silva.

“No Eume deberíamos apostar por meles monoflorais de eucalipto e de queiroga”

No pole tamén hai demanda e a partir de agora espero que se comercialice mel con propóleo, que se elaboren xabóns e sprais, e tinturas de propóleos que son moi demandadas.

Que lles diría aos visitantes para que se acheguen este domingo á Feira do Mel de Goente?
Afortunadamente vai haber moi bo tempo e vai ser un día no que poden comprar as dúas variedades de mel que temos e o queixo e o requeixo da comarca, dous produtos que maridan deliciosamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información